Visualizacións de páxina totais
18 de xuño de 2010
FÚTBOL E PROPAGANDA
A Lei de Prensa e Imprenta que rexe no Estado español é principalmente un compendio da denominada no seu día como ‘Lei Fraga’ (En defensa propia, Xosé Luís Gutiérrez, Saber e Comunicación, S.L., 2005). Na actualidade, pese ás circunstancias democráticas e constitucionais que amparan a liberdade de expresión, a propaganda a todos os niveis (institucionais, sociais, políticos, económicos, etcétera) segue a ser a arma ideal para rebaixar a intensidade dos acontecementos máis preocupantes do ámbito social. Así vemos como, para desviar tensións, as institucións acoden a programacións propias doutras circunstancias (a antiga Roma, co seu pan e circo, por exemplo). E coas novas modalidades propagandísticas desvían á sociedade da súa responsabilidade principal. Na idade moderna, o fútbol supón a máis relevante concentración propagandística a prol do desvío das problemáticas sociais.
Durante a ditadura de Franco, que utilizaba de marabilla a propaganda de desviación (fútbol, touros e incluso boxeo), déronse situacións propagandísticas tan ridículas que incluso os responsables do Ministerio de Propaganda (Información e Turismo era o seu nome formal) destituíron a algún daqueles persoeiros que durante as súas narracións de exaltación patriótica rozaban o desequilibrio, caso de Bobby Deglané, quen durante un combate entre un levantador de pedras reconvertido a boxeador (Urtain) e un puxilista profesional (Cooper, malia que mediocre, se ben se enfrontara en dúas ocasións con Mohamed Alí) confundiu aos telespectadores (quen comprobaban como o primeiro estaba a recibir unha tremenda malleira mentres sangraba abundantemente, previndo que duraría poucos asaltos máis). Os telespectadores estaban a ver ese combate, pero Bobby Deglané narraba todo o contrario, xustificándose nunha ‘furia española’ que non debía estar nada máis ca na súa imaxinación. De feito, Urtain caeu maltreito nun dicir amén.
Pois ben, logo diso, a Bobby Deglané pecháronselle as portas da televisión pública. Parece que aos responsables do Ministerio de Propaganda non lles mereceu demasiado crédito aquilo da ‘furia española’ contrita e desarborada. E iso que se trataba das autoridades franquistas.
Sen embargo, nestes días de pan e fútbol que serven para esquecer os graves problemas que afectan á humanidade, grazas a tanto especulador favorecido pola lei, a propaganda contribúe a asentar as conciencias sociais cos mesmos argumentos de desviación da atención aos feitos reais. E así oímos novamente a comentaristas narrando barbaridades sen límite sobre a ‘furia española’ mentres esa furia vai perdendo fol e, como no caso de Urtain, está a piques de caer ao chan esnaquizada.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario