Nesta nova xeira de totalitarismo (nazismo,
fascismo, etcétera) que atravesa a humanidade (moito máis escravizada, se cabe,
dada a proliferación de medios dispoñibles), non hai máis solucións ca a
rebelión ou a invocación relixiosa (a segunda, certamente é como xogar á
lotaría).
Elementos como os que coñecemos todos (o
nomealos só é concederlles mérito), que babexan por subordinarse, inclinarse e
adorar aos seus deuses financeiros (mediocres, que o único que fixeron durante
a súa vida foi todo o contrario do que predican: estafar, falsificar,
delinquir, aterrorizar, escravizar e todo canto de negativo leva enriba o ser
humano), engordan as súas fortunas a cotío a costa do resto da humanidade coa
escusa da legalidade.
Pois estes elementos que se horrorizan polo
separatismo, pola expresión en liberdade, por unha educación crítica, etcétera,
etcétera, pretenden que a escolla social para abandonar a escravitude sexa a
invocación relixiosa e non a rebelión (tal como aquela canción: «Chegará o día
no que a tortilla se volva e o pobre coma pan e o rico merda...»). A estes
elementos frívolos e desafogados mételles medo a cultura: que a humanidade
pense e se enfronte. Todas as súas leis caerían e arderían na fogueira da súa
propia inmundicia. Deixarían de ser deuses e converteríanse en vermes, espidos,
sen uniformados armados que defendesen as súas diarreas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario