Visualizacións de páxina totais

22 de abr. de 2014

Gabriel García Márquez











A lenda di que o escritor colombiano e mexicano Gabriel García Marquez (Aracataca, Colombia, 1927-México, 2014 ) concibiu en nove meses os seus Cien años de soledad (1967) e grazas á inestimable axuda da súa compañeira de toda a vida que fixo todo canto estaba na súa man para que non lle faltasen nin folios nin mantenza para que escribise o que na actualidade debe ser algo así como o ‘Quixote’ do século XXI pese a que unha vez rematada a obra a editorial á que ía destinada lle negase o saúdo e o escritor tivese que recorrer a outra empresa que si coidou a posibilidade de sacarlle algún rédito e publicoulle os Cien años de soledad que tempo despois convertería a Gabo en Nobel de Literatura e nun dos escritores en lingua española de referencia no universal (sen respirar).
Esa é a lenda. A realidade, con todo, non deixa de ser moi semellante. Pois ese home gabado nestes días pola xeneralidade dos medios de comunicación foi tamén amigo de Fidel Castro e Salvador Allende, por exemplo. Algo que non lles merece moita simpatía á meirande parte dos medias do mundo. A facilidade de Gabo para contar contos víñalle xa dos seus tempos de xornalista: inventaba incluso as crónicas. E comezábaas «polo principio», como el mesmo deixou dito cando se lle preguntou como se iniciaba unha historia.
Cien años de soledad comezámolo a ler neste lado de Europa, xusto cando o ditador Franco daba as súas últimas rabexadas. Aquel fato de páxinas nas que predominaba a saga dos Buendía entretiñan a nosa imaxinación introducíndonos naquela aldea, Macondo, asolagada pola auga, promotora incluso da Biblia cos seus corenta días e corenta noites chovendo sen parar, coa auga rubindo de nivel no interior das casas ata saír finalmente polas fiestras.
Talvez sexa un tanto esaxerada esta visión, dado que pasaron moitos anos dende aquela primeira lectura e quizais se mesturen elementos cos da miña propia nenez, aló, na aldea de Tirimol, un día caloroso de verán, xustamente por San Xoán, que choveu a mares logo dunha gran tormenta, con lóstregos e tronos, que anegou as cortes das vacas. Espectacular Macondo, aquela sensación de desasosego que provocaba a familia Buendía, aquelas escenas que, mudando a linguaxe, podíanse encadrar en calquera lugar do mundo. De aí a consideración da súa contribución á literatura universal, emparellando, sen dúbida, a García Márquez con Cervantes Saavedra. Tal para cal.
«Revólver non é, en efecto, revolver; nin lágrima significa la grima». Algo que contempla a norma da escrita do idioma castelá, que para iso está, como calquera outro idioma. Nembargante, coidamos que Gabriel García Márquez non estaría moi de acordo co formalismo académico (ou os paspáns) dos asín ou almóndiga, etcétera. Porque non se trata de pechar ou esquecer como fala a sociedade. Débese, sobre todo, enriquecer. E enriquecer un idioma non é, dende logo, vulgarizalo, senón amplialo con expresións derivadas dunha especial singularidade.





Ningún comentario:

Publicar un comentario