Visualizacións de páxina totais

24 de xul. de 2013

25 de xullo?









O Día de Galiza. O 25 de xullo de 1920, Irmandades da Fala organizou o primeiro Día de Galiza aproveitando a solemnidade da data na que Galiza festexa ao apóstolo Santiago. Lembrarao ‘A Nosa Terra’, órgano das Irmandades da Fala na Coruña, o 25 de xullo de 1923: «Hai tres anos que os nacionalistas vimos celebrando no día de Sant-Iago o Día de Galiza, día de santidade en que os nosos corazóns renovan seu voto diante o altar da patria, día de ledicia en que todos os galegos nos sentimos irmáns, día de esperanza en mellores días, día en que as nosas almas voan cara os horizontes de días en que aínda non viñeron, pero que virán, que xa se ollan no alén envoltos en brancura de nova liberdade». O 15 de agosto dese mesmo ano, ‘A Nosa Terra’ insiste en lembrar como nos anos 1920, 1921 e 1922 se celebrou libremente, sen obstáculos, incluso con «certa esperanza de renovación e de crecemento dos símbolos patrióticos, dende a bandeira, que chameaba libremente, ata o escudo, o himno e outros símbolos non tan característicos, pero igualmente atractivos para os galegos, como a cruz de Compostela». Corresponde, pois, ás Irmandades da Fala o mérito de ter destacado a transcendencia do día 25 de xullo como o Día de Galiza.
Pouco durou a euforia, pois o endurecemento da política da ditadura afectou directamente a este acontecemento, aos actos públicos e, sobre todo, á publicidade dos símbolos. ‘A Nosa Terra’ no seu editorial do 25 de xullo de 1924 expresaríao claramente: «Na imposibilidade de o poder facer do noso gusto, e tal como debera, sírvanos de consolo (que remedio senón conformarse!) a afirmación neste día de canto dixemos e pensabamos na mesma data en tempos pretéritos, máis suaves e propicios, que cobizamos para o porvir».
En 1925 ‘A Nosa Terra’ quéixase de non ter podido facer máis en favor da propaganda galega. Música galega nos cafés da Coruña, números extraordinarios nos xornais con algún artigo en galego e unha cea de confraternidade dos militantes das Irmandades compoñen os escasos actos. O 25 de abril de 1926, ‘Céltiga’ tamén lanzará a mesma queixa dende Bos Aires. Hai que agardar á dulcificación rexionalista de 1930 para que retomen as bandeiras, como aconteceu en Ourense na festividade do Corpus. E xa definitivamente durante a II República producirase un período de riqueza simbólica como non tivo Galiza en ningún momento da súa historia. Irmandades da Fala continuará a súa propaganda e o 25 de xullo de 1931 poderá expresar novamente o seu galeguismo. O Partido Galeguista, pola súa banda, realizará unha intensa propaganda en favor do día e o mesmo 25 de xullo de 1931 exhibirá o seu galeguismo de xeito entusiasta. En 1932, ante a necesidade de traballar a favor do Estatuto Galego, o Partido Galeguista realizou un intenso labor de propaganda e de celebración do Día de Galiza. ‘No día de hoxe’, folla editada polo Partido Galeguista o 25 de xullo, en Ribadeo (Lugo), exaltaba á poboación a mostrar o seu galeguismo. E con estas características celebrouse ata o ano 1935.
Día da Patria Galega. Os máis de corenta anos de réxime franquista apagaron todos os ecos da exaltación galeguista. Con todo, en moitas ocasións celebrouse a misa tradicional por Rosalía na compostelá igrexa de San Domingos de Bonaval, lugar de cita anual dos galeguistas resistentes.
En 1968, a Unión do Pobo Galego (UPG), apoiada pola Asociación Democrática de Estudantes Galegos e de xeito máis velado pola organización galega da Fronte de Liberación Popular, convoca ao pobo galego para que acuda a Compostela á concentración do nomeado Día Nacional Popular con motivo do 25 de xullo. Un grupo de persoas que atenderon este chamado colocou no paseo da Ferradura unha bandeira galega e unha gran pancarta coa seguinte inscrición: «Viva Galiza ceibe e socialista».
En 1973 rexistrouse un chamado da Liga Democrática Galega no que se manifestaba de acordo coas principais forzas democráticas. En 1974, a UPG espalla unha análise da situación política galega con motivo do Día da Patria Galega, pero non se realiza chamado ningún.
A apenas creada Asemblea Nacional Popular Galega é quen se encarga de convocar en 1975 o Día da Patria Galega a través de pintadas e pasquíns esparexidas por toda Galiza, nas que se podía ler: «Galiza, patria asoballada, patria das crases traballadoras, ten hoxe máis necesidade e máis posibilidades ca nunca de que unha rexa e patriótica conciencia colectiva das súas camadas populares reclame e loite pola solución dos seus problemas. A concentración de San Domingos vai ser a proba da vontade dos patriotas galegos de afirmarnos na nosa conciencia nacional e popular contra da asimilación e explotación ás que o Estado colonialista español nos ten sometidos».
Centos de persoas acoden a este chamado, pero o seu desenvolvemento viuse condicionado por fallos na organización e polo gran despregue policial.
En 1976, a AN-PG insiste novamente na conmemoración. Nun primeiro momento, súmanselle outras forzas políticas galegas, se ben a AN-PG asumiu directamente a organización. Mentres, a Táboa Democrática de Galiza pronunciábase a favor do Día de Galiza. Así as cousas, o 25 de xullo de 1976 realizáronse dúas manifestacións polas rúas compostelás: unha composta por militantes da AN-PG e outra polos do Movemento Comunista de Galiza, se ben ambas foron disolvidas polas forzas de orde pública.
En 1977 celebrouse o Día da Patria Galega con dous chamados: un por parte do Bloque Nacional-Popular Galego e outro, denominado unitario, polo Movemento Comunista de Galiza, Partido Socialista Galego, Asemblea Popular Galega, Partido Carlista de Galiza e Partido do Traballo de España.
O Bloque, ademais da manifestación, organizou pola tarde unha festa na horta de San Domingos, en Compostela. Bautista Álvarez (UPG), Iñaki Martínez (Partido para la Revolución do Pobo Vasco), Carlos Castellano (PSAN [p] de Cataluña), Pedro Rocha (Liga Comunista Revolucionaria), Xesús Arrizado (SOG), Francisco García Montes (ING), Ramón Valcarce (o cura das Encrobas), etcétera, participaron nos mitins.
O Bloque conservou, xunto a outros colectivos, a paternidade do Día da Patria Galega.
Día da Soberanía? Na actualidade, a grandes trazos, o 25 de xullo pouco ou nada representa para unha Galiza de seu, independente e soberana. Galiza deberá ter o seu propio día en tanto en canto se desgaxe do colonialismo doce que padece e sexa capaz de asumir o seu papel como país en pé de igualdade co resto. Ese será o Día de Galiza. O día da Independencia. 

Imaxe ||| ATAÚLFO DE FERABRÁS







Ningún comentario:

Publicar un comentario