Din que a política está moi mal pagada, de aí
eses sobres a maiores. Pero son escasos os políticos que abandonan
definitivamente para ocuparse das súas cousas. O último exemplo é o de Griñán,
que deixa a presidencia pero queda co escano. E a súa idea é acadar a acta de
senador cando remate a lexislatura.
A verdade é que carece de sentido tanta
prolixidade oficial de deputados e senadores que non pintan nada nos seus
escanos, agás os tres ou catro que cortan o bacallau. Sentan nas súas cadeiras,
entretéñense cos seus xoguetes e chifran ou aplauden segundo teñan recibida a
orde correspondente dos seus patróns. Para que son necesarios, entón, se cos
tres ou catro que dirixen o cotarro xa sería dabondo? Aforraríase así un
diñeiro que ben podería destinarse a cuestións de máis envergadura: educación,
sanidade, investigación, etcétera.
Imos ver. Se realmente é certo que as
pretensións dos administradores son as de regular as finanzas públicas para que
a sociedade en xeral goce de maior benestar, por que lexislan ordinariamente en
contra desa sociedade que é quen lles paga?
O de Griñán é unha area no deserto. Pero gran
a gran de area darían para carrexar unha boa praia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario