Todas as empresas do Ibex 35, agás dúas que
parecen idiotas, actúan en paraísos fiscais. Grazas a iso, en vez de cotizar
coma vostede e coma min, que somos parvos do cu, evaden legalmente os impostos.
Significa que as institucións funcionan. Moitas desas empresas, presididas por
filántropos incurables e persoas de misa e comuñón diarias, desvían a súa
produción cara a paraísos onde a obra de man é barata porque as condicións
laborais son de pena. En Bangladesh, por pór un exemplo, acaban de morrer
esmagados máis de 500 obreiros que fabricaban os nosos pantalóns vaqueiros e os
nosos fulares de cores nun edificio que ameazaba ruína. Tranquilos, ningún
filántropo español irá ao cárcere por ese crime. As institucións funcionan.
A un señor que non podía pagar a prótese de
xeonllo que necesitaba para a súa recuperación, arrincáronlla antes de que
saíse do hospital. As institucións funcionan. A Xerardo Galeote, un tipo da
Gürtel tan presunto coma Xesús Sepúlveda ou a súa daquela dona, Ana Mato,
duplicáronlle o soldo (co diñeiro dos nosos impostos) cando á xente honrada
comezaban a baixarllo. E é que as institucións (neste caso, o PP) funcionan. No
hospital de Hellín operaron extraxudicialmente á nai do xerente (o que leva os
números e talvez decida os despedimentos) por iso, porque as institucións
funcionan.
Se queda algunha dúbida de que as institucións
funcionan, aí está a ‘desimputación’, ou como se diga, da infanta Cristina, a
muller que cría que con dous soldos de clase media era posible adquirir un pazo
de clase alta. A infanta Helena, sorprendida nun open de tenis (onde, senón), a
preguntas da prensa, declarou que ignoraba se se fixera xustiza, pero estaba
feliz. Feliz, supormos, de que as institucións funcionaran.
IMAXES DE: FARID HOSSAIN e JULHAS ALAM | AP |
Ningún comentario:
Publicar un comentario