A Sega (plataforma de crítica literaria)
apostou por María Vitoria Moreno Márquez para celebrar o Día das Letras Galegas
2015 en contraposición a Xosé Filgueira Valverde elixido pola Academia Galega.
Filgueira Valverde, que colaborou coa ditadura
franquista, mereceu os parabéns da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia,
se ben foi elixido pola mínima no plenario da Academia. Entre os outros
posibles candidatos achábanse Manuel María —parece que moi nacionalista para
algúns académicos— e Ricardo Carbalho Calero —lusista e independentista para
outros—. Para boa parte da crítica, semella unha elección máis política ca
intelectual.
María Vitoria Moreno Márquez (1941-2005) naceu
en Valencia de Alcántara (Estremadura), se ben instalouse en Pontevedra en 1963
para impartir docencia en varios institutos da cidade galega, escollendo o
idioma galego como lingua de comunicación e escrita literaria.
Publicou os seguintes libros: Os novísimos da poesía galega (Akal,
1973), Mar adiante (O Castro, 1973),
No país dos contos (Galaxia, 1985), Literatura
do século XX-COU (SM, 1985), Leonardo
e os fontaneiros (Galaxia, 1986), Anagnórise
(Galaxia, 1989), O cataventos (Sotelo
Blanco, 1989), A festa no faiado
(Galera, 1989), As linguas de España
(Xunta de Galicia, 1991), Natalia
(Tandem, 1997), E haberá tirón de
orellas? (Galaxia, 1997), A brétema
(Ir Indo, 1999), Guedellas de seda e liño
(Galaxia, 1999), Diario da luz e a sombra
(Xerais, 2004), Eu canto, ti cantas...
(Xerais, 2005), Elexías de luz (Xerais,
2006, póstumo), Onde o aire non era brisa
(Galaxia, 2009, póstumo).
Centrada especialmente na narrativa para
nenos, deixou constancia da súa dedicación á lingua galega a través destas
verbas recollidas por Xan Carballa: «Escribo en galego porque amo a Galiza,
porque Galiza me deu moito, porque penso en galego, porque collín a causa dos
pobres...» [A Nosa Terra, 2005].
A Sega considera que María Vitoria, que
faleceu en Pontevedra, representa a forza da vontade fronte á desidia e o
accidente, «a decisión consecuente da palabra xusta. E con esta mesma vontade
facémola nosa».
Ningún comentario:
Publicar un comentario