'O falar non ten cancela'
Talvez a gran maioría da sociedade española goce coa denominada Festa Nacional na que un home dirime cómo matar a un touro, algo politicamente correcto.
Arguméntase que o touro está destinado ao sacrificio, xa que se cultiva como touro de lidia. Independentemente diso, o touro, unha vez sacrificado no coso ante a mirada dunha multitude afervoada, servirá para engrosar a intendencia da industria cárnica e outras nimiedades.
Ben, pois dende a miña miúda cancela, e pese a non ser precisamente vexetariano, négome a validar tal comportamento sádico do home da capa e a espada, malia que brillantes líricos e prosaicos pensadores profesasen e profesen unha santa e prolífica confesionalidade cara a tal afección. E, polo tanto, dentro da mesma lóxica, cando hai noticia de que un toureiro ten unha contrariedade derivada do corno dun touro bravo, nin me sinto ben nin me sinto mal. Dáme igual. E iso non é politicamente correcto.
Pásame outro tanto coa belicosidade industrial, esas guerras santas provocadas polas industrias de armamento: guerreiros uniformados, armados ata os dentes, combaten contra exércitos inexistentes, pobres, escasamente fornecidos e humillados nos seus propios territorios. Non se trata de salvar ao mundo, senón de disfrazalo con múltiples artimañas, que xeran, nos máis dos casos, xenocidios encubertos. E eu négome tamén aquí a ser politicamente correcto. Nin me parece ben nin me parece mal a morte dun soldado, acaso unha simple estatística como tantas outras que aparecen a cotío reflectindo datos sobre baixas (tanto en ocupacións denominadas de alto risco coma en accidentes de circulación, por exemplo). O paradoxo é que no caso da guerra, algúns consideran o touro como símbolo de orgullo e virilidade. / Brais do Castro (Imaxe: AP)
Ningún comentario:
Publicar un comentario