Visualizacións de páxina totais

Amosando publicacións coa etiqueta Teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teatro. Amosar todas as publicacións

29 de maio de 2012

'Hospital de Sangue'







Willy Éter arremete novamente cun espectáculo que pretende aterrorizar a cantos acudan a ver ‘Hospital de Sangue’ no Fórum Metropolitano da Coruña. «Enfant terrible do teatro», como el mesmo se denomina, «incomprendido, guapo, vicioso e con aire aristocrático, traballei de pallaso, clown teatral, cantante de grupos rock, pop e mesmo con algunha orquestra... E logo veu a hecatombe, a nada».

Agora tan só é un «francotirador volto a inventar. Borrei da miña mente todo canto non sabía e comecei de cero. Foi duro. Logo de ser unha estrela incipiente, retornei madurecido e desgastado. Subín ao escenario con mozos que non crían en min, varrín coas miñas propias mans as táboas da escena para que outros as usasen, ao tempo que matinaba en rematar as miñas obras». Porque parece que Willy Éter sempre escribiu: «Primeiro, cartas de amor, e agora espectáculos».

O autor de ‘Hospital de Sangue’ tamén confesa que «no meu interior hai unha enerxía bestial, un mostro encarcerado polo desterro e o silencio, incluso pola miña propia incomprensión, que sae ás veces. E entón se estremecen as cinsas da propia civilización». Porque regresa Willy Éter: «E non para que a natureza continúe o seu curso normal, senón para que comigo acadedes o terror!!».

‘Hospital de sangue’, cunha duración aproximada de 75 minutos, é unha produción de Confetti Brothers (Willy Éter & Luís Quinteiro), compañía de espectáculos de recente creación, derivada de Manicómicos (A Coruña). A proposición ofertada por Confetti Brothers mestura con humor a poesía e a danza, con tendencias escénicas de vangarda coa incorporación das últimas novidades en efectos especiais.

Sinopse: «Logo dun tráxico suceso, Carlo Luna ―un actor mediocre― vese atrapado nunha trama terrorífica que transcorre no antigo Hospital de Sangue. A anguria e o terror levan ao protagonista cara un dilema extremo. Confúndense a metafísica e a realidade e o desenlace é pavoroso. Enfermeiras, psicópatas, doutores con varias personalidades ―e incluso un sinistro duque― inquietan, aterrorizan e provocan gargalladas nun impresionante espectáculo».

Paku Granxa e Lucía Sánchez completan, xunto a Willy Éter e Luís Quinteiro, o elenco teatral.

Lugar: Fórum Metropolitano da Coruña.

Día: venres, 8 de xuño de 2012.

Hora: nove da noite.





 
 
 
 
 
Elenco de 'Hospital de Sangue'

7 de mar. de 2011

'Perfomance' na Normal da Coruña





Perfomance na Normal (A Coruña), nunha pequena sala, pero abarrotada, baixo o título Operatorio. Unha idea orixinal, malia que xa antiga, de Antía Otero e CarlosNeira, apoiada polas cores lumínicas de Octavio Mas. Aconteceu o pasado venres, 4 de marzo.



Os autores, que utilizaron os recursos de «metateatro e metacine, así como o espazo ‘trans’ xerado por ambas as dúas disciplinas», formalizaron un discurso entre ficticio e real manifestado «na veleidade, o desexo de ser alguén, coa forza precisa para saír da fonda soidade provocada polo anonimato...».





Antía Otero Rodríguez (A Estrada, Pontevedra, 1982) formouse na Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto de Compostela xunto a Carlos Neira, realizou varios traballos no eido audiovisual (Contra viento y marea ou Os Atlánticos) e no campo da escena (Silencios de guerra ou Artistas) e dirixiu os documentais MM con M de metáfora (Ardora Filmes,2007) e Compostelarte (Auditorio de Galicia).




Otero Rodríguez, licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Compostela, vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cultiva tamén a poesía e publicou, entre outros traballos, os libros O son da xordeira (Espiral Maior, 2003), (Retro)visor (Xerais, 2010).




Carlos Neira Noya (Vila de Cruces, Pontevedra, 1961) desenvolve a súa actividade profesional no campo teatral e no ensino. Titulado en Interpretación Actoral polo centro de investigación teatral A Casona (Barcelona), actor e director teatral, en 2006 fundou o Nut Teatro, no que vén desempeñando o labor de director artístico.

















Instantáneas da perfomance.