Visualizacións de páxina totais

6 de xul. de 2011

Cantigas de escarnio







Encántanme as persoas como a señora Pajín, que non dubidan en abrir a boca e botar por ela todo canto se lles ocorre sen pararse un chisco a pensar o que van dicir. Gozo coa súa retórica. E, polo mesmo, coido que tamén lle satisfará á sociedade en xeral, dado que somos animais de costumes.

Está claro que non é só a señora Pajín quen incorre nunha, como mínimo, indelicadeza cara á sociedade. E que non é o único político incapaz de comportarse como lle demanda a súa condición de hipotético servidor social. Sobre todo, cando explica que o que pretende é trasladar a súa condición de elite ao terreo dos menos favorecidos, porque non cadra.

Digamos, que a señora Pajín non é o único elemento sospeitoso de mofarse da cidadanía sen cortarse un cabelo. Como a señora Pajín hai miles de humanos nunha e noutra beira (masculinos e femininos). As súas gargalladas séntense de norte a sur e de leste ao oeste. E a diario aparecen máis, e máis, e máis. Semella que o asunto non ten arranxo de ningún xeito.

Se botamos unha ollada nas hemerotecas, veremos que en todas as épocas houbo aproveitados a moreas. Pero seguiron aproveitándose. E seguirán aproveitándose. Persoeiros como a señora Pajín, abondan. E de seguro que mañá, cando a señora Pajín estea xubilada, estarán aí ocupando o seu posto novas señoras ou señores Pajín.

En fin, encántame esta singular señora que pretende daquel xeito tan inocente coma profiláctico establecer unha equidade abstracta: co seu salario non resulta difícil exercer de proletaria.

O negativo é que ao proletario, malia que o desexe, non lle é posible exercer nin sequera de proletario. E moito menos de ricachón.

Paradoxos retóricos.





Imaxe recollida 

de GurusBlog


Ningún comentario:

Publicar un comentario