Dicía Carlos Marx que as eleccións burguesas
só serven para que cada catro ou cinco anos o pobo decida quen o machucará
durante ese período de tempo. Pese a que nos achamos no século XXI, o asunto do
parlamentarismo burgués non estableceu premisa ningunha de muda con respecto ao
século XVIII.
Por outro lado, parece que o imperialismo, a
última fase do capitalismo, fíxose definitivamente co poder no conxunto da
sociedade.
Unha vez constatado o que precede, só restan
dúas alternativas: a primeira, esquecerse de todo e continuar o tránsito
politicamente correcto polas vías marcadas polo sistema; a segunda, promover a
desobediencia global (cada vez máis difícil) ata que as condicións de produción
actuais deriven nunha transformación xeral da sociedade (crear novas xestións de vida que non contemplen a realidade produtiva actual).
No contexto do politicamente correcto hai que
ter en conta que a loita vai ser desigual: o sistema goza de todos os
mecanismos para que as formalidades acaden (con traxes de distintas cores, caso
PP-PSOE, Partido Republicano-Partido Demócrata) os seus obxectivos, que é
continuar co control no cumio da pirámide. Trátase, polo tanto, dunha loita
perdida, dado que as xeracións de hoxe se acomodarán co paso do tempo, converténdose en parte do sistema escravizante contra o que loitaban.
No segundo caso dáse tamén o paradoxo da
adicción ás ‘necesidades’ creadas polo sistema, das que case é imposible saír
(carburantes, electricidade, artefactos condicionados, etcétera), se ben non
sería tempo perdido, senón que a loita conduciría a outro tipo de vida que
reduciría as necesidades sociais e ampliaría o campo intelectual. Talvez un
camiño aberto a novas alternativas, polo que se podería afondar e que aumentaría
paulatinamente as porcentaxes de combate social.
De acordo, postos na realidade, ollemos o que
hai nos espazos que se integran na esquerda galega. Polo Bloque non se pode apostar,
dado que xa gobernou e se aproveitou en maior ou menor medida desa parcela de
poder. Alternativa de Esquerdas tampouco parece moi fiable (a fronte de Esquerda
Unida contribuíu ao engorde do capitalismo no goberno español do PSOE, e faino
aínda agora en Andalucía). Pola parte de ANOVA, a figura de Beiras pretende unha
concepción propia sobre o modo de facer política (incluso a ‘machete’). Parece
disposto a non entrar, no seu caso, nun goberno que non representa aos máis
desfavorecidos, e permanecería, en teoría, na oposición, controlando as leis no Parlamento.
Con todo, hai dúbidas. No programa conxunto (EU e ANOVA) non hai unha
referencia exacta á independencia de Galiza. Ao carón de Esquerda Unida non
sería posible.
Velaí a cuestión. Toca decidir. Neste caso, pola esquerda. Ou votalos ou botalos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario