Debín ser unha das escasas persoas que se
tomaron a molestia de ler esa extensa diatriba que cuestiona, como mínimo, a
integridade dos dirixentes de Podemos.
Sen entrar en todas e cada unha das cuestións
que vostede utiliza para pór en dúbida a honorabilidade dos voceiros da apenas
nada formación política allea ao formalismo insolidario imperante, engadirei as
seguintes consideracións:
A esquerda real que vostede preconiza
(obreira, de crase, organizadora das masas, etcétera) non existe en Europa
(agás pequenos redutos con escasa influencia). Porque, fóra do PP-PSOE (dereita
pura e dura), representantes da especulación financeira, non hai nada
organizado (Esquerda Unida vai camiño de se parecer ao PSOE).
Polo tanto, para debater sobre qué é a
esquerda, como vostede se pregunta, como mínimo débense atender a aquelas
formacións non ligadas directamente aos representantes da insolidariedade, isto
é, PP-PSOE. De momento, e ata que non se demostre o contrario, a nivel estatal
están Podemos, Alternativa Galega de Esquerda, Bildu, etcétera. A partir de
aquí podería comezar o debate para confluír nunhas eleccións xerais conxuntas,
en pé de igualdade, para lograr eses oito ou dez millóns de votos necesarios
para gobernar e mudar a forma de Estado.
Sen entrar en máis disquisicións, acabarei co
apartado estatutario de Podemos. Vostede alude á existencia dunha forte
estrutura para mudar, no seu caso, aos seus líderes: a asemblea decidiría o
cambio sempre que a nova dirección acadase a mesma porcentaxe conseguida pola
primeira, máis un voto. Aparentemente semella unha manobra para dificultar a
entrada dunha posible oposición con distintos criterios ca dos fundadores. E é
certo. Na práctica, o que se pretende é que un grupo de infiltrados non quebre
as directrices para as que foi creada esta formación política. Nin máis nin
menos. Moito máis difícil é superar eses dous terzos necesarios no Parlamento
español para mudar a propia Constitución e a forma de Estado.
Finalmente, preguntarlle por qué lle ten tanto
medo ás novas opcións solidarias. Por que non poden acadar o poder e rebentalo
todo se é o desexo democrático da sociedade?
Ningún comentario:
Publicar un comentario