Visualizacións de páxina totais

Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Esquerda Unida. Amosar todas as publicacións

23 de maio de 2014

Xosé Manuel Beiras ||| Daguerrotipo











Xosé Manuel Beiras, a quen lle dá arrepío Feixón por aquilo de que en todo caso tería que ser Frijol (de pretender castelanizalo), considera que certa xente está narcotizada polo sistema. Pero non se atreve a dicir que son parvos, porque nunca se lle ocorrería. Sabe que son votos perdidos. Non hai peor xordo que o que non quere oír. E sobre o Parlamento galego ten claro que é algo así como A casa dos mortos de Fiódor Mijailovich Dostoievski , unha prisión na que se vive unha dura realidade, con reclusos mangallóns que se comunican dun xeito que só eles entenden.
Beiras, que tamén se acha indignado (a estas alturas tería que darlle dous sopramocos a máis dun), conta que nesa casa dos mortos hai que agardar oito días para facer unha pregunta e antes poñela por escrito, que iso non pasa nin na Cámara dos Comúns de Gran Bretaña, que xa é dicir.
Polo visto, queren reducir o Parlamento galego a unha corrala na que practicar esperpentos como Luces de bohemia de Valle Inclán. Moitas bufonadas e esperpentos saen de alí, sen dúbida. E Beiras quéixase tamén de que non é posible competir nunhas eleccións en pé de igualdade cos partidos tradicionais dado que dispoñen de moitos máis cartos e, por riba, dese diñeiro coñecido como ‘negro’ (que non sei por qué será, sempre lles toca aos chineses e aos negros).
A súa teima non era ir ás europeas da man de Esquerda Unida tal e como lle criticaban na mesa. O seu era acadar un acordo con todos os grupos independentistas de esquerda, incluídos os estatais. Pero por máis que o tentou, non o conseguiu. Ese foi o seu propio reproche. Non foi posible. Como sempre acontece en Galiza. Non é fácil pórse de acordo. Pero iso si, Beiras votou por Lidia Senra, a súa candidata para Europa, unha loitadora das Comisións Labregas, á que defendeu como agroecoloxista, se ben será difícil a súa elección dado que se trata do número cinco nas listas de Esquerda Unida a nivel estatal.
Xosé Manuel Beiras, que nos seus tempos se peiteaba á navalla, que confesa sen rubor, inquírelle aos propios interrogadores a ver se lle saben dicir cantos artigos da Constitución española están derrogados. E comeza a soletrealos un a un. E son moitos os artigos desa Constitución que non serven para nada. A quen redactaron esa cousa habería que penalizalos por incumprimento de contrato.
A Unión Europea non queda atrás sen darlle a volta ao forro, mudala por completo: quitarlle a americana e poñela do revés ao igual ca ao Alias Cañete, que xa queda emparellado co Frijol na ilustración mental do, aínda mozo, profesor Beiras, que lembra a uns cantos teóricos da economía e informa aos pasmados reporteiros sobre a publicación na que os poden ler e empaparse deles. Púxolles tamén aos inquisidores algunhas trampas para ver como andaban de cultura. Antes xa informara da escaseza ilustrativa do Frijol, que non sabe que Rosalía escribira Cantares gallegos e Follas novas.
Beiras considérase ante todo pacifista, que di sen dobre linguaxe, e precisa que Galiza é unha nazón, como reza o himno dos bos e xenerosos, se ben algúns utilízana como a súa propia finca. Tampouco hai problema, porque a parágrafo seguido mándalles unha mensaxe: serán escorrentados coma ratos e terán que saír fuxindo.
Pero sobre  todas as cousas, Xosé Manuel Beiras Torrado, polo que persoalmente sinto unha singular simpatía malia non compartir parte da súa filosofía e funcionalidade, é un perdedor como el mesmo recoñeceu. Pero é un perdedor dos bos, dos que merecen ser lembrados pola súa teima de mudar as cousas que deben rebentar dunha vez por todas. E iso, como mínimo, hónrao. Deu pasos, trabucándose ou non, dun sitio para outro, tratou de atopar unha fórmula aquí, en Galiza, onde case todo é difícil e hai moito escuro e máis escuridade, para reducir a narcotización, e aterrou no Bloque, onde finalmente non quixeron saber nada del e da súa loxística españolista. Finalmente inventou un pequeno sismo coa pretensión de novidade. E volta a empezar. Dálle, dálle, dálle, a loita continúa. Unha vez máis, con Anova, a pelexar. Pero parece que o prefire así a terse afiliado a calquera dos partidos tradicionais estatais dende os que, logo do abandono de Fraga, teríase desfeito sen dúbida ningunha do Frijol nun dicir amén e  sería o califa en lugar do califa. E dende logo non tería que andar perdendo o tempo de feira en feira tratando de demostrar quen non é. Que o que é sábeno ben case todos cantos o coñecen. Pero non, o home do zapato, o ilustrado que fai ruborizar aos lambecús escasos de ideas, preferiu ser un perdedor. Cousa, como mínimo, que lle hai que agradecer.
En fin, todo un persoeiro. Antes de saír daquela caixa de paspáns pediu desculpas por se lle faltara a alguén. Non fose que llo tivesen en conta para outra comenencia.

O principiño








19 de out. de 2012

Toca decidir










Dicía Carlos Marx que as eleccións burguesas só serven para que cada catro ou cinco anos o pobo decida quen o machucará durante ese período de tempo. Pese a que nos achamos no século XXI, o asunto do parlamentarismo burgués non estableceu premisa ningunha de muda con respecto ao século XVIII.

Por outro lado, parece que o imperialismo, a última fase do capitalismo, fíxose definitivamente co poder no conxunto da sociedade.

Unha vez constatado o que precede, só restan dúas alternativas: a primeira, esquecerse de todo e continuar o tránsito politicamente correcto polas vías marcadas polo sistema; a segunda, promover a desobediencia global (cada vez máis difícil) ata que as condicións de produción actuais deriven nunha transformación xeral da sociedade (crear novas xestións de vida que non contemplen a realidade produtiva actual).

No contexto do politicamente correcto hai que ter en conta que a loita vai ser desigual: o sistema goza de todos os mecanismos para que as formalidades acaden (con traxes de distintas cores, caso PP-PSOE, Partido Republicano-Partido Demócrata) os seus obxectivos, que é continuar co control no cumio da pirámide. Trátase, polo tanto, dunha loita perdida, dado que as xeracións de hoxe se acomodarán co paso do tempo, converténdose en parte do sistema escravizante contra o que loitaban.

No segundo caso dáse tamén o paradoxo da adicción ás ‘necesidades’ creadas polo sistema, das que case é imposible saír (carburantes, electricidade, artefactos condicionados, etcétera), se ben non sería tempo perdido, senón que a loita conduciría a outro tipo de vida que reduciría as necesidades sociais e ampliaría o campo intelectual. Talvez un camiño aberto a novas alternativas, polo que se podería afondar e que aumentaría paulatinamente as porcentaxes de combate social.

De acordo, postos na realidade, ollemos o que hai nos espazos que se integran na esquerda galega. Polo Bloque non se pode apostar, dado que xa gobernou e se aproveitou en maior ou menor medida desa parcela de poder. Alternativa de Esquerdas tampouco parece moi fiable (a fronte de Esquerda Unida contribuíu ao engorde do capitalismo no goberno español do PSOE, e faino aínda agora en Andalucía). Pola parte de ANOVA, a figura de Beiras pretende unha concepción propia sobre o modo de facer política (incluso a ‘machete’). Parece disposto a non entrar, no seu caso, nun goberno que non representa aos máis desfavorecidos, e permanecería, en teoría, na oposición, controlando as leis no Parlamento. Con todo, hai dúbidas. No programa conxunto (EU e ANOVA) non hai unha referencia exacta á independencia de Galiza. Ao carón de Esquerda Unida non sería posible.

Velaí a cuestión. Toca decidir. Neste caso, pola esquerda. Ou votalos ou botalos.