A festa do Primeiro de Maio —agora denomínase
festa— quedou obsoleta. Trátase dunha
data máis do calendario, incluída neses recursos eufemísticos subliñados como día mundial do/da/dos/das...
A pretensión orixinal que preconizaba a
preponderancia da forza do traballo fronte ao capital, esfumouse. O propio
capital acabou co seu contido dende o momento en que asumiu a data como parte
do seu proceso de explotación sobre o asalariado.
Con todo, o sindicalismo oficial mantén o seu
formalismo, festexando a data do Primeiro de Maio sobre consignas do século XIX.
O oficialismo sindical propugna as mesmas pautas para os asalariados ca as
consideradas fundamentais hai dúas centurias.
Na práctica, neste século, a sociedade en
xeral non tería que combater por un salario digno, sanidade e vivenda, dado que
xa xerou suficiente plusvalía como para ser autosuficiente e gozar dunha vida
próspera sen recorrer á escravitude. E tería que avanzar con medidas que
xerasen benestar para os países non desenvolvidos (de África, Asía e América
Latina), escravizados con creces, e que merecen se lles resarza
convenientemente.
Por exemplo, e abandonando a retórica propia
dos encantadores de serpes, o primeiro paso debería encamiñarse á desaparición
da especulación, do nazismo imperante nos denominados países occidentais ou
‘democráticos’, administrados por especuladores cuxa única fin e engordar as
finanzas dun pequeno grupo de ditadores que, na sombra, poñen e quitan
gobernos, tal e como lles conveña para incentivar os seus propios negocios. A
seguinte medida sería a erradicación dos aparatos represivos (militares e todo
tipo de forzas armadas, incluída a equipaxe bélica). Finalmente deberíase
destinar a maior parte do presuposto universal a educación.
Isto é, basicamente, o que terían que esixir
quen din representar aos asalariados para rematar definitivamente coa
escravitude. O ser humano, de acordo coas súas aptitudes, proporcionaría o seu
elo para a realización dun labor común que resultase beneficioso ao conxunto da
humanidade.
![]() |
'O cuarto Estado’, lenzo de Giuseppe Pelliza
(1901, Galería de Arte Moderna de Milán)
|
Ningún comentario:
Publicar un comentario