Visualizacións de páxina totais

11 de dec. de 2012

Revista de Prensa ||| EL PAÍS [7 decembro 2012]









Dos negocios limpos que encobren actividades sucias soe dicirse que son unha tapadeira. Hainas de todos os tamaños, dende o posto de pipas que dá saída ao tabaco de contrabando, á banca que branquea a pasta grande do crime organizado ou Estado paralelo. Entre un extremo e outro descorre unha cremalleira cuxos dentes pertencen, de xeito alternativo, ao Estado legal e ao paralelo. Ningún é nada sen o outro. Se de aquí a mañá cesara en todas as súas actividades o Estado bis, o legal viríase abaixo sen remedio. Nas nosas fantasías infantís, as tapadeiras formábanas bares, restaurantes ou salas de xogo. Non coidábamos que a mercería do canto ou o churreiro do mercado puideran ocultar, baixo os produtos que lles eran propios, outros de distinta natureza. Á tapadeira, en todo caso, acabábaselle notando que é unha tapadeira porque a dirixe un tío que en agosto sóbese as solapas da súa gabardina. Falamos deses restaurantes baleiros, desas tendas de luxo nas que non entra ninguén, deses concesionarios de coches que non venden coches... Agora ben, a mellor tapadeira é a tapadeira de aceiro inoxidable, tamén denominada democrática: a min votáronme.

Quere dicirse que, se un decidiu dedicarse ao roubo con garantías xurídicas, o Goberno é a mellor de todas as tapadeiras posibles. Baixo o abeiro do Goberno pódese xogar forte. A súa tapadeira ofrece unha variedade enorme de actividades delituosas con cobertura legal. Non é fácil decidir, por exemplo, de qué lado da cremalleira cae o dente que acaba de adentar as pensións. Podería parecer o Goberno, pero quizais teña sido unha orde da delincuencia organizada. A pregunta é canto paga o goberno paralelo ao lexítimo polos seus servizos.


Imaxe de TVE



Ningún comentario:

Publicar un comentario