Visualizacións de páxina totais
20 de set. de 2010
SINDICATOS?
«Y tiene que llover...
y tiene que llover...
a cántaros...»
[Xosé Antón Labordeta]
Zipe e Zape como curiosidade non quedan mal: ambos os dous son ‘funcionarios’ que cobran do erario público en calidade de representantes duns sindicatos (na actualidade, sen ideario político real: como dúas gotas de auga) que din defender os intereses dos asalariados. E trátase ademais de sindicatos estatais que a estas alturas carecen de autenticidade: a normativa actual regula gran parte da cuestión socio-laboral. E ante a necesidade de organización dos traballadores en base a unha perda dos seus dereitos, estes deberían ser quen asumisen o mandado, en cada caso, de xeito asembleario. Porque se trata de aforrar e ser efectivo: aforrar o diñeiro que os contribuíntes a través do Estado destinan ao pagamento destes funcionarios especiais (caso tamén dos políticos e as súas propias organizacións, que mesmo quebran a caixa pública en cada proceso electoral).
A Zipi e Zape fáltalles a claridade necesaria para convocar unha folga xeral, dado que se trata dun pronunciamento inocuo, inservible: a reforma laboral xa está encamiñada e sen posibilidade de retorno.
Unha folga xeral faise para vencer, para impedir á Administración pusilánime (amedrentada fronte a máis recalcitrante dereita) que se aventure a provocar fendas na masa social, sobre todo na parte menos favorecida (caso, por exemplo, dos que non dispoñen de cobertura salarial ou social públicas), algo que a Zipe e Zape (segundo as súas propias dúbidas) non lles merece moito gasto de saliva.
En todo caso, unha folga xeral debe ser xeral e indefinida ata acadar o que se pretende. Non ten razón de ser unha folga testemuñal, agás se non é para quedar ben e darse un baño de publicidade nos medios.
Trátase, pois, duns bos amigos de Zetapé, que cumpren escrupulosamente coa súa relixión convocando unha folga lexitimada polo ‘páter altísimo’ a sabendas de que logo de que ‘pase o día, pasou a romaría’. E todos contentos.
Parafraseando a Labordeta, que agardaba que a ‘auga’ acabase con calquera asomo de fascismo, algo certamente difícil dado que son demasiados, propoño un novo slogan: «Váianse vostedes á merda: Zipi, Zape e Zetapé!».
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario