Como se deduce do orballo que sobre a xestión
das caixas continúa a sobordar á prensa, foron moitos os cómplices que por
acción ou omisión, e sempre pola pasta, conducíronas á ruína. Agora ben, o
labirinto informativo, tan confuso, tráenos á memoria a imaxe destas teas de
arañas sometidas a un tratamento de LSD que tanto xogo fotográfico deron hai
anos nas revistas científicas. Ignoramos se os conselleiros e demais
responsables das caixas se metían un ‘tripi’ diario, pero vendo a Rato con
aquela cara de abraiado tocando alegremente a campaíña na sede da Bolsa uns
días antes do desastre de Bankia, temémonos o peor. Iso si, drogado ou non,
debeu alucinar cando co seu currículo ofrecéronlle traballo na Telefónica. Por
qué?, preguntaríase. Ou quizais non, quizais el coñeza a resposta, que sen
dúbida é de cárcere.
E aí andamos nós, tentando desensarillar a tea
de araña louca coa que foron caendo coma moscas individuos de dereitas e de esquerdas
e de medio centro, sen mencionar aos que pasaban por aí e que se favoreceron ao
parvo das inxestións masivas de ácido lisérxico dos nosos próceres. Que
pintaban na Caixa Madrid, maldita sexa, os concelleiros de CCOO e de UXT e do
PSOE e de IU, a parte de mover o rabo e pór a man? En que pensaban os seus
dirixentes? Por que o xuíz non chamou a declarar a Esperanza Aguirre, que se
gababa de ter quitado do consello a un ‘fillo de puta’ para meter a outro, como
quen muda de sitio os mobles da sala? Onde estaba o Banco de España cando toda
esa panda de chourizos asinaba a cegas o que se lle puña por diante? E por
último, comerase Telefónica a todos os imputados de delitos tan graves ou
repartiranos entre si o resto das empresas privatizadas, para que a corrupción
non se concentre tanto?
Rato tocando a campaíña ||| RTVE |
Ningún comentario:
Publicar un comentario