Visualizacións de páxina totais

31 de ago. de 2011

A República, como primeiro paso







A Constitución española de 1931, nada co establecemento da II República (que mandou ao exilio á monarquía tras o triunfo electoral republicano), no seu artigo primeiro dispuña: «España é unha República democrática de traballadores de toda clase, que se organiza en réxime de liberdade e de xustiza. Os poderes de todos os seus órganos emanan do pobo».
Esta era a letra daquel documento que pretendía avanzar cara ao progreso eliminando as taras históricas do dereito de pernada: a sociedade promoveu unha muda no aparello do poder e desapareceu a figura do monarca. Era a sociedade democraticamente quen pasaría a dirixir, en réxime de liberdade e xustiza, o seu propio destino.
A ditadura de Franco, que rematou case formalmente coa súa morte en 1975, derivou novamente na volta ás antigas posicións hereditarias a través do seu coñecido testamento político. Os grupos parlamentarios apenas saídos das furnas (1977), incluído o PC, apoiaron a nova Constitución, que esixía a herdanza do ditador Franco: a monarquía. Cómpre salientar, que nesas primeiras eleccións, tras a morte do ditador, non puideron presentar candidaturas grupos republicanos tradicionais como Esquerda Republicana, Acción Republicana Democrática Española e Esquerra Republicana de Catalunya, ou outros independentistas ou á esquerda do PC, que non serían legalizados ata practicamente a aprobación da Constitución de 1978*.


Dito isto, nestes días promóvese un parvo debate no parlamento español para reformar a constitución nun punto xustamente innecesario, mentres se esquece outro de máximo interese para a sociedade, caso da herdanza franquista, que ninguén quere tocar.
Quen se decida a ilustrarse un pouco e acudir ás numerosas fontes históricas, saberá que Carlos Marx xa sinalaba que as eleccións burguesas só serven para que cada catro ou cinco anos a sociedade decida quen lle vai esmagar durante tal período de tempo. E iso é o que acontece realmente: primeiro foi Suárez, que proviña do antigo réxime, logo González, que quería gobernar, Aznar a continuación, cos fumes propios da soberbia dos ‘elixidos’, Zapatero despois, co seu quero e non podo, deixándose levar sen mirar atrás, e espérase sen falta a Rajoy, que xa se sabe onde acabará.
Eu, se mo permiten, marcho de contado a perderme nunha cova para non saír dela xamais.

*O referendo no que se apoiaron as ‘autoridades’ políticas do momento só deixaba implícitas dúas posibilidades: ou o si ao texto aprobado polos grupos políticos do momento (no que se achaba un exministro franquista) ou o non, que significaba o retorno á militarización.


Ningún comentario:

Publicar un comentario