No Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI)
tiven a oportunidade de ver a curtametraxe Comercial.
Producida por Fílmika Galaika e dirixida por Roi Carballido, trátase, sen
dúbida, dunha nova xeira no campo do audiovisual galego.
O argumento baséase nun mozo, Marcos, de
mediana idade, que leva unha vida solitaria, patética e aburrida, reside nunha
casa de campo afastada da cidade e traballa como vendedor en zonas rurais. Pero
apenas ten pedidos. E o seu patrón dálle un ultimato: ou vende, ou ao final do
día acabará no paro.
O mundo dos vendedores, ou dos comercias, é
certamente problemático. Se ben é unha especialidade que depende principalmente
das comisións, non é fácil adaptarse ás vicisitudes diarias presentes en moitas
das citas ás que estes comerciais acoden co ánimo de aproveitar o día. Con
todo, unha pequena porcentaxe destas persoas dedicadas á venda áchase
perfectamente preparada para sobrevivir, e en moitos casos, superar todo tipo
de obxectivos económicos.
Pero o que Roi Carballido quere mostrar nesta
breve historia non é precisamente ao gremio de comerciais. É máis ca nada a
anécdota da propia a inmensidade daquelas persoas que non senten o máis mínimo
interese por facerlles dixerir aos seus destinatarios as ofertas da grande ou
pequena empresa que os incita a mudar as ideas dos seus imprevistos clientes.
Sobre todo, cando estes clientes pretenden calquera cousa menos o que lles
presentan os escravizados comerciais.
Nesta visión de Comercial aparece o Marcos, que non entende ese formato de
traballo. El non está preparado para semellante embrollo. E tampouco a súa
cabeza. A presión é terrible. Mais parece que non lle queda outra que insistir
dada a súa precaria situación económica. E nese tránsito sucédenlle as cousas
máis estrañas que rexen ese mundo.
E aquí aparecen os actores, elenco composto
por Carlos Villa, Mariana Expósito, Manuel Suárez, Tucho Lagares, Mela Casal,
César Goldi e Patricia Vázquez. Cómpre salientar a Carlos Villa, que ata lle
queda ben o traxe, que seguramente utiliza escasamente. Cunha produción máis
ben parca, como case todo o que acontece neste país, o produto é máis ca digno.
A min, particularmente, gustoume moito máis ca algunha desas curtametraxes que
dispoñen de actores de primeira división e dun gran capital.
Producida por Fílmika Galaika, en cor, de
quince minutos de duración, Comercial
rodouse practicamente en trescentos metros, malia que aparentemente pareza que
se botou man de moitas localizacións.
O equipo técnico compuxérono María B. Gestal
(axudante de dirección), Pedro Castanheira (fotografía máis ca aceptable), Roi
Gil (son) e Alberte Lobelle (montaxe).
Carlos Villa nunha escena de 'Comercial' |
Ningún comentario:
Publicar un comentario