Visualizacións de páxina totais

29 de maio de 2012

'Hospital de Sangue'







Willy Éter arremete novamente cun espectáculo que pretende aterrorizar a cantos acudan a ver ‘Hospital de Sangue’ no Fórum Metropolitano da Coruña. «Enfant terrible do teatro», como el mesmo se denomina, «incomprendido, guapo, vicioso e con aire aristocrático, traballei de pallaso, clown teatral, cantante de grupos rock, pop e mesmo con algunha orquestra... E logo veu a hecatombe, a nada».

Agora tan só é un «francotirador volto a inventar. Borrei da miña mente todo canto non sabía e comecei de cero. Foi duro. Logo de ser unha estrela incipiente, retornei madurecido e desgastado. Subín ao escenario con mozos que non crían en min, varrín coas miñas propias mans as táboas da escena para que outros as usasen, ao tempo que matinaba en rematar as miñas obras». Porque parece que Willy Éter sempre escribiu: «Primeiro, cartas de amor, e agora espectáculos».

O autor de ‘Hospital de Sangue’ tamén confesa que «no meu interior hai unha enerxía bestial, un mostro encarcerado polo desterro e o silencio, incluso pola miña propia incomprensión, que sae ás veces. E entón se estremecen as cinsas da propia civilización». Porque regresa Willy Éter: «E non para que a natureza continúe o seu curso normal, senón para que comigo acadedes o terror!!».

‘Hospital de sangue’, cunha duración aproximada de 75 minutos, é unha produción de Confetti Brothers (Willy Éter & Luís Quinteiro), compañía de espectáculos de recente creación, derivada de Manicómicos (A Coruña). A proposición ofertada por Confetti Brothers mestura con humor a poesía e a danza, con tendencias escénicas de vangarda coa incorporación das últimas novidades en efectos especiais.

Sinopse: «Logo dun tráxico suceso, Carlo Luna ―un actor mediocre― vese atrapado nunha trama terrorífica que transcorre no antigo Hospital de Sangue. A anguria e o terror levan ao protagonista cara un dilema extremo. Confúndense a metafísica e a realidade e o desenlace é pavoroso. Enfermeiras, psicópatas, doutores con varias personalidades ―e incluso un sinistro duque― inquietan, aterrorizan e provocan gargalladas nun impresionante espectáculo».

Paku Granxa e Lucía Sánchez completan, xunto a Willy Éter e Luís Quinteiro, o elenco teatral.

Lugar: Fórum Metropolitano da Coruña.

Día: venres, 8 de xuño de 2012.

Hora: nove da noite.





 
 
 
 
 
Elenco de 'Hospital de Sangue'