Visualizacións de páxina totais

11 de set. de 2014

Salvador Allende












Corenta e un anos despois do golpe de Estado promovido polo capital estadounidense (en comandita coa socialdemocracia chilena) e executado polos seus axentes (CIA, Pinochet), ningún tribunal internacional asumiu o seu tratamento como crime de lesa humanidade.
Esa é a democracia da que se gaban a meirande parte dos representantes dos patróns internacionais das finanzas que gobernan realmente o mundo.
En 1973, en Chile había un goberno democrático. Pero, entre outras medidas, nacionalizou o cobre. Para que? Para que os beneficios quedasen en Chile e non en mans estadounidenses e dalgúns comisionistas chilenos que non contemplaban un goberno de unidade popular. E que aconteceu entón? Que a socialdemocracia chilena, na oposición, organizou unha folga brutal do transporte, financiada polos EE UU. O país quedou desasistido, sen abastecementos. E esa socialdemocracia, eses políticos, representantes do imperialismo financeiro, creou as condicións para que as forzas armadas (funcionarios, en teoría a disposición da sociedade, das súas normas institucionais) mudasen de bando, como mercenarios, apuntándose ao gañador e que máis pagaba: EE UU (nin sequera dubidaron en asasinar ao xeneral Carlos Prats, xefe das Forzas Armadas chilenas, leal ao presidente e á soberanía popular).
Iso foi o que aconteceu en Chile a grandes trazos. Polo miúdo foi algo máis terrible. Pareceuse moito ao acontecido en España en 1936, cando outro mercenario crebou cos dereitos constitucionais daquela sociedade da que dependía o seu salario.
Non se deben esquecer estes feitos. Como tampouco permitir que suceda algo semellante, que pode acontecer en calquera momento no caso de que os representantes da especulación perdan o poder democraticamente. Nese caso está por ver canto tempo respectarían a soberanía popular, da que tanto se senten lexitimados cando realizan recortes a través de decretos ou cando lexislan o que lles parece (o que lles ordenan os seus patróns) baixo a prerrogativa da posesión da maioría.
Por iso, a este tipo de políticos demócratas, que representan á mafia máis poderosa do mundo (crea conflitos, provoca guerras, destrúe sociedades, fabrica e vende armas de destrución masiva, etcétera), non lles interesa investir en educación: necesitan da formalidade dos votos para ser cribles, que non acadarían se o mundo fose unha comunidade consciente e solidaria. Velaí o caso estadounidense: calquera psicópata ben relacionado, por exemplo, pode acceder á chave que poña fin á historia da humanidade cun só clic.





 





Ningún comentario:

Publicar un comentario