No incomparable marco da illa de San Simón
(Redondela, Pontevedra) presentouse o pasado sábado a curtametraxe Ínsula, da produtora coruñesa Fílmika
Galaika. Alí estiveron practicamente todos os que participaron no proxecto,
agás Mini (e o adestrador do can).
No argumento de Ínsula (subvencionada por Agadic e Concello de Redondela), o
tenente Álvaro de Souto-Maior (Xavier Estevez) «regresa ferido de Ultramar a un
hospital de oficiais situado nunha misteriosa illa».A imaxe dunha traíña 'conducida' por
un enigmático persoeiro (Mini) inicia a secuencia. Logo dos especiais coidados do doutor (Miro
Casabella) e da enfermeira (Antía Otero) e da escoita dos monólogos do seu
superior (Suso Pando), o convalecente tenente espertará totalmente curado e
abandonado, o que propiciará a súa penúltima decisión.
Trátase dunha montaxe de carácter surrealista,
ben definida e coidada, rodada en setembro de 2011 na illa de San Simón e no
convento de Vilavella, tamén en Redondela.
Seném Outeiro (director), Roi Carballido (produción
executiva), Berto Palacios (director de fotografía), Iván Ogando (son), Maria
Villas (directora de arte e vestiario), María Illobre (caracterización) e
Alberte Hortas (maquillaxe) conforman o cadro técnico de Ínsula.
Ningún comentario:
Publicar un comentario