Visualizacións de páxina totais

22 de maio de 2015

‘The boss’














O saltimbanqui maior dos apandadores móstrase agarimoso cos seus socios de manda mentres absorbe peidos pola boca, expulsándoos logo polo traseiro en dirección a todo canto ser vivo e cándido se acumula ao seu carón.
Co saltimbanqui, que realmente é un parvo, un monicreque ao que se lle dá corda para que distribúa parvadas a destro e sinistro, áchanse os seus socios, dispostos a espoliar ao ser humano común de todo canto lles caiba nos seus petos: rouban, distraen, collen, incrementan, amontoan, agochan, limpan, ventilan, etcétera. Ben, pois esta manda que enche a cotío as súas caixas con onzas de primeira calidade crematística lámbelle o cu ao saltimbanqui maior cada vez que precisan dos seus saltiños para continuar coa espoliación dos seres humanos incapaces de suxeitalos polas solapas dos seus prezados traxes e tirarlles unhas cantas labazadas cunha regra para que aprendan a comportarse como, segundo eles mesmos din, ‘Deus manda’.
O negativo deste asunto é que tanto o saltimbanqui maior coma os seus socios non son máis ca os monicreques dunha manda moito máis organizada, con saltimbanquis invisibles que menean os peidos destes malfeitores visibles ao seu antollo.

Así que non é fácil. Pero polo menos deberíase intentar. Só por ver qué pasa.


14 de maio de 2015

URSS | 'Carne de canón'














Alberto Lobelle, en colaboración con Xurxo Chirro, presenta o documento ‘O Día da Vitoria’, fundamentalmente a través de material recollido dunha familia na que un dos seus membros participou na denominada ‘guerra patriótica’ (1941-1945).
Naquel gran masacre, no que habería que salientar abertamente que tamén foron cómplices os gobernos de EE UU, Reino Unido e Francia, por exemplo (incluída o da propia URSS), quen pagaron, como en todas as guerras, foron os labregos e cidadáns menos favorecidos. A daquela Unión Soviética mandou a combater a millóns de persoas contra o inimigo nazi. Pero antes diso asinouse un pacto de non agresión cun dos criminais máis crueis da historia. Por outra parte, tanto Francia coma o Reino Unido permitíronlle a Alemaña a militarización, coa creación dun grande exército singularmente equipado. E os EE UU mirou para outro lado, ata que non lle quedou máis remedio que comprometerse cos denominados ‘aliados’.
O Día da Vitoria, que conmemoran anualmente as institucións rusas, representa, con todo, o día no que os exércitos soviéticos derrotaron ao exército alemán despois de percorrer miles de quilómetros dende todos os lugares da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas ata acadar Berlín. Aquilo custou preto de vinte millóns de vidas humanas.
Alberto Lobelle rescata as lembranzas dun deses soldados que durante catro anos loitou para derrotar ao nazismo, mostra a celebración institucional dun grupo de camaradas e as aspiracións das novas xeracións para que as guerras desaparezan definitivamente da face da terra.
Porén, semella que non vai ser posible. Que a memoria será esquecida novamente. Mentres existan determinados intereses, algúns pularán a cotío pola guerra, que pagarán, coma sempre, os máis febles.
Velaí o caso da Ucraína.

https://www.youtube.com/results?search_query=d%C3%ADa+de+la+victoria%2C+alberto+lobelle



13 de maio de 2015

María Vitoria Moreno Márquez














A Sega (plataforma de crítica literaria) apostou por María Vitoria Moreno Márquez para celebrar o Día das Letras Galegas 2015 en contraposición a Xosé Filgueira Valverde elixido pola Academia Galega.
Filgueira Valverde, que colaborou coa ditadura franquista, mereceu os parabéns da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, se ben foi elixido pola mínima no plenario da Academia. Entre os outros posibles candidatos achábanse Manuel María —parece que moi nacionalista para algúns académicos— e Ricardo Carbalho Calero —lusista e independentista para outros—. Para boa parte da crítica, semella unha elección máis política ca intelectual.
María Vitoria Moreno Márquez (1941-2005) naceu en Valencia de Alcántara (Estremadura), se ben instalouse en Pontevedra en 1963 para impartir docencia en varios institutos da cidade galega, escollendo o idioma galego como lingua de comunicación e escrita literaria.
Publicou os seguintes libros: Os novísimos da poesía galega (Akal, 1973), Mar adiante (O Castro, 1973), No país dos contos (Galaxia, 1985), Literatura do século XX-COU (SM, 1985), Leonardo e os fontaneiros (Galaxia, 1986), Anagnórise (Galaxia, 1989),  O cataventos (Sotelo Blanco, 1989), A festa no faiado (Galera, 1989), As linguas de España (Xunta de Galicia, 1991), Natalia (Tandem, 1997), E haberá tirón de orellas? (Galaxia, 1997), A brétema (Ir Indo, 1999), Guedellas de seda e liño (Galaxia, 1999), Diario da luz e a sombra (Xerais, 2004), Eu canto, ti cantas... (Xerais, 2005), Elexías de luz (Xerais, 2006, póstumo), Onde o aire non era brisa (Galaxia, 2009, póstumo).
Centrada especialmente na narrativa para nenos, deixou constancia da súa dedicación á lingua galega a través destas verbas recollidas por Xan Carballa: «Escribo en galego porque amo a Galiza, porque Galiza me deu moito, porque penso en galego, porque collín a causa dos pobres...» [A Nosa Terra, 2005].

A Sega considera que María Vitoria, que faleceu en Pontevedra, representa a forza da vontade fronte á desidia e o accidente, «a decisión consecuente da palabra xusta. E con esta mesma vontade facémola nosa».


30 de abr. de 2015

Asimilados














Os secretarios de Estado, subsecretarios, directores xerais e asimilados teñen establecido un salario (que inclúe complemento de destino e complemento específico) distribuído así:
Secretario de Estado e ‘asimilados’: soldo, 12.990, 72 (con dúas extraordinarias, en xuño e decembro, de 655, 84 euros); complemento de destino, 21.115,92; complemento específico, 32.948, 67. Total anual: 68.366,99. A curiosidade é o denominado salario mensual, que non supera os mil euros: 927,90 (de dividilo en catorce pagas).
Subsecretario e ‘asimilados’: soldo, 13.054, 68; complemento de destino, 17.080,44; complemento específico, 29.316,27 (máis dúas extraordinarios de 703,38 euros).
Director xeral e ‘asimilados’: soldo, 13.117,44; complemento de destino, 13.814,76; complemento específico, 23.900,13 (máis dúas extraordinarias de 751,45 euros).
A maiores, segundo se recolle nos Presupostos Xerais do Estado, ditos altos cargos perciben un complemento de produtividade asignado polo titular do departamento que sairá dunha caixa destinada especificamente a este tipo de créditos. Iso si, a redacción dispón que dito sobresoldo non experimentará incremento en relación ao asignado no ano 2014.
En todo caso, coidamos que estes denominados altos funcionarios, que non son poucos, superarán o salario actual do presidente do Goberno (78.185,04), o mesmo que o propio presidente do Consello Económico e Social (un tal Marcos Peña, que descoñecemos a súa contribución tanto á economía como á sociedade) que supera os 85.000 euros anuais.

Non sería moito pedir que quen desexa relevar a estes saqueadores tivese en conta que quen se dedica á cousa pública debe ter un sentido ético estrito: se considera que unha persoa non pode vivir con seiscentos cincuenta euros ao mes, non debe esixir do público máis ca o que predica para os demais.


13 de mar. de 2015

Aiatolás católicos
















A Conferencia Episcopal pretende a mesma categoría que os estados musulmáns: impor a relixión católica dende o cumio da pirámide. Á seita do catolicismo non lle parece ben un estado verdadeiramente laico, no que ordene a sociedade civil e a fe sexa relegada á intimidade propia de cadaquén. Aquí, neste cousa rara á que lle chaman España, as normas só serven para darlles volta e convertelas en moeda de cambio. O panfleto ao que denominan constitución está cheo de números e apartados incumpridos, tortos e revirados que os axentes do capitalismo utilizan ao seu xeito, segundo conveña aos seus propios intereses.
Aínda non hai moito, un mequetrefe baixiño, cun mostacho ben recortadiño, que asasinou a máis de duascentas mil persoas porque non eran do seu agrado, foi acollido pola santa igrexa apostólica e romana dándolle categoría de bispo (baixo palio), algo que ao señor do mostacho recortadiño parece que lle encantaba. De non ser militar, tería sido bispo. Gustábanlle os uniformes dos prebostes da curia. E á propia curia gustáballe o personaxe baixiño con voz afrautada e mostacho recortadiño, que colaborou no adormecemento dos habitantes desa cousa chamada España.
Pois así viviron durante corenta anos, xuntiños, en unión, bicos por aquí e por acolá, a curia e o ditador, embarcados nunha educación chea de taras, dende a que se proclamaba a todo tren a grandiosidade da fe católica á cabeza do militarismo máis facinoroso.
Tras a morte dese ditador con mostacho recortadiño, os axentes do capitalismo realizaron unhas sutís reformas que non mudaron a realidade intrínseca do sistema métrico decimal que construíra o mequetrefe con mostacho recortadiño. A curia debeu acomodarse tamén, un pouco, aos novos tempos para non perder totalmente a compostura. Cando xa se sentiu integrada e coa forza do seu camaleonismo, decidiu intervir para poñer as cousas nos seu sitio.

E aí está, tratando de impor a súa catequese. E os habitantes desa cousa chamada España, tan contentos.


13 de feb. de 2015

The presumptuous warrior














Observo apampada os movementos daqueles que pretenden ser ‘califa no lugar do califa’ sen ruborizarse nin unha miga. Por exemplo, o caso máis recente é o de Madrid, onde o tan gabado vocábulo democracia áchase desamparado, a piques de ser asasinado por un aguerrido mozo con pretensións nada claras.
Se ben eu coido que os políticos profesionais son unha caste que debería desaparecer para que as persoas se gobernasen por si mesmas no seu propio barrio, na súa pequena comunidade, sabedoras de qué pé coxeamos cada quen sen necesidade de axentes propagandísticos comedores de cocos, decidindo entre nós todo canto teñamos que decidir, sen regras escritas, mudando de póla cando nos pareza oportuno sen que todo estea atado e ben atado, paréceme moi pouco ético e incluso antiestético que un aguerrido mozo que se chufa de que gañou a súa coroa de patrón grazas ao ben que lles sorbeu o siso aos seus subordinados, agora dispoña que a sucursal madrileña, que seguiu o mesmo camiño ca el, deba morrer asasinada por mor da súa disposición propia de ilustrador de coplas liberais.
Este é un mundo así, no que mozos aguerridos e presuntuosos aprenden dende moi novos o xeito de esmagar ao subordinado polo pracer de lograr ser califa no lugar do califa para finalmente empobrecer un pouco máis a máis xente e enriquecer moito máis a menos xente. Este é o aguerrido mozo, nótaselle ben de que vai.
Pero a propaganda non queda aí. A propaganda continúa sen misericordia enchendo as cabezas daqueles que camiñan ergueitos para poder matar a friaxe, castigo das empresas eléctricas en comandita co actual califa. A propaganda é contumaz, tan contumaz que entra polos ósos, sobe pola espiña dorsal e vaise polo nariz. A propaganda é dura de roer. Ás veces doe tanto que mellor e quedar quieto un anaco e logo marchar ao bar de sempre a tomar dez ou quince litros de cervexa, a conta.
—Apúntamas nunha barra de xeo.
Claro que as máis das veces o cantineiro non traga. E unha ponse a ler o xornal, e o xornal di moitas parvadas con tortilla de propaganda. Porque, claro, a propaganda está en todo: na lata de sardiñas, no leite para o café, na sesión de tarde Rintintín, nos ollos negros, negrísimos dese fermoso corcel que solicita amablemente mentres fixa a súa ollada no panel dos bolos suízos unha esmola para sobrevivir un día máis. Está claro que isto non lle importa a un mequetrefe que se dedica a ameazar aos contribuíntes. Nin tampouco á baronesa que se xacta de telos ‘calado’, non precisamente por pechar a boca.

En fin, lembranzas do franquismo cando había que escribir entre liñas para que non se decatase a censura de que lle estabamos chamando asasino a aquel asasino que deixou en herdanza aos seus fillos e netos de hoxe. Que aínda, a maiores, hai que subvencionalos, malia que formalmente xa non estean para moitas festas.

26 de xan. de 2015

Syriza














De aquí a tres meses comprobaremos se é certo que a ‘esquerda unida’ grega nace con pretensións de servir á sociedade máis débil do país que inventou a democracia das cidades. Con algo máis de tempo comprobarase se Syriza é realmente unha oportunidade para iniciar un novo proceso económico que se preocupe de distribuír mellor a riqueza e non a pobreza, como parece ser o costume de todas as democracias formais.
Noventa e nove deputados logrou a ‘esquerda unida’ grega, pero os cincuenta de regalo por ser o partido máis votado (curiosidades de quen amañan os procedementos electorais), lévana a quedarse practicamente co poder absoluto na cámara de representantes. Necesita dous deputados máis, que conseguirá sen esforzo, dado que case todos os pequenos grupos que lograron escano (esquecendo aos nazis) estarán dispostos a negociar para mudar o rumbo da troica conducida por Alemaña, que xa está no asunto de comezar a tirar da máquina do diñeiro como se tal cousa (tanto problema porque non había cartos e resulta que hai un artefacto que tira billetes de quiñentos como se nada). Fixérono EEUU, Reino Unido e Xapón, e agora tócalle a Europa. Vamos, que realmente nunha houbo problema, porque a máquina estaba aí.

Ben, pois darémoslle unha oportunidade á ‘esquerda unida’, a ver canto tarda en defraudarnos. Que pola experiencia que temos, coidamos que será nun chío.


12 de xan. de 2015

The cuestion














A inxenuidade de asumir como propia calquera manifestación contraria ao considerado como politicamente correcto non deixa de ser unha fórmula máis destinada ao esquecemento individual dunha sociedade considerada racional pero que se move nos mesmos parámetros irracionais do resto dos animais.
‘Todos somos tal ou cal...’ non significa necesariamente que efectivamente sexa así, dado que non é certo: cada quen é como é de acordo á súa propia realidade. E por moito que o pretenda non vai mudar de personalidade só por incorporarse ao seo desa manda con pretensións de arranxar o que ela mesma desarranxou, precisamente pola súa actitude de manda.
Polo tanto, non todos somos isto ou aquilo, cousa pola que deberíamos apostar a cotío, ofrecendo a nosa propia personalidade en todas e cantas posicións sociais transiten polas nosas vidas.
Porque as mandas, xa se sabe, dispoñen dun patrón que controla o rumbo e decide quen é útil e quen non é necesario.
O problema, o grave problema sobre o asunto que nos ocupa, é que a dirección da manda, a dirección do politicamente correcto, controla perfectamente a disposición dos gregarios fronte ao medo individual, dado que é esa elite quen orixina todos e cada un dos colapsos sociais co seu comportamento abertamente especulativo e diferencial.

Coñecen vostedes a algún patrón da elite financeira internacional invalidado en termos semellantes aos do resto da manda?