Retorno ao asfalto logo dun tempo acubillado
nunha cova, onde o único que escoitaba ao meu redor era o son invisible dalgúns
morcegos que agardaban meterme o dedo no ollo. O que por outra parte non importaba
dada a miña cegueira crónica.
Nas aforas notábase só a calor abafante dun
verán que comezaba a dar os seus froitos case a destempo.
Acabáronse as cereixas. Haberá que agardar un
novo ano, se é que vén, se quere vir (que lle dá moito medo), un ano que
establecerá mesmo as fórmulas polas que se rexerá a nova sociedade.
Os próximos informáronme de contado: sobe a
electricidade, a auga e todo canto o consumo propulsou para que nós, os cegos,
enriquecésemos aos tortos.
Algo semellante, a cando decidín marchar e
arredarme do mundo para illarme nunha cova.
Dixéronme tamén que Beiras marchou do BNG co
seu ‘Encontro Irmandiño’, constituíu Anova, xuntouse coa Fronte Popular Galega
(outrora guiada por Méndez Ferrín) e está a piques de asociarse a Esquerda
Unida.
Pero aínda hai máis: un tal Xoán Bascuas
(tamén provinte do BNG) inventou Máis Galiza, que en maio de 2012 converteuse
en Compromiso por Galicia (parece que o ‘z’ non lles cadraba), e xunto a unha
denominada ‘esquerda ecoloxista’ pretenden confabular un centro progresista e
socialdemócrata.
Daquela, como mínimo, ademais do BNG, que
segue nos seus trece, aparecen no espectro político estoutras dúas opcións de
corte galeguista: Anova e Compromiso por Galicia.
O de Xosé Manuel Beiras recende ao canto do
cisne, se ben cun certo romanticismo esquerdista. Pero o de Bascuas cheira
claramente a torto no país dos cegos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario