Na véspera doutra edición da Festa dos Fachos de Castro Caldelas (Ourense), Fílmica Galaika presenta o vindeiro venres (día 18 de xaneiro de 2013), contra as oito do serán, o seu traballo ‘Lume de fachos’. Será no castelo de Castro Caldelas.
‘Lume de fachos’ pretende descubrir «dende unha perspectiva antropolóxica» unha das moitas festas tradicionais galegas, neste caso a Festa dos Fachos, que data do ano 1753. Parece que a súa orixe débese á peste que azoutou a comarca de Caldelas. A veciñanza, como función desinfectante, considerou a utilización dos fachos para loitar contra a peste. Fálase tamén de alucinacións, de que algúns veciños «viron a Deus, que lles comunicou que a peste remitiría de lle erixir un altar a San Sebastián. Cousa que parece que fixeron e a peste parou». De aí vén o día dos fachos. Tratábase dunha celebración moi masculina: só participaban homes.
Na actualidade, ademais da produción dos 400 fachos (sementados, segados e mallados polos propios veciños ao estilo tradicional), os organizadores da festa prometen 4.000 chourizos e 500 litros de viño.
O documental ‘Lume de fachos’ foi dirixido por Seném Outeiro e producido por Roi Carballido.
Imaxe de FÍLMIKA GALAIKA |
Ningún comentario:
Publicar un comentario