Visualizacións de páxina totais

25 de xan. de 2013

Futuro imperfecto










É máis que curioso, como a estas alturas, isto é, logo de vinte e unha centurias oficiosas de tránsito, unha pequena tribo social continúe a impor as súas regras a practicamente toda a humanidade. Curioso, como pouco. Porque ademais fano con todas as da lei, con luz e taquígrafos. Non se ocultan. E rinse sen ningún pudor festexando as súas falcatruadas.

Por que acontece isto? É difícil de entender. Hai miles de estudos ao respecto. Uns din que por cuestión de protección da manda, que xuntiña parece atoparse mellor, malia a súa incerteza. Os perigos son moitos: os individuos da manda que conforman o exterior, ou os extremos, que se agrupan arredor dos aparentemente máis protexidos, os do centro, aparecen facilmente expostos ao perigo e o seu movemento e tan nervioso que obrigan aos individuos da segunda fronte a encollerse e empurrar aos do interior cara a un espazo cada vez máis reducido. Ás veces, o medo do exterior é tan extremo que moitos dos individuos da manda, inicialmente protexidos debido á súa situación interior, son esmagados pola tropa que busca tamén o seu lugar no círculo de aparente privilexio.

Outros sinalan á cuadratura do círculo como culpable de que a humanidade se venda tan mal como se vende, que vaia en remuíño tras remuíño, agora ao fondo, logo á superficie e novamente ao fondo.

Todo este acomodo atrófico, que é un sen vivir, unha contribución á filharmónica de Berlín, sen Berlín e sen filharmónica, lévanos finalmente á sublimación da desintelixencia. Mentres os señores e as señoras que falan por nós, pola sociedade, que nos din o que debemos facer, tocar ou compoñer, mentres eses señores e señoras nola meten dobrada nada máis agacharmos para, por exemplo, coller do chan un centavo que alguén deixou caer do peto con aleivosía.


Imaxe de ATAÚLFO DE FERABRÁS