Visualizacións de páxina totais

1 de out. de 2010

LUZ E TAQUÍGRAFOS

A partir do primeiro de outubro de 2010 sobe a tarifa da luz, encarecéndose un 4,8% de media (1,7 euros para gran parte dos consumidores). O Ministerio de Industria xustifica a suba «polo aumento do custo das materias primas».


Mentres, o beneficio de Gas Natural-Unión Fenosa ascendeu en 2009 a mil cento noventa e cinco millóns de euros, un 13% máis ca o ano anterior.

Todo isto compréndese ben porque a raíz de que a factura enerxética pasou a mensual redobrou as súas tarifas: nun mes pasou a facturar o que antes facturaba en dous meses.

E aínda queren máis.


20 de set. de 2010

SINDICATOS?






«Y tiene que llover...

y tiene que llover...

a cántaros...»

[Xosé Antón Labordeta]


Zipe e Zape como curiosidade non quedan mal: ambos os dous son ‘funcionarios’ que cobran do erario público en calidade de representantes duns sindicatos (na actualidade, sen ideario político real: como dúas gotas de auga) que din defender os intereses dos asalariados. E trátase ademais de sindicatos estatais que a estas alturas carecen de autenticidade: a normativa actual regula gran parte da cuestión socio-laboral. E ante a necesidade de organización dos traballadores en base a unha perda dos seus dereitos, estes deberían ser quen asumisen o mandado, en cada caso, de xeito asembleario. Porque se trata de aforrar e ser efectivo: aforrar o diñeiro que os contribuíntes a través do Estado destinan ao pagamento destes funcionarios especiais (caso tamén dos políticos e as súas propias organizacións, que mesmo quebran a caixa pública en cada proceso electoral).

A Zipi e Zape fáltalles a claridade necesaria para convocar unha folga xeral, dado que se trata dun pronunciamento inocuo, inservible: a reforma laboral xa está encamiñada e sen posibilidade de retorno.

Unha folga xeral faise para vencer, para impedir á Administración pusilánime (amedrentada fronte a máis recalcitrante dereita) que se aventure a provocar fendas na masa social, sobre todo na parte menos favorecida (caso, por exemplo, dos que non dispoñen de cobertura salarial ou social públicas), algo que a Zipe e Zape (segundo as súas propias dúbidas) non lles merece moito gasto de saliva.

En todo caso, unha folga xeral debe ser xeral e indefinida ata acadar o que se pretende. Non ten razón de ser unha folga testemuñal, agás se non é para quedar ben e darse un baño de publicidade nos medios.

Trátase, pois, duns bos amigos de Zetapé, que cumpren escrupulosamente coa súa relixión convocando unha folga lexitimada polo ‘páter altísimo’ a sabendas de que logo de que ‘pase o día, pasou a romaría’. E todos contentos.

Parafraseando a Labordeta, que agardaba que a ‘auga’ acabase con calquera asomo de fascismo, algo certamente difícil dado que son demasiados, propoño un novo slogan: «Váianse vostedes á merda: Zipi, Zape e Zetapé!».

17 de set. de 2010

RELIXIÓN, CARNE DE CANÓN DOS FEBLES






Nesta época espacial que estamos vivindo deberíamos chancearnos máis, tanto dos demais coma de nós mesmos, e baleirar de contido ese singular espazo sagrado integrado dende o principio dos tempos nos miolos dos denominados seres humanos.


A denominada alma, o espírito xerador de premios ou castigos nese tránsito final descoñecido, proporciona todo tipo de suxestivos negocios a aqueles que absorben a confusión a golpe de creación de necesidades. Como a necesidade é proclive a disolver estadios, crear fronteiras invisibles, confundir a realidade, o máis leve para que un corpo vivo, cativo, reteña súa escravitude en vida, é apoderarse dun chisco dese algo singular aparentemente inexistente, pero que promove unha certa homoxeneidade no circuíto cerebral de proximidade cara a un compromiso para satisfacer as penurias recreadas a través dun estimulante premio maior da redención e mellora noutra vida ou paraíso (pese ao descoñecemento real sobre tal estadía).





















Hai unha pregunta retórica que é indispensable realizar e alguén debería respondela: Que é a intelixencia? Eu non o sei. Non o sei, porque observo moitas cousas que a miña propia ética non entende. Por exemplo, vexo que un Estado aconfesional subvenciona maioritariamente un determinado credo. Para que? Para que non se mova ninguén? Para que ninguén pense? Non o sei. Pódoo imaxinar, pero descoñezo por qué se fai.

E son moitos os exemplos que se poderían expor, unha longa lista, que deixaría torto o aparello dactilográfico.

En fin, maldita relixión! A bandeira da relixión levou ao mundo a todo tipo de guerras, a malas artes, á escravitude. Xa no século XX, a bandeira da relixión levou ao presidente Salvador Allende ao patíbulo (11 de setembro de 1973). A bandeira da relixión levou aos EE UU a Iraq e a Afganistán. A bandeira da relixión propiciou o intento público da queima dun dos denominados libros sagrados, que contraditoriamente infundiu terror aos gobernantes estadounidenses. Contraditoriamente, digo, porque tales gobernantes non piden permiso para invadir a sangue e fogo canto beneficie aos seus intereses.

O que non levou nunca a bandeira da relixión (con Corán ou con Biblia) foi o respecto e a liberdade.

Insisto, a relixión impórtame unha figa!

29 de xuño de 2010

CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA






Como pode argumentar a dereita a futilidade da memoria histórica se se enfronta a cotío coa ética máis elemental a través da súa actitude ditatorial?


Calquera paso que se dá relacionado co progreso, para a dereita supón un enfrontamento para retornar ao mesmo contexto exercitado pola ditadura durante corenta anos (o máis rancio e vulgar nacionalismo español modulado a través de tres poderes: o económico, o policial e o eclesiástico).

A letra do que se denomina Constitución é un produto do franquismo, unha norma xeral dirixida dende a aversión, a falta de respecto e a intolerancia. Quen exerceron como pais dese texto deben estar orgullosos do seu papel como garantes daquel xeneral, que se saltou todas as normas e que xustamente co seu levantamento criminal contra a República ignorou a Constitución legalmente establecida.















Non se debe esquecer, polo tanto, a memoria histórica ata que desaparezan por completo as pegadas franquistas, que de momento permanecen establecidas nos estadios más altos do poder, caso do Tribunal Constitucional, que está por riba do Parlamento e maltrata a vontade popular (en teoría, o sufraxio universal).

Mentres os ‘fillos’ da ditadura aínda establezan a súa propia moral como propiedade única e indivisible, non terá acabado o franquismo, que aí está e asoma a cotío tras calquera fenda.

Por certo, por que aínda Franco non foi xulgado e condenado por crimes de lesa humanidade? Por que aínda se fai a vista gorda permitindo figurar na cabeceira do Estado a un cómplice do ditador? Por que a estas alturas non se derroga unha Constitución nada do franquismo e se crea unha norma verdadeiramente democrática e sen medo a que as comunidades autónomas exerciten os seus dereitos de autodeterminación ou independencia?

Preguntas para os carcamáns, que non se sabe por qué manteñen en pé os seus dereitos de pernada neste século XXI.

25 de xuño de 2010

ESCULTURA



















Ata o 25 de xullo de 2010 permanecerá a exposición de Pepe Galán na sala Kiosko Afonso da Coruña. A mostra, unha colección de setenta e seis obras, algunhas de gran formato, e dous vídeos documentais sobre obra pública, pretende establecer, segundo os organizadores, unha «reflexión sobre a luz nos tecidos en volume, o colmado e o baleiro nos metais, ou pezas resultantes da combinación e/ou manipulación, como parabrisas de automóbiles e camións, etcétera». A idea final configura o obxecto artístico, que ademais da integración na súa propia realidade presaxia outro tipo de conceptos reflectidos en secuencias tanto territoriais coma históricas.

O plástico coruñés, nado en 1955, pese a que apareceu no campo artístico con incursións na serigrafía e o gravado, decantouse finalmente pola escultura abstracta primeiro, se ben despois concentrouse no conceptual. Un dos fundadores de La Galga e Gruporzán, en 1984 comeza a quebrar os xéneros e afonda sobre novos contrastes establecendo unha relación entre o interior e o exterior. Nos noventa irrompe co aceiro cortén, en busca de novos conceptos e grandes dimensións. De aí saen A copa do sol, na contorna da torre de Hércules, Vieiros de seu, en Lugo, e a serie Fendas, etcétera.

Manuel Rivas reflicte (no catálogo da exposición: Galán: a manufactura mítica) que a obra de Galán «non foi, senón que é. Non se deixa mirar, non se deixa posuír. Ou non lle basta con ser mirada. Apreixa a mirada de quen mira para liberar significado ao tempo que libera a quen a mira (...) Pepe Galán foi algo máis ca un combatente da arte da biodiversidade contra a biodiversidade. Incluso cando florecen as ferruxes en cores de begonia, semellando que el anda polos arredores, cos petos cheos do pole que desprenden as grúas e unha maleta chea de terra de Betanzos».

18 de xuño de 2010

FÚTBOL E PROPAGANDA










A Lei de Prensa e Imprenta que rexe no Estado español é principalmente un compendio da denominada no seu día como ‘Lei Fraga’ (En defensa propia, Xosé Luís Gutiérrez, Saber e Comunicación, S.L., 2005). Na actualidade, pese ás circunstancias democráticas e constitucionais que amparan a liberdade de expresión, a propaganda a todos os niveis (institucionais, sociais, políticos, económicos, etcétera) segue a ser a arma ideal para rebaixar a intensidade dos acontecementos máis preocupantes do ámbito social. Así vemos como, para desviar tensións, as institucións acoden a programacións propias doutras circunstancias (a antiga Roma, co seu pan e circo, por exemplo). E coas novas modalidades propagandísticas desvían á sociedade da súa responsabilidade principal. Na idade moderna, o fútbol supón a máis relevante concentración propagandística a prol do desvío das problemáticas sociais.


















Durante a ditadura de Franco, que utilizaba de marabilla a propaganda de desviación (fútbol, touros e incluso boxeo), déronse situacións propagandísticas tan ridículas que incluso os responsables do Ministerio de Propaganda (Información e Turismo era o seu nome formal) destituíron a algún daqueles persoeiros que durante as súas narracións de exaltación patriótica rozaban o desequilibrio, caso de Bobby Deglané, quen durante un combate entre un levantador de pedras reconvertido a boxeador (Urtain) e un puxilista profesional (Cooper, malia que mediocre, se ben se enfrontara en dúas ocasións con Mohamed Alí) confundiu aos telespectadores (quen comprobaban como o primeiro estaba a recibir unha tremenda malleira mentres sangraba abundantemente, previndo que duraría poucos asaltos máis). Os telespectadores estaban a ver ese combate, pero Bobby Deglané narraba todo o contrario, xustificándose nunha ‘furia española’ que non debía estar nada máis ca na súa imaxinación. De feito, Urtain caeu maltreito nun dicir amén.














Pois ben, logo diso, a Bobby Deglané pecháronselle as portas da televisión pública. Parece que aos responsables do Ministerio de Propaganda non lles mereceu demasiado crédito aquilo da ‘furia española’ contrita e desarborada. E iso que se trataba das autoridades franquistas.


















Sen embargo, nestes días de pan e fútbol que serven para esquecer os graves problemas que afectan á humanidade, grazas a tanto especulador favorecido pola lei, a propaganda contribúe a asentar as conciencias sociais cos mesmos argumentos de desviación da atención aos feitos reais. E así oímos novamente a comentaristas narrando barbaridades sen límite sobre a ‘furia española’ mentres esa furia vai perdendo fol e, como no caso de Urtain, está a piques de caer ao chan esnaquizada.

16 de xuño de 2010

SETESTRELO





Os días 25 (venres) e 26 (sábado) de xuño celébrase na Estrada o Segundo Aniversario da Centro Social Setestrelo. O venres (oito do serán, no local do centro, rúa Pérez Viondi, 9) centrarase na Historia das bandeiras de Galiza, palestra na que participarán José Manuel Barbosa Alvares, Seném Outeiro e Carlos Garrido.


Para o sábado, ademais da exhibición de billarda no campo de fútbol da Baiuca (a partir das catro da tarde), está previsto un concerto musical coa participación de Esquíos e Mencer Vermello (contra as dez e media da noite, no local do centro).


14 de xuño de 2010

REFORMA LABORAL


















É curioso como mudan as cousas: os socialistas vólvense burgueses e os populares convértense en socialistas. Mentres o dirixente segundo do Partido Socialista ameaza con converter a reforma laboral nunha arma de combate coa que asombrar ao mundo empresarial (sobre o ben que entenden a desfeita dos especuladores e da súa capacidade para virar todo canto se vai embarullando a cotío), a homóloga do Partido Popular aparece cun discurso retórico no que transcende a súa vontade de apropiarse da defensa dos intereses dos traballadores. O mundo ao revés.

Mais, claro, sabíase xa como as gastaban estes especuladores da política, que non se cortan nada de mudar de traxe cando o vento parece que lles dá ás para empolicarse ao máis alto do Goberno do Estado. Ata a señora dirixente dos populares se permitiu unha ‘palestina’. Agora xa só nos queda por ver se nos ríos hai viño en lugar de auga.

Pero o asunto non son os discursos. O asunto é moito máis grave ca iso. O asunto é que tanto uns coma outros se comportan como parvos. Non se decatan de que máis tarde ou máis cedo quedarán co cu ao aire e toda parola se lles irá a pique. E que ademais pretenden que a sociedade comulgue con rodas de muíño. A estas alturas. Cando os muros máis que termar dunha entrada, o único que representan é a vontade de buscar a saída.

11 de xuño de 2010

100 ANOS DE SOCIALISMO / CAPITALISMO





«Cubramos a xugular para que non nos morda o Partido Popular», propuxo Filipe González no aniversario dos 100 anos do Grupo Socialista no Congreso dos Deputados. E mostrou tamén a súa confianza para gobernar, «canda menos, seis anos máis».

É posible que o PSOE se manteña unha lexislatura máis no poder, porque, en efecto, non hai oposición: a oposición só contempla a insidia propia do ‘váiase, señor presidente’. A oposición, pese a todo o mal que o está a facer o Goberno, non dispón de ningún plan argumentado e razoable. E, claro, así é moi fácil lograr catro anos máis de poder. E así o expresou alegremente o presidente do Goberno, aclarándolle o seu amigo e compañeiro, o ex presidente González, que non é certo que «esteamos deprimidos, estamos máis fortes ca nunca». En dous anos, que faltan para as eleccións, certamente pode cambiar o panorama de maneira substancial, tal e como significou na súa intervención Filipe González. Por iso, sen oposición, non hai dúbida do que pasará de aquí a dous anos, cando se celebren as eleccións xerais.

Pero dito isto, salientar tamén que non é positivo para un Estado que un político permaneza máis de dúas lexislaturas no poder. O PSOE debería mudar o seu cabeza de lista, así como aos principais candidatos a ocupar cargos de relevancia. De non ser así, o ‘clan’ dirixente podrecerá aínda máis: esquecerá os seus postulados iniciais converténdose nunha referencia de miserable omnipotencia.

9 de xuño de 2010

Débeda pública















A ver se o entendemos ben: temos, como Estado e como individuos, unha débeda que os nosos acredores desconfían do seu cobro. É certo que nos prestaron o diñeiro sen esixir garantías, como se buscasen, xustamente, o que está sucedendo, pero iso agora non importa. O que importa é que os prestamistas, preocupados de súbito pola nosa insolvencia, envían aos seus matóns financeiros coa seguinte mensaxe: reduzan, para pagar o que nos deben, o seu nivel de vida ou lles crebaremos as coxas. Como xa vimos outros países coas coxas crebadas, e resulta un espectáculo arrepiante, obedecemos sen chistar, e a toda presa. Menos medicinas, menos ensino, menos xustiza, menos cheques bebé, menos leis de dependencia, menos autoestradas, menos trens, menos pensións, menos indemnizacións por despedimento, menos saír a cear, menos alegrías.

Pero ao executar a operación advertimos con espanto que a redución do nivel de vida que nos esixen provoca menos traballo, menos crecemento, menos ingresos e, polo tanto, máis déficit, isto é, máis débeda e máis dificultades para contrarrestala como persoas responsables. A situación é idéntica a un deses pesadelos nos que corres sen avanzar, caes sen caer, sobes as escaleiras sen chegar nunca á azotea ou, peor aínda, descubrindo que a ascensión conduce ao soto. Parece que o que buscan a toda costa os nosos prestamistas é unha coartada para crebarnos as coxas. A economía é unha disciplina complicada, e cruel. Persoalmente, non a entendo, pero tampouco escoito nada intelixible aos expertos. Onde comezou todo? É rendible o negocio da creba de pernas? Quen nos entrampou dese modo? Sabían os políticos que nos gobernaron durante os últimos vinte anos que a festa remataría deste xeito?

3 de xuño de 2010

PAJÍN













«Home branco fala con lingua de serpe», así reza o retrouso da canción de Xavier Khrae dedicada ao entón presidente do Goberno español Filipe González.

Á marxe de que sexa tamén válida para o actual presidente do Goberno, a número tres do PSOE, Leire Pajín, fala mesmo con lingua de serpe. Cando lle preguntan, responde coa retórica propia dos mentiráns, que remata cun medio sorriso de figurino. É estraño que alguén tan novo coñeza tan ben as artimañas propias dos camaleóns.

Da moza Pajín descoñecemos canto ingresa mensualmente pola súa colaboración extraordinaria no PSOE, pero deben ser algo máis dos 600 euros de salario mínimo interprofesional establecido polo Goberno.

A funcionaria Pajín a través do seu medio sorriso de suficiencia parece non sentir rubor ningún sobre o que esculpe a súa retórica bizantina (fría, vella, podre, estulta e torta). Semella que a moza funcionaria Pajín está xa integrada no grupo dos anciáns a piques de se xubilar.

E qué pena. Porque se este é o xerme que pretende acadar unha maior xustiza e equidade social, aviados estamos.

1 de xuño de 2010

Palestina



A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou en 2009 o seu presuposto para o bienio 2010-2011, que ascendeu a cinco mil cento sesenta millóns de dólares (os gastos por intervencións non están incluídos).


Estes miles de millóns de dólares utilízanse principalmente en cubrir as necesidades da burocracia da organización.

En 2006 a ONU contaba con 192 membros. Israel pertence á ONU; Palestina, non.

A Corte Internacional de Xustiza, con sede en Holanda, é o principal órgano xudicial das Nacións Unidas, sen embargo non é respectado polos EE UU.

Pese á posición ambigua da ONU, EE UU invadiu Iraq e a ONU mirou para outra parte.

EE UU financia ao exército israelí e apoia a súa política represiva e de terra queimada.

A ONU cala ou non recibirá a cota estadounidense.

31 de maio de 2010

'BUSCANDO O MILAGRE'

Bas Jan Ader


Era o que pretendía Bas Jan Ader (Winschoten, Groningen, Holanda, 1942) cando trataba de completar a segunda parte do seu proxecto In search of the miraculous: navegar nun bote de algo máis de catro metros dende os Estados Unidos de América ata Europa.

Bas Jan Ader viviu dende 1963, ata a súa desaparición en 1975, preferentemente en California. E foi o peirao de San Diego (California) quen o viu partir e outro peirao de San Diego (A Coruña) quen viu chegar seu bote (recuperado no medio do océano polo pesqueiro galego Eduardo Pondal).

A súa obra, unha combinación de crítica, traxedia e sarcasmo, propón a morriña manifesta na arte europea mesturada co soño americano, cunha sensación global de perda e tristura. Nun dos seus traballos aparece chorando: as bágoas caen polas súas meixelas nunha especie de cadro traxi-cómico.

O Centro Galego de Arte Contemporánea ten aberta dende o 28 de maio ata o 5 de setembro de 2010 unha exposición centrada arredor do seu traballo artístico, compilación acompañada dunha curtametraxe documental na que aparecen parte das testemuñas que lograron o rescate do bote do artista holandés, un traballo de Fílmica Galaica, realizado por Roi Carballido.

Segundo Pedro de Llano, comisario da exposición, o proxecto In search of the miraculous: trinta anos despois «céntrase no último episodio dunha vida creativa marcada pola aventura e por un constante e persoal desafío dos límites naturais e culturais. Cunha minúscula lancha deportiva enfrontouse en solitario á insuperable enerxía do océano co obxectivo de experimentar sensacións e percepcións que conducían a territorios descoñecidos, tanto no físico coma no psicolóxico. Lamentablemente, o resultado foi a súa desaparición. Pero o Ocean Wave, o bote no que o artista se dispuxo a realizar a súa obra póstuma, en xullo de 1975, foi atopado meses despois, semiafundido, no Gran Sol, polo barco pesqueiro Eduardo Pondal, con base no porto da Coruña».

Como curiosidade reflectir que, malia á proposta sociolóxica da época sobre o consumo de estupefacientes para investigar nas máis variadas formas de arte, Ader parece que permaneceu á marxe. Pedro de Llano aposta porque, «sen dúbida, Ader seguiu ao pé da letra o verso de Píndaro (...), mentres trataba de acadar o cabo de Land’s End, en Inglaterra: ‘Ou, miña alma, non aspires á vida inmortal, mais esgota o campo do posible’».


27 de maio de 2010

FOLGA XERAL

CCOO e UXT mobilizarán aos traballadores e convocarán unha folga xeral se non hai acordo coa patronal, se ben Toxo considera que «aínda é posible negociar». O secretario xeral de CC OO advirte, sen embargo, que «o emprego xerarao o investimento público e privado e non a reforma das leis». Méndez subliñou, pola súa parte, que «faremos o posible para lograr un desenlace positivo», pero «calquera recorte social ou laboral se considerará como unha lesión aos dereitos dos traballadores».

Nunha rolda de prensa expectante, ambos líderes sindicais consideraron que a aprobación do paquete de medidas de axuste aprobado hoxe no Parlamento (por un só voto) non ten sentido e é antieconómico. Tales medidas de axuste establecerán un crecemento menor do PIB, caerá en 2010, atrasará a recuperación económica e crecerá o desemprego.

9.000.000 millóns de persoas, entre funcionarios e xubilados, sufrirán as consecuencias de tales medidas. CC OO e UXT criticaron tamén a irresponsabilidade do presidente da CEOE, ao convidar aos empresarios a vulnerar o contido de acordos anteriores. «É perigoso perder o espazo acadado e se porá en marcha un escenario de mobilizacións na que están convocados os funcionarios para o 8 de xuño», indicou Toxo.

CC OO e UXT consideran que «os sacrificios que padeceron os traballadores en 2008 e 2009 se desbaratan co plan de axuste, un atraso, polo tanto, na economía, dado que gravita en exclusiva sobre as clases medias». Os representantes sindicais consideran tamén que «hai outra alternativa: repartir sacrificios, de xeito equitativo a través dunha política fiscal solidaria».

En todo caso, se a resposta do Goberno, «que consumou un cambio de carril na súa política», é a normativa mediante decreto lei, logo do que consideran unha «saída errónea da UE, que significará un atraso na recuperación da economía dos seus países e non se recortarán os déficits nos prazos previstos», tanto Toxo coma Méndez convocarán a os traballadores a unha folga xeral.





Salario exemplar

Por BRAIS DO CASTRO



Abraiante fiquei ao coñecer a soldada dun tal gobernador do Banco de España (que aproba o Ministerio de Economía). Este persoeiro exemplar que demanda a ‘sotto voce’ unha reforma laboral drástica (rebaixar considerablemente o poder adquisitivo e os dereitos dos asalariados ‘comúns), debería ter un pouco de vergonza: ruborizarse, como mínimo, e desaparecer discretamente. Alguén que ingresa anualmente 33 millóns de pesetas (dous millóns e medio ao mes, e 83.000 pesetas diarias, máis ca a mensualidade de moitos pensionistas) non pode esperar que persoas honradas contribúan cos seus escasos posibles (mentres el concede rebaixarse un 15% da súa bolsa). Sobre todo, porque se hai bancarrota nas arcas do Estado se debe a persoeiros coma el, que teñen bula institucional e se aproveitan da bondade natural do resto da sociedade.

Iría moi ben que ese Estado, que permite tamañas felonías, se fose a pique, que marcharan todos os gorróns e que non volvesen nunca.

26 de maio de 2010

HAI QUE FACER UN PLAN?


É o que Rajoy di: «Hai que facer un plan». Mais non explica qué clase de plan.

Plans hai moitos, incluso o Plan Galicia, que non se sabe para qué serviu. E agora o Goberno debe facer un plan. Será o plan B?

Cando o Deportivo estaba na Segunda División, de capa caída, logo dun deses partidos desastrosos que levaban ao club coruñés cara a Terceira División, un xornalista cominou ao entón adestrador deportivista Arsenio Iglesias a tomar medidas. Arsenio respondeulle axiña, sen pensalo: «Coma non sexa cunha regra!».

Pois ese plan que pretende o funcionario Rajoy, esas medidas que segundo el debe tomar con urxencia o Goberno, tampouco serán nada fáciles de tomar, agás que se utilice o sistema métrico decimal. Porque o que non ten solución non se arranxa por moito plan e máis demagoxia que se pretenda.

A reforma laboral solicitada por Rajoy, ‘para crear emprego’, comprende sobre todo o abaratamento do despedimento e o recorte de dereitos laborais. Isto é, de se concretar tal reforma, calquera empresario poderá contratar a quen lle pete, traballando de sol a sol e a baixo custe. Ese parece o plan de Rajoy, para empezar. Logo, seguindo as súas directrices, xa se sabe por onde continuará.

O plan e o sistema métrico decimal non parece que sirvan para moito máis que para favorecer novamente a incautación de plusvalía dos máis febles: os traballadores. E por moito que ‘parola parola’, o asunto da crise non se amaña cun simple plan.

En todo caso cómpre, como mínimo, que os políticos acaden algo de sentido común e que pensen máis na sociedade en xeral e non só neles mesmos; que se expresen como persoas maduras, adultas, razoables, discretas: como funcionarios ao servizo da sociedade e non para servirse dela.

En tempos de crise débense alixeirar as bolsas, precisamente, de quen provocan ou axudan a provocar tales crises: das grandes empresas e entidades financeiras (Repsol, Endesa, Iberdrola, Cepsa, Ferrovial, Telefónica, BBV, Banco de Santander, etcétera, etcétera, etcétera); débense eliminar gastos superfluos, como o militar (que xa parece isto a ‘Guerra das Galaxias’. Predícase por unha parte a globalización e por outra cada país individualmente produce o seu propio arsenal), e suprimir todo tipo de gastos impropios dun Estado exemplar.

En fin, que non sempre sexan os mesmos quen padezan o desprezo das grandes economías. Esas si serían medidas para intentar un acordo global. O resto é simplemente retórica. E fútbol e touros (circo, na antiga Roma): «Alegría, alegría, que fame non ha faltar!».

28 de abr. de 2010

REVISTA DE PRENSA

DESASTRE


Por Xoán Xosé Millás

Os membros do Constitucional deberían aceptar que se en catro anos non foron quen de decidir sobre se un texto se axusta ou non a dereito, algo raro lles pasa a eles, malia que culpen ao texto. En catro anos pódense gañar dúas oposicións a xuíz, pódense ter varios fillos, pódese escribir unha obra mestra, pode un morrer 200 veces. En catro anos un neno convértese en adolescente, un adolescente en novo, un novo nun home. En catro anos pódese casar un e descasar, pode aprender inglés, facerse experto en viños, arruinarse, enriquecerse, reproducirse, morrer e descomporse na tumba. Catro anos dan para moito, por favor. Estamos a falar de catro nadais, catro semanas santas, catro cursos escolares, catro vacacións de verán. Non quere un pensar que os xuíces do Constitucional non traballen, pero deberían explicar por qué traballan tan a modo, por qué van a ese ritmo. Ás veces dá a impresión de que o seu reino non é deste mundo.

E non é no único no que se parece ao Vaticano. Un pode imaxinarse a moitos dos seus membros exercendo de Papa e ao Papa exercendo de xuíz Constitucional. Falan igual, argumentan igual, se relacionan cos pobres mortais igual e seguramente teñen as mesmas inclinacións políticas. Sen saber nada de leis, pensa un que o Constitucional debería funcionar coma un individuo. A min danme a xulgar o Estatut (Deus non o permita) e gústame ou non me gusta, ou gústame e non me gusta á vez, o que implicaría negociar comigo mesmo. Pero de pagarme por iso, non me levanto da mesa ata lograr un pacto. O Constitucional non pode mostrarse como unha instancia esquizofrénica, con dous ou tres vidas incompatibles en marcha. Se non consegue acordos consigo mesmo, que se pegue un tiro en vez de pegárnolo a nós. [EL PAIS, 23 de abril de 2010]

27 de abr. de 2010

VIDAS TRUNCADAS



Frank Isaac País García

(Santiago de Cuba, 1934-1957). Fillo de galegos de Marín (Pontevedra) que emigraron a Cuba, cursou estudos de arquitectura e graduouse como mestre na Escola Normal de Mestres de Santiago de Cuba. Integrado no Movemento 26 de Xullo e considerado ‘mártir da revolución cubana’, salientou como un dos principais dirixentes da Asociación de Estudantes e do movemento latinoamericano da reforma universitaria. No Bloque Revolucionario Estudantil Normativo, constituíu a Federación Local de Centros de Segundo Ensino e promoveu o Directorio Estudantil Revolucionario. A súa postura en contra da ditadura de Fulxencio Batista levouno a solicitar armas para defender o goberno democrático de Carlos Prío Socarrás. Pese ás súas influencias cristiás, entregouse plenamente aos ideais revolucionarios da época, fundando a Acción Revolucionaria Oriental (logo denominada Acción Nacional Revolucionaria) co fin de organizar a loita armada contra a ditadura.


Frank País, que promoveu xunto a Fidel Castro o Movemento 26 de Xullo (1955), foi designado xefe de ‘acción e sabotaxe’ e dirixiu o levantamento armado en Santiago de Cuba (1956) en apoio dos expedicionarios arribados a Cuba dende México no iate Granma. Detido e xulgado pola súa participación nas loitas contra o réxime, logo de ser absolvido grazas á presión popular, dedicouse especialmente á organización e apoio á guerrilla rebelde na serra Maestra, así como a espallar a insurrección en toda a illa.

Un mes despois da morte do seu irmán Xosué, Frank País foi abatido nunha calexa de Santiago de Cuba en circunstancias aínda non aclaradas. En resposta ao seu asasinato, declarouse unha folga xeral en Cuba e o seu soterramento organizouse como un desafío á ditadura de Fulxencio Batista, coincidindo coa máis ampla manifestación popular coñecida ata entón na cidade oriental cubana. [Ilustración de Xavier Dans Mayor] ***

26 de abr. de 2010

ABRIL LIBERTARIO






















Na Casa das Atochas da Coruña


Restan uns días para o remate das VII Xornadas Anarquistas baixo o título de Abril Libertario. Na Coruña é a Casa das Atochas quen acolle os actos finais: Debate sobre macrobiótica (xoves 29) e Insubmisión ás penas de multa (venres 30).

14 de abr. de 2010

EGUNKARIA



















Liberdade de expresión


O xornal ‘euskaldunon’ Egunkaria, derrubado, esnafrado, esnaquizado e torturado polo sistema xudicial, revive sete anos despois do seu asasinato. Os togados fallan en contra do especial interese das asociacións Dignidade e Xustiza e Vítimas do Terrorismo, empeñadas en encadear aos responsables da publicación por máis de quince anos.

Estas asociacións acosadoras propuxeron a varios membros da garda civil como peritos-testemuñas, que agora sen embargo non lle merecen credibilidade á Audiencia Nacional por «non ter coñecementos técnicos, artísticos ou prácticos».

Unha chapuza, como tantas outras. A Audiencia valora tamén as declaracións dos procesados en relación coas torturas e malos tratos que sufriron durante a detención incomunicada: constata que «non houbo un control xudicial suficiente e eficiente das condicións da incomunicación», que no seu momento negou o ministro de quenda, interpondo unha querela contra os cinco ‘castigados’ por denuncias falsas de tortura e inxurias e calumnias contra a garda civil.

Martxelo Otamendi, director do xornal, denunciou ante as cámaras de televisión o trato cruel e inhumano que recibiran por parte dos uniformados: «Non hai dereito. A Xoán Mari Torrealdai, de sesenta nos, unha eminencia da cultura vasca, déronlle tremendas tundas; a Xabier Alegría practicáronlle sesións de ‘bolsa’, e a min tamén por dúas veces... Incrible que en 2003 existan semellantes buracos negros en institucións coma esta, e con semellante impunidade... Impórtalles pouco calquera dereito, dálles igual a túa situación, dálles igual que non saibas nada. É igual. Tes que dicir algo para saír vivo».

Malia que a destempo, a Audiencia Nacional vén de considerar inconstitucional os procedementos políticos, xudiciais e policiais que levaron ao peche do xornal Egunkaria e á detención dos seus promotores.

O único delito que cometeu Egunkaria foi utilizar o idioma de seu.

REPÚBLICA
















A Constitución española foi un amaño

Dende que a denominada ‘Transición’ negociou coa clase política ‘esta Constitución si ou quedamos como estamos’, truncouse a liberdade real dunha sociedade encadeada polo fascismo durante corenta e tantos anos.


Primeiro ataron todo o que o xeneral dispuxo no seu testamento: o ‘fillo’ de Franco, de primeiro. Punto número dous: monarquía a continuación. Estes dous puntos reflicten claramente a vontade dos redactores dunha biblia estatal que non deixa lugar a dúbidas, que expresado popularmente na nosa linguaxe galega tan específica, significaría ‘é o que hai’.

E é certo. É o que hai. Non hai máis. Son moitos e ben armados. E as posibilidades de botalos a todos cunha patada no cu, por exemplo, son escasas. Ademais teñen moitos dogmas que non queren que se lles toquen, e moitas truculencias tortas, caso por exemplo da laicidade do Estado. Se o Estado é laico por que o Goberno aproba funerais de Estado? E por que subvenciona á Igrexa Católica maioritariamente? Se a máxima representación popular a ostenta a sociedade a través do Parlamento, por que unha institución allea como é o Tribunal Constitucional pretende estar por riba do aprobado no Parlamento? Etcétera.

Este tipo de cuestións establecen de xeito claro que este sistema ‘democrático e monárquico constitucional’ non foi máis ca unha truculenta farsa herdada polos mesmos ‘fillos’ do franquismo e ‘abonada polos curmáns’ que agardaban a súa oportunidade para pillar parte do pastel (PSOE, PC, por exemplo). Antes de que iso acontecese, antes de que en 1936 un funcionario pagado pola sociedade decidise rebelarse contra esta, España era unha República, cun presidente elixido democraticamente. Isto é, o máis democraticamente posible, tendo en conta que sempre é difícil votar democraticamente dadas as desigualdades sociais. Pero era un presidente legal, elixido mediante sufraxio universal.

E, como mínimo, a sociedade merece respecto, que non se lle minta. A bandeira e a República non son máis ca símbolos, pero de momento serven como arma contra as imposicións. E, como dixera Salvador Allende, chegará un día, máis cedo ca tarde, en que o home libre poderá decidir a súa propia identidade sen ningún tipo de presións nin trampas de filibusteiros.

A fotografía de Clelia Zucca mostra a membros da Agrupación Republicana rememorando o 14 de abril na Coruña.

9 de abr. de 2010

A LEI DO SILENCIO



'O falar non ten cancela'


É curioso cómo se cociña na clase política para resolver as trapalladas nas que se meten os políticos. O penúltimo caso é o de Xosé Manuel Romay Beccaría [fotografía de RTVE], que substitúe a Luís Bárcenas na cuadratura do círculo da tesourería do partido da dereita española. Se Luís Bárcenas está atrapado nunha lea de coidado, o cambio de función non significaría nin máis nin menos que se recorre a anteriores fórmulas de amaño de capitais.

Romay Beccaría foi responsable da ‘agricultura’ galega nun dos gobernos de Manuel Fraga. E de se investigar ben á persoa que ata agora desempeñaba a función de supervisor do novo ‘código ético do Partido Popular’ se descubrirían algúns dos seus ‘complementos’ semellantes aos que se lle achacan ao Bárcenas: maletíns cargados de pesetas chegaban á oficina de Jóvenes Agricultores (Compostela) da man do daquela secretario xeral Xoán Pérez Miramontes, que el mesmo atribuía a súas boas relacións coa Consellería de Agricultura. Se o conselleiro non coñecía o asunto significaba que ao seu redor cada quen ‘pillaba’ o que podía. Se polo contrario Romay Beccaría trataba unicamente de axudar aos seus afíns con diñeiro negro, peor aínda. [Brais do Castro]

8 de abr. de 2010

A CENTRAL OBREIRA GALEGA DENUNCIA VIOLENCIA EN ISIDRO DE LA CAL

A través dun comunicado dirixido á opinión pública, a Central Obreira Galega (COG) denuncia as agresións que están a sufrir os traballadores da empresa Isidro de la Cal por un determinado encargado da empresa contra os seus traballadores, e incluso contra un delegado sindical da COG.

20 de feb. de 2010

Lei de Memoria Histórica
















Protesta veciñal contra
a demolición de nove vivendas
nas Atochas

O pasado venres 18 de febreiro un grupo de veciños concentrouse na Coruña no cruce da rúa Atocha Alta coa da Torre para manifestar a súa protesta polo que consideran unha «irregularidade manifesta»: o derrubo de nove casas, unha mazá completa situada na rúa Atocha Alta. Os concentrados consideran tamén «que se trata dun conxunto urbanístico que se axusta á noción de Patrimonio», e a obra supón un obstáculo para a Lei de Memoria Histórica, ao adiantar a demolición antes de se estudar a posibilidade de ser inscrito na devandita Lei de Memoria Histórica.

Os veciños, a través dun panfleto sen sinatura, coidan que o derrubamento reúne todos os ingredientes dunha operación encuberta, «que infrinxe mesmo o acordo de suspensión sobre as licencias de demolición: eliminación de cubertas (tellados), coa escusa de presenza de amianto; valado deficiente; non se exhibe licenza ningunha, nin tampouco hai indicios dela nin cartel de obra; ausencia de sinais de tráfico, que acrediten a actividade, etcétera». Os concentrados chaman a atención tamén sobre algunhas retencións de veciños co obxectivo de favorecer a continuidade da obra a cargo dunha «coñecida empresa construtora».

Pese a todas estas denuncias e alegacións presentadas polos veciños no Concello «ao Plan Xeral de Ordenamento Municipal, informando mesmo a diversas instancias públicas», as autoridades locais pretenden seguir adiante coa demolición, se ben os veciños agardan que aínda «estamos a tempo de mudar esta situación».

18 de feb. de 2010

HISTORIAS REAIS


Calotes que se ignoran

A empresa Albo comercializa o atún nun envase de ‘fácil apertura’, que vende o centro comercial Alcampo (A Coruña). Sen embargo, e pese ao seu alto prezo, as latas deben abrirse co coitelo de monte.
Este tipo de empresas, que empregan a miúda estafa (caso das do gel envasado en botellas que conteñen menos cantidade ca a estipulada), engordan grazas a estes pequenos calotes.

5 de feb. de 2010

IGUAL CA OS TOREIROS

'O falar non ten cancela'


Talvez a gran maioría da sociedade española goce coa denominada Festa Nacional na que un home dirime cómo matar a un touro, algo politicamente correcto.

Arguméntase que o touro está destinado ao sacrificio, xa que se cultiva como touro de lidia. Independentemente diso, o touro, unha vez sacrificado no coso ante a mirada dunha multitude afervoada, servirá para engrosar a intendencia da industria cárnica e outras nimiedades.

Ben, pois dende a miña miúda cancela, e pese a non ser precisamente vexetariano, négome a validar tal comportamento sádico do home da capa e a espada, malia que brillantes líricos e prosaicos pensadores profesasen e profesen unha santa e prolífica confesionalidade cara a tal afección. E, polo tanto, dentro da mesma lóxica, cando hai noticia de que un toureiro ten unha contrariedade derivada do corno dun touro bravo, nin me sinto ben nin me sinto mal. Dáme igual. E iso non é politicamente correcto.

Pásame outro tanto coa belicosidade industrial, esas guerras santas provocadas polas industrias de armamento: guerreiros uniformados, armados ata os dentes, combaten contra exércitos inexistentes, pobres, escasamente fornecidos e humillados nos seus propios territorios. Non se trata de salvar ao mundo, senón de disfrazalo con múltiples artimañas, que xeran, nos máis dos casos, xenocidios encubertos. E eu négome tamén aquí a ser politicamente correcto. Nin me parece ben nin me parece mal a morte dun soldado, acaso unha simple estatística como tantas outras que aparecen a cotío reflectindo datos sobre baixas (tanto en ocupacións denominadas de alto risco coma en accidentes de circulación, por exemplo). O paradoxo é que no caso da guerra, algúns consideran o touro como símbolo de orgullo e virilidade. / Brais do Castro (Imaxe: AP)

3 de feb. de 2010

Memoria Histórica


Pazo de Meirás: Memoria Histórica


Os sucesores do ditador Franco parece que agora aceptan abrir o pazo de Meirás (Sada, A Coruña) ao público, logo de que os seus recursos xurídicos en contrario non acadasen o resultado apetecido. Os sucesores do ditador Franco parece que ignoran que o pazo pasou ás mans do falecido xeneral por mor dunha colecta organizada polo daquela gobernador civil da Coruña, Xulio Muñoz, xunto co banqueiro Pedro Barrié de la Maza (entre outros), que se encargaron de adquirir ás herdeiras de Emilia Pardo Bazán as torres de Meirás, duplicar a superficie de xardíns e fincas anexas e dirixir os traballos de reforma e acondicionamento para finalmente obsequiar ao ditador ferrolán cunha suntuosa residencia na que acubillarse durante as súas estadías de verán en Galiza.

As reformas financiáronse co diñeiro dos cidadáns, vía institucións públicas e unha suposta colecta popular, na que as autoridades fixaron a cantidade do donativo a entregar ‘de xeito voluntario’ ou mediante un desconto obrigado dun día de soldada nas nóminas dos funcionarios e empregados de empresarios adeptos ao réxime.

As torres de Meirás construíronse por encargo de Amalia da Rúa Figueroa e Somoza, nai de Emilia Pardo Bazán, sobre as ruínas dunha fortaleza medieval derrubada polas tropas napoleónicas en 1809. En 2008 o pazo foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.

En 1938 Franco recibiu as torres e unha extensión aproximada que representaba a metade do espazo actual. Nun dos parágrafos do documento de doazón reflíctese, na prosa xenuína da época, que a provincia da Coruña realiza a ‘ofrenda’, doazón das torres de Meirás «ao fundador do novo imperio, xefe do Estado, xeneralísimo dos exércitos e caudillo de España».

No momento da compra non había muros exteriores, agás a entrada principal, como tampouco moitos dos elementos que conforman a propiedade actual do pazo. Sábese que ao pazo, que mercou a ‘xunta’ aos herdeiros lexítimos, incorporáronselle as propiedades ‘doadas’ polos cidadáns, inscritas no rexistro de Betanzos a nome de Francisco Franco Bahamonde e «a súa familia». Polo que se refire aos terreos próximos ao pazo, expropiáronse sen misericordia moitos outros, co fin de anchear a estrada de Santa Cruz a Meirás. Ás propiedades adicionais, adquiridas baixo ameza ou extorsión, dado que en moitos casos non houbo contribución económica ningunha, engadíuselle unha casa co seu terreo destinado á construción dun depósito de auga para o servizo do pazo, a uns 150 metros da entrada principal.

O modelo de financiamento do pazo de Meirás consistiu en descontar das nóminas dos funcionarios do Concello da Coruña e da Deputación Provincial unha porcentaxe do seu salario (editáronse tamén uns bonos de contribución ‘voluntaria’, nos que as autoridades fixaban as cantidades). Dadas as circunstancias, é de supoñer que a maioría contribuíu por medo.

Élles difícil de entender, entón, aos sucesores de Franco que o réxime morreu e o medo desapareceu? Élles difícil de entender a estes sucesores que o pazo de Meirás é unha propiedade do pobo da Coruña? Élles difícil de entender que a memoria histórica determina que esa propiedade foi o resultado dun saqueo e que polo tanto se debe restituír aos seus lexítimos propietarios?

Ou é que pese a todo aínda nos achamos nun réxime fascista encuberto?