Visualizacións de páxina totais
18 de xuño de 2010
FÚTBOL E PROPAGANDA
A Lei de Prensa e Imprenta que rexe no Estado español é principalmente un compendio da denominada no seu día como ‘Lei Fraga’ (En defensa propia, Xosé Luís Gutiérrez, Saber e Comunicación, S.L., 2005). Na actualidade, pese ás circunstancias democráticas e constitucionais que amparan a liberdade de expresión, a propaganda a todos os niveis (institucionais, sociais, políticos, económicos, etcétera) segue a ser a arma ideal para rebaixar a intensidade dos acontecementos máis preocupantes do ámbito social. Así vemos como, para desviar tensións, as institucións acoden a programacións propias doutras circunstancias (a antiga Roma, co seu pan e circo, por exemplo). E coas novas modalidades propagandísticas desvían á sociedade da súa responsabilidade principal. Na idade moderna, o fútbol supón a máis relevante concentración propagandística a prol do desvío das problemáticas sociais.
Durante a ditadura de Franco, que utilizaba de marabilla a propaganda de desviación (fútbol, touros e incluso boxeo), déronse situacións propagandísticas tan ridículas que incluso os responsables do Ministerio de Propaganda (Información e Turismo era o seu nome formal) destituíron a algún daqueles persoeiros que durante as súas narracións de exaltación patriótica rozaban o desequilibrio, caso de Bobby Deglané, quen durante un combate entre un levantador de pedras reconvertido a boxeador (Urtain) e un puxilista profesional (Cooper, malia que mediocre, se ben se enfrontara en dúas ocasións con Mohamed Alí) confundiu aos telespectadores (quen comprobaban como o primeiro estaba a recibir unha tremenda malleira mentres sangraba abundantemente, previndo que duraría poucos asaltos máis). Os telespectadores estaban a ver ese combate, pero Bobby Deglané narraba todo o contrario, xustificándose nunha ‘furia española’ que non debía estar nada máis ca na súa imaxinación. De feito, Urtain caeu maltreito nun dicir amén.
Pois ben, logo diso, a Bobby Deglané pecháronselle as portas da televisión pública. Parece que aos responsables do Ministerio de Propaganda non lles mereceu demasiado crédito aquilo da ‘furia española’ contrita e desarborada. E iso que se trataba das autoridades franquistas.
Sen embargo, nestes días de pan e fútbol que serven para esquecer os graves problemas que afectan á humanidade, grazas a tanto especulador favorecido pola lei, a propaganda contribúe a asentar as conciencias sociais cos mesmos argumentos de desviación da atención aos feitos reais. E así oímos novamente a comentaristas narrando barbaridades sen límite sobre a ‘furia española’ mentres esa furia vai perdendo fol e, como no caso de Urtain, está a piques de caer ao chan esnaquizada.
16 de xuño de 2010
SETESTRELO
Os días 25 (venres) e 26 (sábado) de xuño celébrase na Estrada o Segundo Aniversario da Centro Social Setestrelo. O venres (oito do serán, no local do centro, rúa Pérez Viondi, 9) centrarase na Historia das bandeiras de Galiza, palestra na que participarán José Manuel Barbosa Alvares, Seném Outeiro e Carlos Garrido.
Para o sábado, ademais da exhibición de billarda no campo de fútbol da Baiuca (a partir das catro da tarde), está previsto un concerto musical coa participación de Esquíos e Mencer Vermello (contra as dez e media da noite, no local do centro).
14 de xuño de 2010
REFORMA LABORAL
É curioso como mudan as cousas: os socialistas vólvense burgueses e os populares convértense en socialistas. Mentres o dirixente segundo do Partido Socialista ameaza con converter a reforma laboral nunha arma de combate coa que asombrar ao mundo empresarial (sobre o ben que entenden a desfeita dos especuladores e da súa capacidade para virar todo canto se vai embarullando a cotío), a homóloga do Partido Popular aparece cun discurso retórico no que transcende a súa vontade de apropiarse da defensa dos intereses dos traballadores. O mundo ao revés.
Mais, claro, sabíase xa como as gastaban estes especuladores da política, que non se cortan nada de mudar de traxe cando o vento parece que lles dá ás para empolicarse ao máis alto do Goberno do Estado. Ata a señora dirixente dos populares se permitiu unha ‘palestina’. Agora xa só nos queda por ver se nos ríos hai viño en lugar de auga.
Pero o asunto non son os discursos. O asunto é moito máis grave ca iso. O asunto é que tanto uns coma outros se comportan como parvos. Non se decatan de que máis tarde ou máis cedo quedarán co cu ao aire e toda parola se lles irá a pique. E que ademais pretenden que a sociedade comulgue con rodas de muíño. A estas alturas. Cando os muros máis que termar dunha entrada, o único que representan é a vontade de buscar a saída.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)