O que for responsable da xestión dos corenta
millóns de pesetas que a Xunta de Galicia lle concedera en 2008 á produtora
Directo Producciones, S.L. (amparando o guión ‘Setembro’ de Xosé Manuel Bazarra
Maneiro ‘Sepi’), enviounos un correo electrónico o pasado 1 de xuño de 2013.
Primeiramente, solicitaba a ‘inmediata cancelación dos post’ fechados por Ollo Crítico (ACD) o 9 de febreiro de 2009 e o 5
de marzo do mesmo ano. Informábanos tamén que o artigo 16 da LOPD púñanos aos
pés dos cabalos se non rectificábamos ou cancelábamos ditos post no prazo de dez días.
Ollo Crítico (ACD), estrañado por este
recordatorio xa pasado de páxina, consultou novamente coas súas fontes por se
informara de xeito torto. As súas fontes confirmaron novamente todo canto se
publicara.
O señor Magán dicía sentirse afectado por
«semellantes difamacións, que permanecen no tempo. Aforro calquera tipo de
comentario ante un acto tan valente e moral como difamar publicamente a unha
persoa, sen coñecela, con acusacións obxectivamente falsas e utilizando un
pseudónimo, soamente coa finalidade de causarlle un prexuízo grave».
Coa súa linguaxe cativa realizou unha «última
observación: como pasados dez días dende esta comunicación non desapareza por
completo calquera referencia directa ou indirecta á miña persoa, porei o asunto
en coñecemento da Axencia Española de Protección de Datos», salientando non
desbotar a reclamación por vía civil.
Ollo Crítico (ACD) tomou o correo como unha
perrencha e non lle deu importancia. Pero o vindeiro 5 de xullo de 2013 recibiu
unha nova comunicación: «Ao covarde que se oculta e non dá a cara..». Magán
indicaba que en vista do «resultado obtido na miña comunicación anterior, que
saibas que a partir do luns 8 de xullo comezo accións legais. E agora si que o
asunto convértese nunha cuestión de principios. Así que vou ata o final. Caia
quen caia... Verémonos diante dun xuíz».
Ningún comentario:
Publicar un comentario