Visualizacións de páxina totais

31 de dec. de 2014

Pablo Iglesias














As rodas de muíño é certo que son moi xeitosas e moi amables, pero fanse duras para comulgar con elas, sobre todo para tragalas, que danan moito os tránsitos e dificultan a dixestión, recoiro. E, por riba, para os agnósticos, que algúns hai, resultan nulas dadas as características do humano en cuestión.
Isto vén a conto polo da soberanía. A soberanía é algo así como o acubillo dun, a casa dun, a gorida dun, o sitio dun, o lugar dun, o acomodo dun, a intimidade dun, a xestión dun, a continuidade dun, o etcétera dun. A soberanía é, en suma, a independencia dun para negociar en pé de igualdade cos demais, e incluso dar e recoller afectos reais e solidarios. Non é posible ter amizade con ninguén que invada a soberanía dun e lle diga como organizar a súa vida e como facer de ventre. Outra cousa será que, mediante acordo das partes, a casa dun dea acollida a máis humanidade soberana.
Esa é a primeira cuestión a salientar. A segunda trata da solidariedade. Se efectivamente cada quen dispón da súa propia soberanía na súa casa poderá ocuparse máis activamente da solidariedade cos demais humanos e avanzar co conxunto de todas as soberanías.
Ben, pois ao señor Iglesias hai que explicarlle o da casa dun, porque semella que anda algo perdido neste asunto. Para el, coma para o resto dos políticos profesionais, parece que non hai casa dun, que a casa é de todos. Pero só cando convén. Porque cando non interesa é a casa única e indivisible, na que só se acubillan os propios.
Ao señor Iglesias hai que explicarlle, tamén, que non por moito madrugar amence máis cedo, que persoas coa súa teima de soberanía hóuboas, hainas e haberaas. Que moi bonito iso de que a soberanía non é só unha bandeira. Que, en efecto, non é só unha bandeira. Pero tampouco é un imperio ingobernable. A soberanía é a conciencia de cada sociedade. A soberanía é o propio. A vida. A soberanía é o amencer e o lusco e fusco. A soberanía e o todo para un. É a propia liberdade individual e colectiva. A soberanía é a casa propia, a casa dun. A cultura. O primeiro que debe conquistar un ser humano para desenvolverse en pé de igualdade co resto dos seus conxéneres. 



29 de dec. de 2014

Crónica dende Malabo












Cando chegas a Malabo nun deses impresionantes aeroplanos da compañía Ceiba, o primeiro que che bate no corpo é a calor húmida e abafante. E non vai ser o único golpe.
Dende a cristaleira da pasarela de embarque obsérvase como reposta na pista o avión de Iberia que realiza o itinerario Madrid-Malabo. Todos, brancos e negros, falan sobre o pequeno e incómodo que é ese avión fronte á flota de Ceiba, que ademais é máis barata e se come mellor.
Unha vez alcanzado o control de acceso ao aeroporto, pídenche o pasaporte e o libreto de vacinación. As cabinas son modernas, hai tres ou catro, cada unha cun militar con pinta de pasar moito de todo, que comproba o teu visado e rexistra a túa estancia no país. Ademais, tírante unha foto cun dispositivo fotográfico informatizado. Todo semella moi ordenado e moderno... Ata superar esa primeira barreira, porque logo aparece o caos. Primeiro, para facerse coas maletas na cinta transportadora. Aí acumúlase unha manda de persoas: non hai quendas nin colas nin nada. Sálvese quen poida! Parvo, o último! E comezan os empurróns, ou as asociacións, como o noso caso, con outros viaxeiros, para facer grupo e meter ‘mellor o cóbado’. De paso aproveitas para recoller a maleta dalgunha anciá que agarda a que alguén lle bote unha man (outra das moitas cousas que comparten os pobos fang e galego é ese respecto polos maiores, un fang ou un galego sempre estarán obrigados a axudar a unha anciá perdida ou desorientada).
Unha vez feitos coas maletas, e xa suando coma nunca, un coida que non lle pode acontecer nada peor... E non é así. O seguinte paso é unha nova invención do concepto do caos nun aeroporto. Refírome ao control de aduana e saída do propio aeroporto. Aquí xa se trata de desorganización total: só hai un corredor, cun detector, e a multitude arrexúntase cos carriños cargados de maletas. Ademais, moitos dos viaxeiros retornan de España cargados de maletas cheas de roupa ou grandes televisores adquiridos a baixo prezo no paraíso español. Por suposto, tratan de agochar os seus cargamentos entre o tumulto para non pagar o arancel correspondente (como último recurso, pódese subornar ao militar de quenda, e no peor dos casos —como se trata dun pequeno país—, posiblemente sexan amigos ou coñecidos, e o militar mire para outro lado, tanto como para introducir un televisor de dous metros).
Para superar o detector agardábanos Pedro, un produtor nado en Bata, que xa reside en Malabo dende hai algún tempo e coñece todas as xogadas. A verdade é que a día de hoxe non comprendo como se achaba apostado na propia zona de embarque (supoño que algún militar amigo seu deixaríao pasar). Pedro pediunos o carro das maletas, colouse entre a xente e ao rato achábase fóra, chamando por nós, polo que aforramos o paso das maletas polo control.
Pasado o detector hai unhas mesas nas que os militares, aleatoriamente, abren as túas maletas e as rexistran moi por riba, e, dependendo de estar máis lonxe ou máis preto de fin de mes, pretenden sacarche algún carto con algunha escusa. O que máis lles mola é atopar unha cámara ou material informático. Aí sempre sacan cartos... E ademais, de tratarse dun branco, coidan que lles tocou a lotería. Pode soar mal, pero isto é así. Afortunadamente, Pedro, co seu dominio da situación, evitounos este paso, encargándose das maletas facturadas, nas que ían os obxectos máis comprometedores para facer feliz a un funcionario de aduanas de Guinea Ecuatorial.
Xa no exterior, no ‘tanque’, agardábanos Antón no Land Cruiser do Indefor, cun sorriso e unha aperta e aquela exclamación: «Por fin estades aquí, foi difícil pero conseguímolo!».
E así comeza a estancia dun viaxeiro en Malabo. Xa no propio aeroporto recibes un montón de información, unha pequena representación do que logo será a vida na capital de Guinea Ecuatorial!





11 de set. de 2014

Salvador Allende












Corenta e un anos despois do golpe de Estado promovido polo capital estadounidense (en comandita coa socialdemocracia chilena) e executado polos seus axentes (CIA, Pinochet), ningún tribunal internacional asumiu o seu tratamento como crime de lesa humanidade.
Esa é a democracia da que se gaban a meirande parte dos representantes dos patróns internacionais das finanzas que gobernan realmente o mundo.
En 1973, en Chile había un goberno democrático. Pero, entre outras medidas, nacionalizou o cobre. Para que? Para que os beneficios quedasen en Chile e non en mans estadounidenses e dalgúns comisionistas chilenos que non contemplaban un goberno de unidade popular. E que aconteceu entón? Que a socialdemocracia chilena, na oposición, organizou unha folga brutal do transporte, financiada polos EE UU. O país quedou desasistido, sen abastecementos. E esa socialdemocracia, eses políticos, representantes do imperialismo financeiro, creou as condicións para que as forzas armadas (funcionarios, en teoría a disposición da sociedade, das súas normas institucionais) mudasen de bando, como mercenarios, apuntándose ao gañador e que máis pagaba: EE UU (nin sequera dubidaron en asasinar ao xeneral Carlos Prats, xefe das Forzas Armadas chilenas, leal ao presidente e á soberanía popular).
Iso foi o que aconteceu en Chile a grandes trazos. Polo miúdo foi algo máis terrible. Pareceuse moito ao acontecido en España en 1936, cando outro mercenario crebou cos dereitos constitucionais daquela sociedade da que dependía o seu salario.
Non se deben esquecer estes feitos. Como tampouco permitir que suceda algo semellante, que pode acontecer en calquera momento no caso de que os representantes da especulación perdan o poder democraticamente. Nese caso está por ver canto tempo respectarían a soberanía popular, da que tanto se senten lexitimados cando realizan recortes a través de decretos ou cando lexislan o que lles parece (o que lles ordenan os seus patróns) baixo a prerrogativa da posesión da maioría.
Por iso, a este tipo de políticos demócratas, que representan á mafia máis poderosa do mundo (crea conflitos, provoca guerras, destrúe sociedades, fabrica e vende armas de destrución masiva, etcétera), non lles interesa investir en educación: necesitan da formalidade dos votos para ser cribles, que non acadarían se o mundo fose unha comunidade consciente e solidaria. Velaí o caso estadounidense: calquera psicópata ben relacionado, por exemplo, pode acceder á chave que poña fin á historia da humanidade cun só clic.





 





8 de set. de 2014

‘Willy’ Toledo












Debín ser unha das escasas persoas que se tomaron a molestia de ler esa extensa diatriba que cuestiona, como mínimo, a integridade dos dirixentes de Podemos.
Sen entrar en todas e cada unha das cuestións que vostede utiliza para pór en dúbida a honorabilidade dos voceiros da apenas nada formación política allea ao formalismo insolidario imperante, engadirei as seguintes consideracións:
A esquerda real que vostede preconiza (obreira, de crase, organizadora das masas, etcétera) non existe en Europa (agás pequenos redutos con escasa influencia). Porque, fóra do PP-PSOE (dereita pura e dura), representantes da especulación financeira, non hai nada organizado (Esquerda Unida vai camiño de se parecer ao PSOE).
Polo tanto, para debater sobre qué é a esquerda, como vostede se pregunta, como mínimo débense atender a aquelas formacións non ligadas directamente aos representantes da insolidariedade, isto é, PP-PSOE. De momento, e ata que non se demostre o contrario, a nivel estatal están Podemos, Alternativa Galega de Esquerda, Bildu, etcétera. A partir de aquí podería comezar o debate para confluír nunhas eleccións xerais conxuntas, en pé de igualdade, para lograr eses oito ou dez millóns de votos necesarios para gobernar e mudar a forma de Estado.
Sen entrar en máis disquisicións, acabarei co apartado estatutario de Podemos. Vostede alude á existencia dunha forte estrutura para mudar, no seu caso, aos seus líderes: a asemblea decidiría o cambio sempre que a nova dirección acadase a mesma porcentaxe conseguida pola primeira, máis un voto. Aparentemente semella unha manobra para dificultar a entrada dunha posible oposición con distintos criterios ca dos fundadores. E é certo. Na práctica, o que se pretende é que un grupo de infiltrados non quebre as directrices para as que foi creada esta formación política. Nin máis nin menos. Moito máis difícil é superar eses dous terzos necesarios no Parlamento español para mudar a propia Constitución e a forma de Estado.
Finalmente, preguntarlle por qué lle ten tanto medo ás novas opcións solidarias. Por que non poden acadar o poder e rebentalo todo se é o desexo democrático da sociedade?






23 de xuño de 2014

Poder e mafia










«Se quen teñen o poder negan a liberdade, o único camiño cara á liberdade é o poder» [Nelson Mandela]

Nestes días tratei de esvaecerme de todo canta sinalaba a escaseza de hixiene mental dunha uniformidade que vai da man desa mafia defensora só dos seus propios intereses a costa da escravitude universal, tanto física coma intelectual. Non foi posible. Mirase onde mirase, a propaganda irrompía a través desa cousa que parece formar parte das nosas propias cabezas. E interrogábame, e interrógome, onde están os pedagogos, os responsables académicos, os ensinantes de ética e dese tipo de cuestións relacionadas coa hixiene mental?
Na miña escasa capacidade intelectual, todo isto prodúceme unha gran dor. Que un reduto de mafiosos dispoña da vida do conxunto social coa aleivosía da mofa e escarnio é xa de por si inexplicable.
Por que nos estimamos en tan pouco? Por que o conxunto social non se rebela dunha vez por todas contra tanta estulticia? Por que neste século —dobre xe e máis un pau― seguimos contribuíndo cos décimos e o dereito de pernada?





11 de xuño de 2014

Hai vinte e oito anos (1986)


El Artylujio, un ensaio de publicación periódica realizado por Editores Piratas Reunidos en 1986, publicaba na súa última páxina un artigo de Xesús Trashorras relacionado co mundial de fútbol (no apartado ‘Informe sientífico’) que se asemella moito á actualidade. Reproducímolo a continuación.



Logo do pasado mundial comprobamos unha vez máis como os que dispoñen dos medios de comunicación —a televisión, por exemplo— controlan facilmente ás ‘masas’. Obsérvase que dun e doutro xeito continúa funcionando o vello método de ‘pan e touros’. Non é necesario lembrar que este sistema consiste en darlle ao respectable alegrías —masivas— populares e así arredar a atención doutros problemas de maior importancia.
En tempos de paro, folgas, terrorismo, etcétera, televisáronse cantidades industriais de partidos de fútbol.
Iniciar telexornais (primeiras páxinas en TV) falando de que a selección española xogará un partido de oitavos de final —e a un gústalle o fútbol— cando hai millóns de parados e os peiraos españois levan varios días paralizados por unha folga de estibadores, é canda menos inmoral.
Non é necesario sinalar a casual coincidencia do mundial coas eleccións do 22 de xuño.
Por suposto, o noso seleccionado foi elevado ao máis alto do podio. E, naturalmente, aos nosos fabulosos xogadores, conscientes do papel que realizaban nesta película, non se lles ocorre nada mellor que —antes de comezar un partido— pórse a discutir cantos millóns se embolsarán con toda esta montaxe.
Logo de ‘partirse a crisma’ acadan a cifra de quince millóns por cabeza (e en dólares) se gañan o mundial. Todo isto nun país no que os clubs están arruinados e é o Estado quen vai pagar os pratos rotos.
Talvez o diñeiro que custou a selección é politicamente rendible, dado que produce: «alegría, alegría, que fame non faltará».

Última de El Artylujio co artigo de Xesús Trashorras




2 de xuño de 2014

Filipe González















Se un dos creadores do clan que contribuíu á reformulación do franquismo saíu en defensa da improcedencia das novas alternativas de esquerda, vén demostrar que se elixiu o camiño correcto.
O home branco que fala con lingua de serpe será xulgado algún día pola súa responsabilidade no pacto co fascismo, senón de facto si historicamente. Os pobos non esquecen nunca a súa historia, malia que soporten picaduras de serpe unha e outra vez. Non hai mal que cen anos dure.
Ese home branco que «falar con lingua de serpe», afirma que non hai máis alternativa de Goberno ca a súa propia, que o resto é ‘bolivarianismo’. E que o bolivarianismo só conducirá ao caos.
Ese home branco que falar con lingua de serpe é aquel que confundiu solidariedade con extorsión, quen cultivou os contratos vasoira e quen manifestou que o capitalismo é o menos malo dos sistemas políticos. E, entre medias, mirou para outro lado co asunto do cal vivo. Este é o gran persoeiro de Estado que, sen rubor, se permite, tal coma un santón de primeira división, dicir a millóns de persoas como deben facer de ventre. Esta é a súa democracia.
O home branco debe ter medo de que o despoxen deses privilexios dos que dispón grazas á falsidade saída da súa lingua de serpe.
Ese home branco que fala con lingua de serpe, como mínimo, ten que lavar a boca con lixivia e logo dedicarse ao cultivo de especies exóticas mentres conversa coas cascudas.
Non merece ningún respecto.

Tú decir que si te votan
tú sacarnos de la O.T.A.N.,
tú convencer mucha gente,
tú ganar gran elección,
ahora tú mandar nación,
ahora tú ser presidente.
Hoy decir que esa alianza
ser de toda confianza,
incluso muy conveniente,
lo que antes ser muy mal
permanecer todo igual
y hoy resultar excelente.
Hombre blanco hablar con lengua de serpiente.

Cuervo Ingenuo no fumar
la pipa de la paz con tú.
¡Por Manitú!
¡Por Manitú!

Tú no tener nada claro
cómo acabar con el paro,
tú ser en eso paciente
pero hacer reconversión
y aunque haber grave tensión
tú actuar radicalmente.
Tú detener por diez días
en negras comisarías
donde mal trato es frecuente,
ahí tú no ser radical,
no poner punto final,
ahí tú también ser paciente.
Hombre blanco hablar con lengua de serpiente.

Tú tirar muchos millones
en comprar tontos aviones
al otro gran presidente
en lugar de recortar
loco gasto militar
tú ser su mejor cliente.
Tú mucho partido pero,
¿es socialista, es obrero?
¿o es español solamente?
Pues tampoco cien por cien
sí americano también:
gringo ser muy absorbente.
Hombre blanco hablar con lengua de serpiente.


[Cuervo Ingenuo, de JAVIER KRAHE]


23 de maio de 2014

Xosé Manuel Beiras ||| Daguerrotipo











Xosé Manuel Beiras, a quen lle dá arrepío Feixón por aquilo de que en todo caso tería que ser Frijol (de pretender castelanizalo), considera que certa xente está narcotizada polo sistema. Pero non se atreve a dicir que son parvos, porque nunca se lle ocorrería. Sabe que son votos perdidos. Non hai peor xordo que o que non quere oír. E sobre o Parlamento galego ten claro que é algo así como A casa dos mortos de Fiódor Mijailovich Dostoievski , unha prisión na que se vive unha dura realidade, con reclusos mangallóns que se comunican dun xeito que só eles entenden.
Beiras, que tamén se acha indignado (a estas alturas tería que darlle dous sopramocos a máis dun), conta que nesa casa dos mortos hai que agardar oito días para facer unha pregunta e antes poñela por escrito, que iso non pasa nin na Cámara dos Comúns de Gran Bretaña, que xa é dicir.
Polo visto, queren reducir o Parlamento galego a unha corrala na que practicar esperpentos como Luces de bohemia de Valle Inclán. Moitas bufonadas e esperpentos saen de alí, sen dúbida. E Beiras quéixase tamén de que non é posible competir nunhas eleccións en pé de igualdade cos partidos tradicionais dado que dispoñen de moitos máis cartos e, por riba, dese diñeiro coñecido como ‘negro’ (que non sei por qué será, sempre lles toca aos chineses e aos negros).
A súa teima non era ir ás europeas da man de Esquerda Unida tal e como lle criticaban na mesa. O seu era acadar un acordo con todos os grupos independentistas de esquerda, incluídos os estatais. Pero por máis que o tentou, non o conseguiu. Ese foi o seu propio reproche. Non foi posible. Como sempre acontece en Galiza. Non é fácil pórse de acordo. Pero iso si, Beiras votou por Lidia Senra, a súa candidata para Europa, unha loitadora das Comisións Labregas, á que defendeu como agroecoloxista, se ben será difícil a súa elección dado que se trata do número cinco nas listas de Esquerda Unida a nivel estatal.
Xosé Manuel Beiras, que nos seus tempos se peiteaba á navalla, que confesa sen rubor, inquírelle aos propios interrogadores a ver se lle saben dicir cantos artigos da Constitución española están derrogados. E comeza a soletrealos un a un. E son moitos os artigos desa Constitución que non serven para nada. A quen redactaron esa cousa habería que penalizalos por incumprimento de contrato.
A Unión Europea non queda atrás sen darlle a volta ao forro, mudala por completo: quitarlle a americana e poñela do revés ao igual ca ao Alias Cañete, que xa queda emparellado co Frijol na ilustración mental do, aínda mozo, profesor Beiras, que lembra a uns cantos teóricos da economía e informa aos pasmados reporteiros sobre a publicación na que os poden ler e empaparse deles. Púxolles tamén aos inquisidores algunhas trampas para ver como andaban de cultura. Antes xa informara da escaseza ilustrativa do Frijol, que non sabe que Rosalía escribira Cantares gallegos e Follas novas.
Beiras considérase ante todo pacifista, que di sen dobre linguaxe, e precisa que Galiza é unha nazón, como reza o himno dos bos e xenerosos, se ben algúns utilízana como a súa propia finca. Tampouco hai problema, porque a parágrafo seguido mándalles unha mensaxe: serán escorrentados coma ratos e terán que saír fuxindo.
Pero sobre  todas as cousas, Xosé Manuel Beiras Torrado, polo que persoalmente sinto unha singular simpatía malia non compartir parte da súa filosofía e funcionalidade, é un perdedor como el mesmo recoñeceu. Pero é un perdedor dos bos, dos que merecen ser lembrados pola súa teima de mudar as cousas que deben rebentar dunha vez por todas. E iso, como mínimo, hónrao. Deu pasos, trabucándose ou non, dun sitio para outro, tratou de atopar unha fórmula aquí, en Galiza, onde case todo é difícil e hai moito escuro e máis escuridade, para reducir a narcotización, e aterrou no Bloque, onde finalmente non quixeron saber nada del e da súa loxística españolista. Finalmente inventou un pequeno sismo coa pretensión de novidade. E volta a empezar. Dálle, dálle, dálle, a loita continúa. Unha vez máis, con Anova, a pelexar. Pero parece que o prefire así a terse afiliado a calquera dos partidos tradicionais estatais dende os que, logo do abandono de Fraga, teríase desfeito sen dúbida ningunha do Frijol nun dicir amén e  sería o califa en lugar do califa. E dende logo non tería que andar perdendo o tempo de feira en feira tratando de demostrar quen non é. Que o que é sábeno ben case todos cantos o coñecen. Pero non, o home do zapato, o ilustrado que fai ruborizar aos lambecús escasos de ideas, preferiu ser un perdedor. Cousa, como mínimo, que lle hai que agradecer.
En fin, todo un persoeiro. Antes de saír daquela caixa de paspáns pediu desculpas por se lle faltara a alguén. Non fose que llo tivesen en conta para outra comenencia.

O principiño








21 de maio de 2014

Apostólica e Romana











A Igrexa, a través da publicidade nos medios de comunicación (que non é barata), insiste en que se lle insiran aspas no apartado da declaración da renda alí onde figura o seu nome. A Igrexa afirma que queren os cartos para investilos nos redutos de pobreza. E subliñan que é o que fan habitualmente.
Sábese oficialmente que non é certo o que preconiza a institución eclesiástica. Por exemplo, a porcentaxe que a Igrexa destina a Cáritas non supera o 2% do seu presuposto. E sábese tamén que a pompa e boato da Igrexa máis ben parecen os dunha corte real ca os dunha organización solidaria.
Informándonos entre liñas (dada a carencia de ética na comunicación) coñécense moitos escándalos da curia romana. Sábese que dispoñen dunha banca incívica, manexada polos seus propios especuladores. E que moitos dos seus ‘executivos’ provocan o pánico entre a sociedade infantil. Isto é, non son exemplo de sensibilidade. E non digamos do seu matrimonio co poder: Hitler, Franco, Mussolini, Pinochet, Videla, Stroessner, etcétera.
A Igrexa, sen faltar á verdade, non ten crise nin pasa fame. Eu coidaba que o tal Cristo, ese, ao que tanto gaban coa boca pequena, comportábase de xeito totalmente distinto: nin sequera tiña un lugar habitual no que residir, e anoxaba as xerarquías.
O caso é que se podería dicir, en linguaxe coloquial, que a Igrexa é unha merda pinchada nun pau. Pero direi só que a Igrexa é unha realidade ideolóxico financeira internacional que pretende dirixir á sociedade cara un destino común no universal: formar escravos para os seus socios ricos e poderosos.
Trátase, xa que logo, dunha asociación rancia e ofensiva, que contempla aos seres humanos como meros 'criados' ao seu servizo (por non utilizar un vocábulo máis mangallón). Porque, iso si, se os ricos están ao seu carón, a Igrexa logrará que os pobres —dadas as súas dificultades para sobrevivir— se entreteñan pregándolle a un persoeiro lendario que lles bote unha man. Moito máis fácil que coller pedras e tirarllas directamente aos do casco e as porras, funcionarios que protexen precisamente esa Igrexa inventada polos ricos. E isto, que conste, non é apoloxía do terrorismo, nin hai armas de destrución masiva, nin brancas nin negras, nin cousa polo estilo de por medio. Trátase unicamente dunha metáfora pura e simple. Dígoo por se algún censor ou vixilante da denominada autoridade pon a funcionar os seus miolos. Aquí non vai ter caso.
E sigo coa miña disquisición sobre o asunto.
Ata hai diferenzas á hora da morte para un apostólico e romano.
Por exemplo, un rico pode encargar funerais fantasiosos, responsos diarios, mensuais ou anuais, oracións varias, pedidos, etcétera, para que finalmente se lle abran as portas do Ceo.
Un pobre irá directamente ao Inferno, dado que non poderá asumir o gasto de protección para que se acorden del e imploren ante Deus a graza para amortizar os seus pecados.
Ademais, o rico ou influínte, gozará da atención das máximas autoridades eclesiásticas, que se supón intercederán máis directamente co patrón maior do Ceo. Mentres, o pobre, de ter sorte, como moito terá o apoio do seu propio veciño, que se acordará del por comerlle cinco centímetros de leira coa pedra de medir, e quedará feliz por telo visto morto.
Isto é, que non debe ser certa a historia esa de que «é máis fácil que un camelo pase polo ollo dunha agulla ca un rico entre no Reino dos Ceos». Porque, senón, a conta de que vén tanta pelota aos ricos e poderosos por parte dos xerifaltes da Apostólica e Romana?









8 de maio de 2014

'O carallo vinte e nove'












Que tipo de sociedade é esta? «Esas cousas». Argumentos do cómplice daqueloutros que mentres esixen escravitude para saír desa condenada crise provocada por eles mesmos engordan as súas contas bancarias ríndose a gargalladas, sen disimulo, de todo canto se lles pon por diante.
«Esas cousas». Está claro que o señor que se expresa dese xeito, esquilmando descaradamente para o seu beneficio e para os seus propios, coñece perfectamente a fórmula. Trátase dun deses listos que —debido á escasa orientación crítica educativa proporcionada polo sistema—, durante as etapas da vida dunha persoa, veñen mostrando a súa capacidade para aproveitarse do resto dos seus conxéneres: na primaria, na secundaria, no instituto, e no seu paseo pola universidade acadan o seu definitivo selo programático: a vivir, que son dous días e que se fodan os demais.
O difícil de entender é cómo llo permite esa gran maioría de mortais, que non son listos pero si máis sensibles e intelixentes. E que o saben. Cómo é posible que o mundo, en xeral, trague con todo, que non se farte un ano tras doutro de que lle furen o cu cun fungueiro e sen anestesia. Entendo que se a xente goza, non hai problema. O que non acerto a comprender é a protesta posterior, polo baixiño. Porque «a cousa» ten moita miga.


Ilustración de Castelao (1925)












5 de maio de 2014

Primeiro de Maio











A festa do Primeiro de Maio —agora denomínase festa—  quedou obsoleta. Trátase dunha data máis do calendario, incluída neses recursos eufemísticos subliñados como día mundial do/da/dos/das...
A pretensión orixinal que preconizaba a preponderancia da forza do traballo fronte ao capital, esfumouse. O propio capital acabou co seu contido dende o momento en que asumiu a data como parte do seu proceso de explotación sobre o asalariado.
Con todo, o sindicalismo oficial mantén o seu formalismo, festexando a data do Primeiro de Maio sobre consignas do século XIX. O oficialismo sindical propugna as mesmas pautas para os asalariados ca as consideradas fundamentais hai dúas centurias.
Na práctica, neste século, a sociedade en xeral non tería que combater por un salario digno, sanidade e vivenda, dado que xa xerou suficiente plusvalía como para ser autosuficiente e gozar dunha vida próspera sen recorrer á escravitude. E tería que avanzar con medidas que xerasen benestar para os países non desenvolvidos (de África, Asía e América Latina), escravizados con creces, e que merecen se lles resarza convenientemente.
Por exemplo, e abandonando a retórica propia dos encantadores de serpes, o primeiro paso debería encamiñarse á desaparición da especulación, do nazismo imperante nos denominados países occidentais ou ‘democráticos’, administrados por especuladores cuxa única fin e engordar as finanzas dun pequeno grupo de ditadores que, na sombra, poñen e quitan gobernos, tal e como lles conveña para incentivar os seus propios negocios. A seguinte medida sería a erradicación dos aparatos represivos (militares e todo tipo de forzas armadas, incluída a equipaxe bélica). Finalmente deberíase destinar a maior parte do presuposto universal a educación.
Isto é, basicamente, o que terían que esixir quen din representar aos asalariados para rematar definitivamente coa escravitude. O ser humano, de acordo coas súas aptitudes, proporcionaría o seu elo para a realización dun labor común que resultase beneficioso ao conxunto da humanidade.

'O cuarto Estado’, lenzo de Giuseppe Pelliza 
(1901, Galería de Arte Moderna de Milán)





29 de abr. de 2014

'O carallo vinte e nove'












Cando me din cabaleiro, dáme mal augurio. Paréceme que me faltan ao respecto. «Saia do coche, cabaleiro». É algo así como nomealo a un de ministro, pero sen ningún poder. «Cabaleiro, poña as mans apoiadas sobre o capó e separe as coxas». Coido que me din cabaleiro só para que eu lles dea as grazas por gozar da súa humillación. Chámame a atención. E sempre que escoito ese vocábulo, normalmente provén de xente uniformada.
Alguén debería dicirlles a tales señores (aínda non topei con ningunha señora) que xa non é así. Primeiro, deberíanlle ter un gran respecto a esas persoas que, semella, devecen por humillar. E segundo, como moito, tratalas coa cortesía de señor ou señora, sen máis. E ese alguén debería explicarlles tamén que a estas alturas (polo menos publicamente, e sobre todo por quen recibe a súa soldada da propia sociedade á que humilla) deben desistir desa expresión ridícula e procedente daquel Antigo Réxime. A estes uniformados non lles escoitei nunca denominar cabaleiras ou amazonas ás mulleres. «Cabaleiro, a súa documentación». Pero para as mulleres establecen o criterio de señora ou incluso ‘señorita’, que tamén é a quintaesencia do rancio, do antigo, do simplón, da falta de respecto á igualdade. Como moito, señor ou señora.
A expresión cabaleiro non goza, polo tanto, do meu entusiasmo. Paréceme algo do pretérito, daqueles tempos nos que España puxera unha ‘pica’ en Flandres. E o primeiro que aprenderon os ‘belgas’ daqueles españois foi o voz ‘amigo’. Naturalmente, cada vez que un prisioneiro flamengo escoitaba a expresión ‘amigo’, horrorizábase. «Amigo, amigo», mentres o introducían na cámara de tortura.
Talvez sería mellor utilizar menos certas expresións antediluvianas, sen esaxerar as formas, e respectar ás persoas sen máis, como se fose algo natural, de sempre, de toda a vida, que xa vai sendo hora.
Eu, cando un uniformado establece que debo renderme aos seus mandados, como moito chégolle a dicir:
            —Señor uniformado, dispénseme, non dispoño de cabalo.

[A todo isto, pese a que estamos en Galiza, estes uniformados, por norma, só falan castelá. Ou teñen ordes precisas para facelo así ou aprenderon ben esa parte da Constitución que lles confire a preferencia polo castelá]

'O cabaleiro andante'

22 de abr. de 2014

Gabriel García Márquez











A lenda di que o escritor colombiano e mexicano Gabriel García Marquez (Aracataca, Colombia, 1927-México, 2014 ) concibiu en nove meses os seus Cien años de soledad (1967) e grazas á inestimable axuda da súa compañeira de toda a vida que fixo todo canto estaba na súa man para que non lle faltasen nin folios nin mantenza para que escribise o que na actualidade debe ser algo así como o ‘Quixote’ do século XXI pese a que unha vez rematada a obra a editorial á que ía destinada lle negase o saúdo e o escritor tivese que recorrer a outra empresa que si coidou a posibilidade de sacarlle algún rédito e publicoulle os Cien años de soledad que tempo despois convertería a Gabo en Nobel de Literatura e nun dos escritores en lingua española de referencia no universal (sen respirar).
Esa é a lenda. A realidade, con todo, non deixa de ser moi semellante. Pois ese home gabado nestes días pola xeneralidade dos medios de comunicación foi tamén amigo de Fidel Castro e Salvador Allende, por exemplo. Algo que non lles merece moita simpatía á meirande parte dos medias do mundo. A facilidade de Gabo para contar contos víñalle xa dos seus tempos de xornalista: inventaba incluso as crónicas. E comezábaas «polo principio», como el mesmo deixou dito cando se lle preguntou como se iniciaba unha historia.
Cien años de soledad comezámolo a ler neste lado de Europa, xusto cando o ditador Franco daba as súas últimas rabexadas. Aquel fato de páxinas nas que predominaba a saga dos Buendía entretiñan a nosa imaxinación introducíndonos naquela aldea, Macondo, asolagada pola auga, promotora incluso da Biblia cos seus corenta días e corenta noites chovendo sen parar, coa auga rubindo de nivel no interior das casas ata saír finalmente polas fiestras.
Talvez sexa un tanto esaxerada esta visión, dado que pasaron moitos anos dende aquela primeira lectura e quizais se mesturen elementos cos da miña propia nenez, aló, na aldea de Tirimol, un día caloroso de verán, xustamente por San Xoán, que choveu a mares logo dunha gran tormenta, con lóstregos e tronos, que anegou as cortes das vacas. Espectacular Macondo, aquela sensación de desasosego que provocaba a familia Buendía, aquelas escenas que, mudando a linguaxe, podíanse encadrar en calquera lugar do mundo. De aí a consideración da súa contribución á literatura universal, emparellando, sen dúbida, a García Márquez con Cervantes Saavedra. Tal para cal.
«Revólver non é, en efecto, revolver; nin lágrima significa la grima». Algo que contempla a norma da escrita do idioma castelá, que para iso está, como calquera outro idioma. Nembargante, coidamos que Gabriel García Márquez non estaría moi de acordo co formalismo académico (ou os paspáns) dos asín ou almóndiga, etcétera. Porque non se trata de pechar ou esquecer como fala a sociedade. Débese, sobre todo, enriquecer. E enriquecer un idioma non é, dende logo, vulgarizalo, senón amplialo con expresións derivadas dunha especial singularidade.





16 de abr. de 2014

Chelo Facal ||| Conversa con:

Artes plásticas










Chelo Facal (A Coruña, 1953) cursou estudos de técnico superior de Cerámica Artística na Escola Paulo Picasso da Coruña, realizou cursos de gravado, modelado e escultura e foi galardoada co Premio Internacional de Cerámica do Museo Pazo Módena (Italia, 2003). Editora da publicación mensual El Artylujio (1986) e colaboradora no semanario A Nosa Terra, Chelo Facal realizou mesmo as ilustracións para os libros To be continued... (Manuel Carballido, 1990) e Kitaro / Ti (Brais do Castro, Novos Vieiros, 2001).
Os seus comezos na actividade pictórica represéntana a través dunhas disposicións anárquicas reflectidas na década dos oitenta, período no que a súa pintura flúe impulsivamente e produce de xeito prolífico, louco e divertido: emprega óleos, ceras tintas, lapiseiros, acuarelas, pasteis, acrílicos, anilinas ou barro; realiza gravados e tenta familiarizarse coa escultura en pedra sen perder de vista o traballo co vidro. Na década dos noventa, o seu labor é menos impulsivo, máis estático e máis técnico, que abandona a principios de 1996 para retornar cara o seu primeiro pulo dos oitenta (mesturado coa técnica dos noventa, que complementa a súa creación).

Pregunta.- Na actualidade, como te situarías?

Resposta.- Hai unha necesidade interna, á que lle son totalmente fiel, de reordenación de enerxías. A inspiración ou manifestación dunha obra forma parte desta nova reordenación. E para expresala utilizo, xunto coa miña propia aprendizaxe, técnicas e pescudas recorridas ao longo dos anos de labor. E, á vez, áchome aberta a novas propostas e xeitos que complementan esta enerxía. Cando un vive como artista, todo aparece como color, son, espazo e forma.

P.- Segundo a crítica, a túa arte pictórica oriéntase cara un expresionismo suave. Pero tamén aparecen na túa plástica outras presenzas. Algúns preséntanas como ‘arte pop’, «cunha acusada tendencia á arte visual do cómic». Cal é a túa propia definición?

R.- Cómpre salientar que malia que cada época e cultura crean a súa propia arte, áchanse condicionadas por un sistema de valores, iconas e múltiples significados que lles son propios. Somos unha influencia de todos os nosos coñecementos, tanto conscientes coma inconscientes. Trátase, polo tanto, dun conxunto de detalles, da influencia por todo canto acontece ao noso redor, polos nosos propios coñecementos, tanto conscientes coma inconscientes. E esa relación, xunto coa arte, conforman o reflexo desa harmonía que somos nós nesa ligazón con canto nos arrodea.

P.- Primeiro a pintura, logo a escultura. Quen influíu na túa decisión de achegarte á escultura? E como xurdiu?

R.- É tan extensa que non é fácil de explicar nun trazo, se ben podo dicir que responde a unha necesidade de continuar aberta a esa enerxía, abandonando as diferentes manifestacións e avanzando en distintas direccións.

P.- Hai inspiración realmente ou pintar ou esculpir é unicamente unha forma como outra calquera de realizar unha obra, sen máis? Existe realmente a arte?

R.- A verdadeira arte é unha liberación na selva do noso egoísmo, malia que só sexa durante un instante. Libéranos dos hábitos mentais repetitivos. Unha obra de arte ten ese poder. A esta expresión artística poderíaselle denominar arte ‘sacra’. Evidentemente, tamén existe outra ‘arte’, á que se lle podería configurar  como arte decorativa.

P.- Que é para ti a color? Que sentido teñen as cores nun lenzo?

R.- Se ben considero que todo son indicadores da verdade e a beleza, hai obxectos que, debido á súa excelencia, me devolven a esa verdade e a esa fermosura. E, para min, a color é unha desas singularidades.

P.- Que tipo de materiais empregas na escultura?

R.- Utilizo ferro, madeira, barros de baixa temperatura, con chacota e gres, e chacota de alta. Nalgún momento traballei con cartón pedra.

P.- Nestes días exhibes a túa obra (pintura e escultura) no Colexio de Médicos da Coruña. Que é o que propós nesa mostra?

R.- Sería interesante que a mente do espectador, nunha primeira ollada, abandonase o proceso conceptual culpable de definir, e que non dividise o que non está dividido. Que quedase libre dos seus pensamentos e do excesivo sentido de si mesmo. Que observe e se relaxe e reencontre as enerxías e viva un reflexo da harmonía que gozamos en común co que nos abeira.

P.- Finalmente, como ve unha artista á sociedade actual? Débese comprometer ou o seu traballo debe transcender unicamente no mundo do etéreo?

R.- A sociedade actual é un sego do que somos nós mesmos como individuos separados. Non debemos esquecer que a sociedade conformámola nós. O artista, como calquera outra persoa, se busca honestamente no seu interior, verase reflectido no mundo exterior. E, por conseguinte, na súa propia obra.

Chelo Facal exhibe a súa obra no Colexio Médico da Coruña








3 de abr. de 2014

'Comercial'
















No Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) tiven a oportunidade de ver a curtametraxe Comercial. Producida por Fílmika Galaika e dirixida por Roi Carballido, trátase, sen dúbida, dunha nova xeira no campo do audiovisual galego.
O argumento baséase nun mozo, Marcos, de mediana idade, que leva unha vida solitaria, patética e aburrida, reside nunha casa de campo afastada da cidade e traballa como vendedor en zonas rurais. Pero apenas ten pedidos. E o seu patrón dálle un ultimato: ou vende, ou ao final do día acabará no paro.
O mundo dos vendedores, ou dos comercias, é certamente problemático. Se ben é unha especialidade que depende principalmente das comisións, non é fácil adaptarse ás vicisitudes diarias presentes en moitas das citas ás que estes comerciais acoden co ánimo de aproveitar o día. Con todo, unha pequena porcentaxe destas persoas dedicadas á venda áchase perfectamente preparada para sobrevivir, e en moitos casos, superar todo tipo de obxectivos económicos.
Pero o que Roi Carballido quere mostrar nesta breve historia non é precisamente ao gremio de comerciais. É máis ca nada a anécdota da propia a inmensidade daquelas persoas que non senten o máis mínimo interese por facerlles dixerir aos seus destinatarios as ofertas da grande ou pequena empresa que os incita a mudar as ideas dos seus imprevistos clientes. Sobre todo, cando estes clientes pretenden calquera cousa menos o que lles presentan os escravizados comerciais.
Nesta visión de Comercial aparece o Marcos, que non entende ese formato de traballo. El non está preparado para semellante embrollo. E tampouco a súa cabeza. A presión é terrible. Mais parece que non lle queda outra que insistir dada a súa precaria situación económica. E nese tránsito sucédenlle as cousas máis estrañas que rexen ese mundo.
E aquí aparecen os actores, elenco composto por Carlos Villa, Mariana Expósito, Manuel Suárez, Tucho Lagares, Mela Casal, César Goldi e Patricia Vázquez. Cómpre salientar a Carlos Villa, que ata lle queda ben o traxe, que seguramente utiliza escasamente. Cunha produción máis ben parca, como case todo o que acontece neste país, o produto é máis ca digno. A min, particularmente, gustoume moito máis ca algunha desas curtametraxes que dispoñen de actores de primeira división e dun gran capital.
Producida por Fílmika Galaika, en cor, de quince minutos de duración, Comercial rodouse practicamente en trescentos metros, malia que aparentemente pareza que se botou man de moitas localizacións.
O equipo técnico compuxérono María B. Gestal (axudante de dirección), Pedro Castanheira (fotografía máis ca aceptable), Roi Gil (son) e Alberte Lobelle (montaxe).




Carlos Villa nunha escena de 'Comercial'
















10 de mar. de 2014

Non nos representan!



Nesta nova xeira de totalitarismo (nazismo, fascismo, etcétera) que atravesa a humanidade (moito máis escravizada, se cabe, dada a proliferación de medios dispoñibles), non hai máis solucións ca a rebelión ou a invocación relixiosa (a segunda, certamente é como xogar á lotaría).
Elementos como os que coñecemos todos (o nomealos só é concederlles mérito), que babexan por subordinarse, inclinarse e adorar aos seus deuses financeiros (mediocres, que o único que fixeron durante a súa vida foi todo o contrario do que predican: estafar, falsificar, delinquir, aterrorizar, escravizar e todo canto de negativo leva enriba o ser humano), engordan as súas fortunas a cotío a costa do resto da humanidade coa escusa da legalidade.

Pois estes elementos que se horrorizan polo separatismo, pola expresión en liberdade, por unha educación crítica, etcétera, etcétera, pretenden que a escolla social para abandonar a escravitude sexa a invocación relixiosa e non a rebelión (tal como aquela canción: «Chegará o día no que a tortilla se volva e o pobre coma pan e o rico merda...»). A estes elementos frívolos e desafogados mételles medo a cultura: que a humanidade pense e se enfronte. Todas as súas leis caerían e arderían na fogueira da súa propia inmundicia. Deixarían de ser deuses e converteríanse en vermes, espidos, sen uniformados armados que defendesen as súas diarreas.