Cando me din cabaleiro, dáme mal augurio.
Paréceme que me faltan ao respecto. «Saia do coche, cabaleiro». É algo así como
nomealo a un de ministro, pero sen ningún poder. «Cabaleiro, poña as mans
apoiadas sobre o capó e separe as coxas». Coido que me din cabaleiro só para
que eu lles dea as grazas por gozar da súa humillación. Chámame a atención. E
sempre que escoito ese vocábulo, normalmente provén de xente uniformada.
Alguén debería dicirlles a tales señores
(aínda non topei con ningunha señora) que xa non é así. Primeiro, deberíanlle
ter un gran respecto a esas persoas que, semella, devecen por humillar. E
segundo, como moito, tratalas coa cortesía de señor ou señora, sen máis. E ese
alguén debería explicarlles tamén que a estas alturas (polo menos publicamente,
e sobre todo por quen recibe a súa soldada da propia sociedade á que humilla)
deben desistir desa expresión ridícula e procedente daquel Antigo Réxime. A
estes uniformados non lles escoitei nunca denominar cabaleiras ou amazonas ás
mulleres. «Cabaleiro, a súa documentación». Pero para as mulleres establecen o
criterio de señora ou incluso ‘señorita’, que tamén é a quintaesencia do
rancio, do antigo, do simplón, da falta de respecto á igualdade. Como moito,
señor ou señora.
A expresión cabaleiro non goza, polo tanto, do
meu entusiasmo. Paréceme algo do pretérito, daqueles tempos nos que España
puxera unha ‘pica’ en Flandres. E o primeiro que aprenderon os ‘belgas’
daqueles españois foi o voz ‘amigo’. Naturalmente, cada vez que un prisioneiro
flamengo escoitaba a expresión ‘amigo’, horrorizábase. «Amigo, amigo», mentres
o introducían na cámara de tortura.
Talvez sería mellor utilizar menos certas
expresións antediluvianas, sen esaxerar as formas, e respectar ás persoas sen
máis, como se fose algo natural, de sempre, de toda a vida, que xa vai sendo
hora.
Eu, cando un uniformado establece que debo
renderme aos seus mandados, como moito chégolle a dicir:
—Señor
uniformado, dispénseme, non dispoño de cabalo.
[A todo isto, pese a que estamos en Galiza,
estes uniformados, por norma, só falan castelá. Ou teñen ordes precisas para
facelo así ou aprenderon ben esa parte da Constitución que lles confire a
preferencia polo castelá]
'O cabaleiro andante' |
Ningún comentario:
Publicar un comentario