Visualizacións de páxina totais

21 de maio de 2014

Apostólica e Romana











A Igrexa, a través da publicidade nos medios de comunicación (que non é barata), insiste en que se lle insiran aspas no apartado da declaración da renda alí onde figura o seu nome. A Igrexa afirma que queren os cartos para investilos nos redutos de pobreza. E subliñan que é o que fan habitualmente.
Sábese oficialmente que non é certo o que preconiza a institución eclesiástica. Por exemplo, a porcentaxe que a Igrexa destina a Cáritas non supera o 2% do seu presuposto. E sábese tamén que a pompa e boato da Igrexa máis ben parecen os dunha corte real ca os dunha organización solidaria.
Informándonos entre liñas (dada a carencia de ética na comunicación) coñécense moitos escándalos da curia romana. Sábese que dispoñen dunha banca incívica, manexada polos seus propios especuladores. E que moitos dos seus ‘executivos’ provocan o pánico entre a sociedade infantil. Isto é, non son exemplo de sensibilidade. E non digamos do seu matrimonio co poder: Hitler, Franco, Mussolini, Pinochet, Videla, Stroessner, etcétera.
A Igrexa, sen faltar á verdade, non ten crise nin pasa fame. Eu coidaba que o tal Cristo, ese, ao que tanto gaban coa boca pequena, comportábase de xeito totalmente distinto: nin sequera tiña un lugar habitual no que residir, e anoxaba as xerarquías.
O caso é que se podería dicir, en linguaxe coloquial, que a Igrexa é unha merda pinchada nun pau. Pero direi só que a Igrexa é unha realidade ideolóxico financeira internacional que pretende dirixir á sociedade cara un destino común no universal: formar escravos para os seus socios ricos e poderosos.
Trátase, xa que logo, dunha asociación rancia e ofensiva, que contempla aos seres humanos como meros 'criados' ao seu servizo (por non utilizar un vocábulo máis mangallón). Porque, iso si, se os ricos están ao seu carón, a Igrexa logrará que os pobres —dadas as súas dificultades para sobrevivir— se entreteñan pregándolle a un persoeiro lendario que lles bote unha man. Moito máis fácil que coller pedras e tirarllas directamente aos do casco e as porras, funcionarios que protexen precisamente esa Igrexa inventada polos ricos. E isto, que conste, non é apoloxía do terrorismo, nin hai armas de destrución masiva, nin brancas nin negras, nin cousa polo estilo de por medio. Trátase unicamente dunha metáfora pura e simple. Dígoo por se algún censor ou vixilante da denominada autoridade pon a funcionar os seus miolos. Aquí non vai ter caso.
E sigo coa miña disquisición sobre o asunto.
Ata hai diferenzas á hora da morte para un apostólico e romano.
Por exemplo, un rico pode encargar funerais fantasiosos, responsos diarios, mensuais ou anuais, oracións varias, pedidos, etcétera, para que finalmente se lle abran as portas do Ceo.
Un pobre irá directamente ao Inferno, dado que non poderá asumir o gasto de protección para que se acorden del e imploren ante Deus a graza para amortizar os seus pecados.
Ademais, o rico ou influínte, gozará da atención das máximas autoridades eclesiásticas, que se supón intercederán máis directamente co patrón maior do Ceo. Mentres, o pobre, de ter sorte, como moito terá o apoio do seu propio veciño, que se acordará del por comerlle cinco centímetros de leira coa pedra de medir, e quedará feliz por telo visto morto.
Isto é, que non debe ser certa a historia esa de que «é máis fácil que un camelo pase polo ollo dunha agulla ca un rico entre no Reino dos Ceos». Porque, senón, a conta de que vén tanta pelota aos ricos e poderosos por parte dos xerifaltes da Apostólica e Romana?









Ningún comentario:

Publicar un comentario