Chama a atención a curiosa observación do
señor Barreiro Rivas (‘Sobre o sagrado dereito a elixir pallasos’, La Voz de Galicia, 28-2-13) invocando ao
entendemento da democracia grazas á posibilidade de equivocación do ‘pobo’. O
que non nos di é a calidade de equivocarse dese pobo. Di tamén que ao pobo non
lle gusta que lle sinalen os seus erros e de aí as súas preferencias polo
político que cultiva o culto ao diaño (demonolatría:
culto supersticiosos que se lle rende ao diaño), ao adulador que «a cambio de
reducir o electorado ao infantilismo, asume todas as consecuencias da acción
política» (se ben Burdeau anda un tanto atrasado: estamos no século XXI),
engadindo que tal «substitución de responsabilidades non é máis ca un engano
colectivo que nesga o diagnóstico dos problemas e imposibilita a súa solución».
O señor Barreiro Rivas refírese
efectivamente a Italia, onde acaba de falar o pobo, segundo el mesmo reflicte.
E presume que en lugar de dar exemplo de virtude e claridade política evidencia
«a supina ignorancia e a levidade coa que se tratan os asuntos públicos». E
precisa que non ha de haber perdón para tamaña elección esperpéntica. O señor
Barreiro alégrase tamén polo prezo que custará tal «estupidez, mesturada con
demagoxia, insensatez e autoritarismo, que se estende pola culta e anciá Europa
como un regueiro de pólvora».
Italia contra Europa, fía, incorporando a
Grecia, República Checa e Reino Unido, escépticos, cada un na súa medida, da
‘eurozona’; comparando a persoeiros españois do pretérito coa singularidade
deste século, e acudindo a Deus para que poña remedio ou será peor.
Descúlpase finalmente o señor Barreiro
Rivas afirmando que non será el quen lle negue ao «pobo soberano o seu dereito
a facer ou dicir paridas». E precisa que o único que pretende é que os seus
lectores saiban que cando se fan parvadas hai que asumilas con todas as da lei:
«Os italianos votaron así porque cren que aos pobos europeos lles fai graza ese
xeito de desautorizar a Merkel. E elixiron a un bufón, un pallaso e un señor de
esquerdas que non poderá gobernar. E iso significa tres cousas: que nos
inflaremos a facturas, que a saída da crise está máis arredada e é máis escura
e que os novos aínda terán que emigrar a Alemaña. Porque as grazas do pobo,
cando se fan, páganse».
Todo moi bonito, se ben non hai que ser
clarividente para entender que ese pobo soberano que ten dereito a facer ou
dicir paridas non concorda coa tese do señor Barreiro Rivas, que prefire que as
paridas as fagan só os seus ‘coñecidos’. Por outro lado, as facturas estámolas
pagando dende hai moito tempo e de todas clases (a Xan e Perillán e Cascallán;
dar nomes xa aburre). E a crise máis arredada e máis escura padecémola dende
que o mundo o gobernan personaxes coa clarividencia semellante á súa. Que máis
dá que sexan pallasos profesionais, que imbéciles e escuros? O pobo leva
emigrando dende que se coñece o lume, sobre todo o pobo galego. E xustamente o
pobo galego leva ríndolle as grazas a todo canto mangante se aproveita del. E
pagándoo moi caro, señor Barreiro Rivas. Ou acaso non se acorda daquilo de:
«Mexan por nós...».
Pois mire, señor Barreiro, permítame
expresar a miña humilde opinión sobre o sagrado dereito a elixir pallasos: Hai
pallasos e pallasos.
Documentación: Xosé
Luís Barreiro Rivas, ex vicepresidente da Xunta de Galicia, foi condenado polo
Supremo en 1990 a
seis anos e un día de inhabilitación especial por prevaricación [http://elpais.com/diario/1990/09/22/espana/653954423_850215.html].
As caricaturas de Silvio Berlusconi, Pier
Luigi Bersani, Beppe Grillo (pallaso, inferior dereita)
e Mario Monti nun
programa da televisión italiana [Imaxe de TVE]
|
Ningún comentario:
Publicar un comentario