Visualizacións de páxina totais
14 de abr. de 2010
REPÚBLICA
A Constitución española foi un amaño
Dende que a denominada ‘Transición’ negociou coa clase política ‘esta Constitución si ou quedamos como estamos’, truncouse a liberdade real dunha sociedade encadeada polo fascismo durante corenta e tantos anos.
Primeiro ataron todo o que o xeneral dispuxo no seu testamento: o ‘fillo’ de Franco, de primeiro. Punto número dous: monarquía a continuación. Estes dous puntos reflicten claramente a vontade dos redactores dunha biblia estatal que non deixa lugar a dúbidas, que expresado popularmente na nosa linguaxe galega tan específica, significaría ‘é o que hai’.
E é certo. É o que hai. Non hai máis. Son moitos e ben armados. E as posibilidades de botalos a todos cunha patada no cu, por exemplo, son escasas. Ademais teñen moitos dogmas que non queren que se lles toquen, e moitas truculencias tortas, caso por exemplo da laicidade do Estado. Se o Estado é laico por que o Goberno aproba funerais de Estado? E por que subvenciona á Igrexa Católica maioritariamente? Se a máxima representación popular a ostenta a sociedade a través do Parlamento, por que unha institución allea como é o Tribunal Constitucional pretende estar por riba do aprobado no Parlamento? Etcétera.
Este tipo de cuestións establecen de xeito claro que este sistema ‘democrático e monárquico constitucional’ non foi máis ca unha truculenta farsa herdada polos mesmos ‘fillos’ do franquismo e ‘abonada polos curmáns’ que agardaban a súa oportunidade para pillar parte do pastel (PSOE, PC, por exemplo). Antes de que iso acontecese, antes de que en 1936 un funcionario pagado pola sociedade decidise rebelarse contra esta, España era unha República, cun presidente elixido democraticamente. Isto é, o máis democraticamente posible, tendo en conta que sempre é difícil votar democraticamente dadas as desigualdades sociais. Pero era un presidente legal, elixido mediante sufraxio universal.
E, como mínimo, a sociedade merece respecto, que non se lle minta. A bandeira e a República non son máis ca símbolos, pero de momento serven como arma contra as imposicións. E, como dixera Salvador Allende, chegará un día, máis cedo ca tarde, en que o home libre poderá decidir a súa propia identidade sen ningún tipo de presións nin trampas de filibusteiros.
A fotografía de Clelia Zucca mostra a membros da Agrupación Republicana rememorando o 14 de abril na Coruña.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario