Visualizacións de páxina totais

27 de abr. de 2010

VIDAS TRUNCADAS



Frank Isaac País García

(Santiago de Cuba, 1934-1957). Fillo de galegos de Marín (Pontevedra) que emigraron a Cuba, cursou estudos de arquitectura e graduouse como mestre na Escola Normal de Mestres de Santiago de Cuba. Integrado no Movemento 26 de Xullo e considerado ‘mártir da revolución cubana’, salientou como un dos principais dirixentes da Asociación de Estudantes e do movemento latinoamericano da reforma universitaria. No Bloque Revolucionario Estudantil Normativo, constituíu a Federación Local de Centros de Segundo Ensino e promoveu o Directorio Estudantil Revolucionario. A súa postura en contra da ditadura de Fulxencio Batista levouno a solicitar armas para defender o goberno democrático de Carlos Prío Socarrás. Pese ás súas influencias cristiás, entregouse plenamente aos ideais revolucionarios da época, fundando a Acción Revolucionaria Oriental (logo denominada Acción Nacional Revolucionaria) co fin de organizar a loita armada contra a ditadura.


Frank País, que promoveu xunto a Fidel Castro o Movemento 26 de Xullo (1955), foi designado xefe de ‘acción e sabotaxe’ e dirixiu o levantamento armado en Santiago de Cuba (1956) en apoio dos expedicionarios arribados a Cuba dende México no iate Granma. Detido e xulgado pola súa participación nas loitas contra o réxime, logo de ser absolvido grazas á presión popular, dedicouse especialmente á organización e apoio á guerrilla rebelde na serra Maestra, así como a espallar a insurrección en toda a illa.

Un mes despois da morte do seu irmán Xosué, Frank País foi abatido nunha calexa de Santiago de Cuba en circunstancias aínda non aclaradas. En resposta ao seu asasinato, declarouse unha folga xeral en Cuba e o seu soterramento organizouse como un desafío á ditadura de Fulxencio Batista, coincidindo coa máis ampla manifestación popular coñecida ata entón na cidade oriental cubana. [Ilustración de Xavier Dans Mayor] ***

Ningún comentario:

Publicar un comentario