Visualizacións de páxina totais

26 de maio de 2010

HAI QUE FACER UN PLAN?


É o que Rajoy di: «Hai que facer un plan». Mais non explica qué clase de plan.

Plans hai moitos, incluso o Plan Galicia, que non se sabe para qué serviu. E agora o Goberno debe facer un plan. Será o plan B?

Cando o Deportivo estaba na Segunda División, de capa caída, logo dun deses partidos desastrosos que levaban ao club coruñés cara a Terceira División, un xornalista cominou ao entón adestrador deportivista Arsenio Iglesias a tomar medidas. Arsenio respondeulle axiña, sen pensalo: «Coma non sexa cunha regra!».

Pois ese plan que pretende o funcionario Rajoy, esas medidas que segundo el debe tomar con urxencia o Goberno, tampouco serán nada fáciles de tomar, agás que se utilice o sistema métrico decimal. Porque o que non ten solución non se arranxa por moito plan e máis demagoxia que se pretenda.

A reforma laboral solicitada por Rajoy, ‘para crear emprego’, comprende sobre todo o abaratamento do despedimento e o recorte de dereitos laborais. Isto é, de se concretar tal reforma, calquera empresario poderá contratar a quen lle pete, traballando de sol a sol e a baixo custe. Ese parece o plan de Rajoy, para empezar. Logo, seguindo as súas directrices, xa se sabe por onde continuará.

O plan e o sistema métrico decimal non parece que sirvan para moito máis que para favorecer novamente a incautación de plusvalía dos máis febles: os traballadores. E por moito que ‘parola parola’, o asunto da crise non se amaña cun simple plan.

En todo caso cómpre, como mínimo, que os políticos acaden algo de sentido común e que pensen máis na sociedade en xeral e non só neles mesmos; que se expresen como persoas maduras, adultas, razoables, discretas: como funcionarios ao servizo da sociedade e non para servirse dela.

En tempos de crise débense alixeirar as bolsas, precisamente, de quen provocan ou axudan a provocar tales crises: das grandes empresas e entidades financeiras (Repsol, Endesa, Iberdrola, Cepsa, Ferrovial, Telefónica, BBV, Banco de Santander, etcétera, etcétera, etcétera); débense eliminar gastos superfluos, como o militar (que xa parece isto a ‘Guerra das Galaxias’. Predícase por unha parte a globalización e por outra cada país individualmente produce o seu propio arsenal), e suprimir todo tipo de gastos impropios dun Estado exemplar.

En fin, que non sempre sexan os mesmos quen padezan o desprezo das grandes economías. Esas si serían medidas para intentar un acordo global. O resto é simplemente retórica. E fútbol e touros (circo, na antiga Roma): «Alegría, alegría, que fame non ha faltar!».

Ningún comentario:

Publicar un comentario