Hai unha historia indeleble, que se escriba ou non, reflicte o acontecer diario e deixa a pegada determinante desta humanidade chea de contradicións. O mundo áchase dividido, onte, hoxe e, con seguridade, se unha convulsión externa non o remedia, mañá, en dúas ‘razas’: ricos e pobres. É certo que algúns estudosos da simetría consideran que hai unha raza intermedia denominada clase media. Pero todo iso é mentira. Tal clase media é xustamente o elo para que os ricos, que por certo son unha porcentaxe ínfima da humanidade, poidan seguir manexando os fíos do seu sistema. E para iso inventaron a ‘democracia’.
Pero ese invento, denominado de xeito tan rimbombante democracia, non é real, non serve porque non se axusta ao seu significado. Trátase dun vocábulo utilizable soamente polos ricos para que os pobres continúen coa súa escravitude permanente e se limiten única e exclusivamente a agardar a que a vida sexa algo máis fácil para eles. Pero seguen a ser pobres e escravos.
A raza intermedia, entre Pinto e Valdemoro, por exemplo, para nos entender, tamén é pobre, pero non o sabe. Os intermedios coidan que traballando para o patrón, gabando a súa omnipotencia, algún día chegarán tamén a ser parte do sistema: capataces do patrón como mínimo, malia que sexa nas proximidades da fin da súa existencia.
E esa é a cuestión, a grandes trazos. De aí a necesidade de orde, de presenza policial, para defender o territorio dos ricos. E quen mellor para a súa defensa que os intermedios.
E a onde queremos chegar con isto? Pois ao que denominan eleccións ‘democráticas’. Porque non é certo, non son democráticas. Trátase das eleccións financiadas polos ricos que contentan aos intermedios (unha gran porcentaxe que fai imposible superala independentemente e libremente por alternativas singulares) con esas prebendas propias dos negociantes (antigamente, cando se roubaba cambiábase area por pedras preciosas), caso por exemplo do que denominan seguridade.
Aí aparece a vixilancia policial. A policía vixía primeiro as mansións dos ricos, logo as dos intermedios que, dalgún xeito, procuran o benestar dos ricos. E cando o sistema comproba que aparecen cambios na súa rutina, non dubida en restablecer as condicións anteriores, con todas as armas ao seu alcance.
A brutalidade policial é consecuencia de algo moi sinxelo: que nada mude.
A democracia é o de menos. A ditadura, con ou sen eleccións, é xustamente isto.
Imaxe de EFE / TVE
Ningún comentario:
Publicar un comentario