Visualizacións de páxina totais

16 de abr. de 2014

Chelo Facal ||| Conversa con:

Artes plásticas










Chelo Facal (A Coruña, 1953) cursou estudos de técnico superior de Cerámica Artística na Escola Paulo Picasso da Coruña, realizou cursos de gravado, modelado e escultura e foi galardoada co Premio Internacional de Cerámica do Museo Pazo Módena (Italia, 2003). Editora da publicación mensual El Artylujio (1986) e colaboradora no semanario A Nosa Terra, Chelo Facal realizou mesmo as ilustracións para os libros To be continued... (Manuel Carballido, 1990) e Kitaro / Ti (Brais do Castro, Novos Vieiros, 2001).
Os seus comezos na actividade pictórica represéntana a través dunhas disposicións anárquicas reflectidas na década dos oitenta, período no que a súa pintura flúe impulsivamente e produce de xeito prolífico, louco e divertido: emprega óleos, ceras tintas, lapiseiros, acuarelas, pasteis, acrílicos, anilinas ou barro; realiza gravados e tenta familiarizarse coa escultura en pedra sen perder de vista o traballo co vidro. Na década dos noventa, o seu labor é menos impulsivo, máis estático e máis técnico, que abandona a principios de 1996 para retornar cara o seu primeiro pulo dos oitenta (mesturado coa técnica dos noventa, que complementa a súa creación).

Pregunta.- Na actualidade, como te situarías?

Resposta.- Hai unha necesidade interna, á que lle son totalmente fiel, de reordenación de enerxías. A inspiración ou manifestación dunha obra forma parte desta nova reordenación. E para expresala utilizo, xunto coa miña propia aprendizaxe, técnicas e pescudas recorridas ao longo dos anos de labor. E, á vez, áchome aberta a novas propostas e xeitos que complementan esta enerxía. Cando un vive como artista, todo aparece como color, son, espazo e forma.

P.- Segundo a crítica, a túa arte pictórica oriéntase cara un expresionismo suave. Pero tamén aparecen na túa plástica outras presenzas. Algúns preséntanas como ‘arte pop’, «cunha acusada tendencia á arte visual do cómic». Cal é a túa propia definición?

R.- Cómpre salientar que malia que cada época e cultura crean a súa propia arte, áchanse condicionadas por un sistema de valores, iconas e múltiples significados que lles son propios. Somos unha influencia de todos os nosos coñecementos, tanto conscientes coma inconscientes. Trátase, polo tanto, dun conxunto de detalles, da influencia por todo canto acontece ao noso redor, polos nosos propios coñecementos, tanto conscientes coma inconscientes. E esa relación, xunto coa arte, conforman o reflexo desa harmonía que somos nós nesa ligazón con canto nos arrodea.

P.- Primeiro a pintura, logo a escultura. Quen influíu na túa decisión de achegarte á escultura? E como xurdiu?

R.- É tan extensa que non é fácil de explicar nun trazo, se ben podo dicir que responde a unha necesidade de continuar aberta a esa enerxía, abandonando as diferentes manifestacións e avanzando en distintas direccións.

P.- Hai inspiración realmente ou pintar ou esculpir é unicamente unha forma como outra calquera de realizar unha obra, sen máis? Existe realmente a arte?

R.- A verdadeira arte é unha liberación na selva do noso egoísmo, malia que só sexa durante un instante. Libéranos dos hábitos mentais repetitivos. Unha obra de arte ten ese poder. A esta expresión artística poderíaselle denominar arte ‘sacra’. Evidentemente, tamén existe outra ‘arte’, á que se lle podería configurar  como arte decorativa.

P.- Que é para ti a color? Que sentido teñen as cores nun lenzo?

R.- Se ben considero que todo son indicadores da verdade e a beleza, hai obxectos que, debido á súa excelencia, me devolven a esa verdade e a esa fermosura. E, para min, a color é unha desas singularidades.

P.- Que tipo de materiais empregas na escultura?

R.- Utilizo ferro, madeira, barros de baixa temperatura, con chacota e gres, e chacota de alta. Nalgún momento traballei con cartón pedra.

P.- Nestes días exhibes a túa obra (pintura e escultura) no Colexio de Médicos da Coruña. Que é o que propós nesa mostra?

R.- Sería interesante que a mente do espectador, nunha primeira ollada, abandonase o proceso conceptual culpable de definir, e que non dividise o que non está dividido. Que quedase libre dos seus pensamentos e do excesivo sentido de si mesmo. Que observe e se relaxe e reencontre as enerxías e viva un reflexo da harmonía que gozamos en común co que nos abeira.

P.- Finalmente, como ve unha artista á sociedade actual? Débese comprometer ou o seu traballo debe transcender unicamente no mundo do etéreo?

R.- A sociedade actual é un sego do que somos nós mesmos como individuos separados. Non debemos esquecer que a sociedade conformámola nós. O artista, como calquera outra persoa, se busca honestamente no seu interior, verase reflectido no mundo exterior. E, por conseguinte, na súa propia obra.

Chelo Facal exhibe a súa obra no Colexio Médico da Coruña