Visualizacións de páxina totais

Amosando publicacións coa etiqueta SOCIEDADE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta SOCIEDADE. Amosar todas as publicacións

17 de xan. de 2011

CUESTIÓNS SINDICAIS








A primeira análise que debemos facer antes de convocar unha folga xeral é preguntarnos qué é unha folga e para qué serve. Unha folga, como mínimo, debe ser a expresión soberana dos asalariados para lograr que non se menoscaben os seus dereitos: as conquistas conseguidas durante toda a súa historia de mobilizacións. Os sindicatos deben obedecer estas consignas e defendelas ante calquera intento de mudar as obrigas empresarias ou gobernamentais que desposúan aos asalariados da protección social e política lograda durante séculos de loita.


Unha vez coñecidas estas premisas a obriga dos sindicatos é seguir as asembleas xerais dos núcleos de asalariados e mediante a información obxectiva establecer a fórmula para unha defensa certeira dos dereitos laborais que se pretenden menoscabar. No caso da escolla dunha folga xeral, débese ter en conta en que país se realiza a convocatoria, se é a nivel estatal, europeo ou mundial.

Galiza conta cun movemento sindical maioritariamente alleo, as condicións económicas e sociais galegas non son as mesmas ca no resto do Estado, nin sequera do resto de Europa. Sería estraño, entón, que se a convocatoria de folga xeral vén liderada por dúas formacións sindicais alleas, Galiza se unise a unha folga xeral imposible de comprender pola maior parte dos asalariados galegos. Primeiro, porque non hai conciencia política e segundo porque na actualidade moitos traballadores son incapaces de ir contra os seus patróns por mor do despedimento.

Isto é, no caso galego non é posible convocar unha folga xeral e ver logo cumpridos os obxectivos (caso da reforma laboral, que está practicamente feita; xubilacións máis longas; etcétera). Polo tanto, a folga non é válida. No caso español pasaría algo semellante, o mesmo que en Europa ou incluso se se realizase a nivel mundial. Na actualidade, o capital especula de xeito diferente e é capaz de asumir as mobilizacións tradicionais como unha arma de dobre fío: positiva para a especulación.E non pasaría nada. As cousas non mudarían.

Que se pode facer, entón? Hai pouco que facer, pero está claro que o primeiro é acadar conciencia de onde está o inimigo: a especulación, a banca e as súas multinacionais. Esta nova fórmula do capital obriga aos asalariados a procurar novas formas de loita, caso da insubmisión, algo que parece xa absorbido polo tempo, pero que é unha fórmula apta para combater o aliñamento actual do que se denomina mundo globalizado.

A insubmisión pasa primeiro por non recoñecer ao Estado español, segundo por propugnar a independencia de Galiza e terceiro por compoñer a economía galega de acordo á propia idiosincrasia do país. Logo pasa por non pagar recibos, por non aceptar normas, por mudar os propios formulismos ata acadar maiorías insubmisas que o propio sistema sexa incapaz de quebrar.

Dito isto, unha folga xeral só sería útil no caso de que se visen cumpridas as consignas para as que foi convocada. Se o que se pretende, por exemplo, é dicir non á reforma laboral, a folga debe ser indefinida ata que tal reforma laboral sexa retirada do organigrama gobernamental. Doutro modo, a folga non cumpre o seu cometido.

Finalmente, subliñar que o problema non é a convocatoria dunha folga, o problema é a falta de visión para afondar na realidade social actual. Os sindicatos, en xeral, non procuran a defensa dos asalariados, principalmente procuran o seu propio estado de benestar. E iso significa a morte da loita de clases.

E a loita de clases continúa. Viva a folga xeral indefinida! Viva a loita de clases.

“Xa está ao vento a bandeira azul e branca.

Coa ‘estrela’ nunha man, a foce noutra.

Berremos alto e forte: A Nosa Terra é nosa!”

(De En pé, Ramón Cabanillas)

18 de xuño de 2010

FÚTBOL E PROPAGANDA










A Lei de Prensa e Imprenta que rexe no Estado español é principalmente un compendio da denominada no seu día como ‘Lei Fraga’ (En defensa propia, Xosé Luís Gutiérrez, Saber e Comunicación, S.L., 2005). Na actualidade, pese ás circunstancias democráticas e constitucionais que amparan a liberdade de expresión, a propaganda a todos os niveis (institucionais, sociais, políticos, económicos, etcétera) segue a ser a arma ideal para rebaixar a intensidade dos acontecementos máis preocupantes do ámbito social. Así vemos como, para desviar tensións, as institucións acoden a programacións propias doutras circunstancias (a antiga Roma, co seu pan e circo, por exemplo). E coas novas modalidades propagandísticas desvían á sociedade da súa responsabilidade principal. Na idade moderna, o fútbol supón a máis relevante concentración propagandística a prol do desvío das problemáticas sociais.


















Durante a ditadura de Franco, que utilizaba de marabilla a propaganda de desviación (fútbol, touros e incluso boxeo), déronse situacións propagandísticas tan ridículas que incluso os responsables do Ministerio de Propaganda (Información e Turismo era o seu nome formal) destituíron a algún daqueles persoeiros que durante as súas narracións de exaltación patriótica rozaban o desequilibrio, caso de Bobby Deglané, quen durante un combate entre un levantador de pedras reconvertido a boxeador (Urtain) e un puxilista profesional (Cooper, malia que mediocre, se ben se enfrontara en dúas ocasións con Mohamed Alí) confundiu aos telespectadores (quen comprobaban como o primeiro estaba a recibir unha tremenda malleira mentres sangraba abundantemente, previndo que duraría poucos asaltos máis). Os telespectadores estaban a ver ese combate, pero Bobby Deglané narraba todo o contrario, xustificándose nunha ‘furia española’ que non debía estar nada máis ca na súa imaxinación. De feito, Urtain caeu maltreito nun dicir amén.














Pois ben, logo diso, a Bobby Deglané pecháronselle as portas da televisión pública. Parece que aos responsables do Ministerio de Propaganda non lles mereceu demasiado crédito aquilo da ‘furia española’ contrita e desarborada. E iso que se trataba das autoridades franquistas.


















Sen embargo, nestes días de pan e fútbol que serven para esquecer os graves problemas que afectan á humanidade, grazas a tanto especulador favorecido pola lei, a propaganda contribúe a asentar as conciencias sociais cos mesmos argumentos de desviación da atención aos feitos reais. E así oímos novamente a comentaristas narrando barbaridades sen límite sobre a ‘furia española’ mentres esa furia vai perdendo fol e, como no caso de Urtain, está a piques de caer ao chan esnaquizada.